Así o preguntan desde a Asociación pola Defensa da Ría, colectivo que considera que o Goberno non está respondendo ao compromiso adquirido para o traslado do complexo industrial Ence-Elnosa.
"É ineptitude ou é connivencia?". Tal é o razoamento que fan desde a Asociación pola Defensa da Ría, APDR, ao fío da actualidade sobre as factorías de Lourizán. Pregúntanse os veciños "que razóns hai para incumprir o acordo programático de sacar o complexo Ence-Elnosa da súa actual localización?". Lembran ademais que hai máis de vinte meses que o colectivo lle pediu a primeira entrevista ao conselleiro de Medio Ambiente e de momento non hai cita para esa xuntanza.
"Están poñendo en perigo o necesario proceso de saneamento e recuperación da ría de Pontevedra", quéixanse desde a APDR, advertindo de que a Xunta non está tratando "co rigor necesario" o traslado das fábricas. "Cada día son máis as evidencias que fan pensar que o actual Goberno non está disposto a actuar decididamente, para adiantar a data de saída do complexo da nosa ría", láianse.
A asociación repróchalle á Xunta a serie de declaracións "para xustificaren a súa suposta preocupación polo tema", ao tempo que na opinión do colectivo o executivo trataría de evitar o traslado antes de 2018. "Fan pensar en que o goberno galego está disposto a dilatar indefinidamente esta transcendente decisión", advirten. Por iso, pregúntanse se "esta actitude da Xunta de Galicia resposta á súa propia ineptitude ou se polo contrario se trata dun caso de aberta complicidade coa empresa pasteira". "En calquera dos casos a inoperatividade do Goberno resulta máis que evidente", denuncian.
No Canal Verde poden ler o comunicado completo da asociación: A APDR denuncia a absoluta inoperatividade da xunta no tema Ence
Por suposto que connivencia, *s veciñ*s importámoslle un c...tamén á (J)Xunta.
Estarán agardando a que o SEÑOR DO GRANDE PODER da zona, o Ceferino Nogueira, para quen ata lle estramos con fundos públicos, esto é, pagados polos que menos temos na sociedade, un ferrocarril particular para os seus negocios, -anque fendera pola mitade a praciña única ca que contaban as xentes de Os Praceres-, teña resolto xa abalanzarse sobre os terreos que, presumiblemente, abandonará por lei (ehem!, xa me entenden) a ENCE-ELNOSA no 2018.
Por certo que o comité de empresa dos traballadores de ELNOSA pretende facernos tragar que a sua empresa e o seu modelo de fábrica e de fabricación son "necesarios" para a LIMPEZA de cada día (nos fogares). Por ahí non pasan. Hai outros sistemas de fabricación, outras relacións cos habitantes circundantes, mesmo de seguridade, etc. E non me alongo nos pormenores!