Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
ATE O XOVES NA MANZANA DE LAS LUCES

"A inmigración deixou fondas pegadas na identidade nacional arxentina"

Na inauguración das xornadas Buenos Aires Gallega, académicos e funcionarios arxentinos e peninsulares salientaron o rol dos galegos na edificación do país austral e nos seus momentos históricos determinantes. Crónica de Débora Campos.

Débora Campos - 12:30 16/08/2007

Coa presenza de destacados académicos, de funcionarios e do embaixador de España en Arxentina, Rafael Estrella Pedrosa, e o cónsul xeral Eduardo Cerro Godinho, comezaron este martes as xornadas Buenos Aires Gallega: Inmigración, pasado y presente, un ciclo de tres días para investigar, debater e repensar o pasado e o presente da diáspora galega na cidade de Buenos Aires.

Durante o acto inaugural falaron a secretaria xeral da Comisión para a Preservación do Patrimonio Histórico Cultural porteño (CPPHC), Leticia Maronese; a directora do Instituto Histórico, Liliana Barela; e o embaixador de España en Arxentina, Rafael Estrella Pedrosa. O diplomático asegurou: "Esta iniciativa é necesaria. Hai un baleiro no recordo desta inmigración e, no marco da celebración do Bicentenario, é moi importante recuperar esta memoria e a memoria oral".
Estrella Pedrosa lembrou a promesa do Estado Español na reapertura do mítico teatro Cervantes: "Repito que España ten un compromiso para salvar ao Cervantes e tamén un compromiso con todo proxecto que busque conservar e recuperar a memoria".

Algo antes do diplomático, Barela asegurou: "Esa inmigración galega deixou fondas pegadas na identidade nacional arxentina e por iso un xeito de marchar cara ao Bicentenario é revisar esa influencia e recoñecernos neles".
Logo da inauguración, a mesa foi ocupada polos académicos que conformaron a primeira das mesas redondas que tiveron sitio este luns: o profesor universitario e historiador Xosé Manoel Núñez Seixas, o recoñecido historiador arxentino e profesor de referencia na Universidade de Bos Aires (UBA) Fernando Devoto e a doutora Nadia De Cristóforis, investigadora do Conicet.

Na súa participación, Devoto reconstruiu a Bos Aires do ano 1910 (nos días do Centenario da Revolta de Maio) e asegurou: "A festa organizada polas elites arxentinas cambiou porque os inmigrantes fixeron dese Centenario o seu propio festexo". E antes de rematar, opinou: "Debemos celebrar que cen anos despóis, a Arxentina poida pensarse coma un país máis diverso e máis plural que daquela".

Logo, Núñez Seixas teceu coa oratoria que lle é ben coñecida e sen deixar escapar o interese dos asistentes un panorama da inmigración galega en Bos Aires entre 1750- 1930. o académico galego lembrou que para o ano 1850 os galegos representaban o 4 por cento dos habitantes da capital da Arxentina e percorreu míticos tópicos: dende o urbanismo dos galegos até os seus oficios e traballos maioritarios na diáspora, dende a lingua até os chistes de galegos.

No remate, a doutora en Historia Nadia De Cristóforis radiografou a última emigración galega: a que chegou logo da Segunda Guerra. Sobre eses emigrantes, a experta explicou: "Proviñan principalmente da Coruña e de Lugo, o 97 por cento chegaba á Arxentina por primeira vez e máis da metade eran solteiros, mentres o 57 por cento dixo ao chegar que eran labregos". A investigadora do Conicet, detallou o enorme mercado ilegal de documentación ao que moitos galegos tiveron que recorrer polas durísimas esixencias legais para emigrar.

As Xornadas continuarán ata o 16 de agosto. Este encontro reunirá a especialistas arxentinos e estranxeiros para debater sobre os múltiples aspectos da inmigración galega na cidade de Buenos Aires e os seus arredores. Haberá mesas redondas e números musicais.

O encontro é organizado pola Comisión para a Preservación do Patrimonio Histórico Cultural do Goberno porteño, a Academia de Historia da Cidade e o Instituto Histórico da Cidade de Buenos Aires. Colaboran na organización o Arquivo da Emigración Galega, a Xunta de Galicia, a Fundación Xeito Novo (de Buenos Aires), e o Museo Roca.


3,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: