Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Leo, voz e guitarra criolla en Che Sudaka

"Mellor que vivir da música, nós vivimos coa música, 24 horas con ela"

Aproveitando que van pasar unhas 12 horas na furgoneta, porque veñen de mini-xira por Galiza, collemos un membro do grupo barcelonés Che Sudaka e falamos con el do movemento musical da rúa na capital catalá, e de outras cousas.

Redacción - 18:00 09/08/2007
Leo, voz de Che Sudaka

Leo, voz de Che Sudaka

Na sexta feira, aí polas dez da noite, a prezos populares, o grupo mestizo de Barcelona, os Che Sudaka, tocan en Compostela, no local social d'O Pichel. En Vieiros aproveitamos para collelos antes que sentasen na súa furgoneta para cruzar por enésima vez a península dun lado ao outro, porque xa van case vinte veces que o fan, para vir tocar a Galiza.

Hai un ano fixeron unha intensa xira polo noso país, da que saíu aquel recompilatorio, A Per Loca, que creou despois varias redes de contacto entre varios grupos galegos, que agora, unidos en Komunikando, seguen a falar dos seus proxectos, concertos e traballos.

Che Sudaka é un grupo de que comezou tocando na rúa, e esa filosofía, a de grupo de rúa é a que os mantén. De cando en cando aínda foxen para tocar para os paseantes, porque ao comezo, e tamén agora, viviron diso, do que lles daba a música.

Todos os membros da banda son sudamericanos que chegaron a Barcelona comezando o século XXI. Arredor de 2001 todos coincidiron na praza barcelonesa do Trippi, no barrio gótico, e dende aquela fóronse xuntando, indo uns e vindo outros para formar a banda que agora son e darlle nome: son os Che Sudaka: Checo, Cordobés, Jota, Cachafaz, Marcelo e Leo... de todos eles, falamos con Leo, a voz e maila guitarra criolla e o único que se mantén dende os comezos da banda.

Cantas veces teñen viaxado a Galiza para tocar en directo?

Xa perdemos a conta. Van case vinte veces. O primeiro ano, xa constituídos como grupo, fomos a Lalín, á Foliada; o segundo ano á Noite do Trasno, en Beluso (Bueu). Logo en 2004 volvemos á Foliada. O ano a seguir fixemos unha xira máis longa, de 11 días con 11 concertos, a un por día sen descanso. Tocábamos de luns a luns polos bares, e sempre estaba cheo. Sempre tivemos en Galiza unha resposta moi positiva.

Como se coñeceron? Como chegaron a se xuntar e formar a banda?
Todos chegamos a Barcelona buscando o mesmo, cada un polo seu lado. En marzo de 2001 fómonos coñecendo e o grupo, pouco a pouco, foi tomando forma. Eu son o único que quedo dos comezos. Hai tres años que estamos tocando os mesmos, mais somos unha banda de rúa, en orixe. Os escenarios aínda case non o pisamos. Non se pode dicir que "désemos un salto ao escenario" nin nada diso, porque seguimos tocando na rúa e esa é a nosa filosofía.

E tocar na rúa dáballes daquela para comer? Dálles agora?
Sempre nos deu para comer, porque cando chegamos, e tamén agora, é do que viviamos. Este sempre foi o noso único traballo. A rúa é o lugar de traballo de moitísima xente, non só músicos. Nós sempre defendemos, foramos onde foramos, o traballo dos músicos de rúa.

Agora, por exemplo, está prohibido tocar na rúa en Barcelona, o que é un fastidio para moita xente, nós incluídos. Mais sempre que podemos, cando andamos de xira polo norte de Europa, volvemos ás rúas, onde non está prohibido tocar... aínda.

En canto a se vivimos da música, eu penso que é mellor dicir que vivimos coa música. Dedicamos a isto 24 horas das nosas vidas.

E segue a haber moito movemento musical da rúa na vella Barcelona?
Unha chea! A pesar de que xa non nos deixan tocar, hai moitísimas bandas que tocan na rúa, coas que non perdemos contacto. Daí saímos nós, e outras bandas, ao gravarmos, a comezos do 2001, o cedé recompilatorio La Colifata, que produciu Manu Chao.

E agora, despois dos dous concertos programados este ano en Galiza (en Compostela o 10 de agosto, o 11 de Arzúa e en Ferreira de Pantón o 18 de agosto), van seguir coa xira por Europa?

Imos seguir, si. Temos que tocar por Suíza, Francia, Alemaña, Hungría, Austria... unha chea de países. Temos a sorte de poder comunicar o que facemos. Tocamos moi desinhibidos, entregados moitas veces axudados polo apoio do público, que sempre dá o cento por cento en cada concerto e aínda que non entenda a letra, sabe de qué vai a cousa.

O novo cedé que presentan, Mirando el mundo al revés, como o definiría? Ten algo do seu anterior traballo, Alerta Bihotza?
Os dous traballos parécense, e non se parecen. Está gravado como se fose na rúa, en formato acústico, mantendo a continuidade con Alerta Bihotza, xa que tamén cantamos en moitas linguas distintas; até hai un tema en xaponés. Está todo feito cun caixón baixo, dúas guitarras españolas e voces. Se Alerta Bihotza era moi roqueiro, agora estamos pasando por outra época, e este disco é máis claro e ordenado.

Vostedes foron os artífices de A Per Loca, o recompilatorio de bandas galegas que saíu o ano pasado. Como naceu esta idea?

A Per Loca naceu como apoio a unha gran parte do colectivo musical galego, apoiado tamén a través da web Komunikando. Nós xa tiñamos experiencia coas compilacións dende La Colifata, que deu a coñecer a nosa banda. Despois da xira que fixemos en 2005 polo voso país entramos en contacto con moitas bandas, e todas andaban no mesmo. Pedímoslles unha canción a cada unha e fóronse difundindo en Komunikando. Queríamos que a xente chegase ás bandas de Galiza, dende fóra de Galiza.

Como definirían o estilo, en poucas palabras, da súa banda?

O noso espírito é moi simple. A min gústame dicir que temos "garra, huevo e corazón", como se di alá na Arxentina. Vén a dicir algo como que poñemos todo, para recibir. O que nós facemos é unha caste de periodismo musical , no que tratamos de comunicarnos e interactuar co público. O que nos gusta é que a xente estea positiva, por iso berramos sempre Arriba la baina!

Velaquí podedes ver o vídeo do tema principal, que lle dá nome ao seu último traballo, Mirando el mundo al revés:


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os Che Sudaka en concerto
Os Che Sudaka en concerto
Os Che Sudaka todos xuntos no Raval. Imaxe de Marta Pujol
Os Che Sudaka todos xuntos no Raval. Imaxe de Marta Pujol
Tocando na rúa
Tocando na rúa
Outra imaxe de todos xuntos
Outra imaxe de todos xuntos
Capa do novo cedé dos Che Sudaka, 'Mirando el mundo al revés'
Capa do novo cedé dos Che Sudaka, 'Mirando el mundo al revés'