Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Xogos tradicionais

A Pontenova será epicentro dos xogos e deportes tradicionais de Galiza, Castela e León, Asturias e Portugal

A I Mostra de Xogos Tradicionais celébrase o vindeiro 25 de agosto na vila da Santalla, no Concello da Pontenova. Bolos, chave, billarda e moitos xogos máis poderán practicarse durante toda a xornada.

Redacción - 11:30 17/08/2007
Xogando aos pelouros

Xogando aos pelouros

O Torneo Galego de Bolo Celta, o Torneo de Chave, a Billarda, diferentes modalidades de Bolos, o Corte de Troncos en Altura, unha exposición e un obradoiro de xoguetes tradicionais conforman algúns dos preto de 60 xogos e deportes tradicionais de Galiza, Asturias, Castela e León e Portugal que se poderán ver e practicar o 25 de agosto en Santalla, no concello lugués da Pontenova.

A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT), Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional, o Club Deportivo 6 Conceyos (Asturias) e a Asociación Cultural La Tanguilla (Castela e León) e diferentes Federacións e Asociacións culturais e deportivas serán as entidades encargadas de amosar os xogos e deportes tradicionais máis destacados das súas respectivas comunidades.

Na presentación desta xornada lúdica estaban o alcalde da Pontenova, Darío Campos; o delegado provincial da Consellaría de Cultura e Deporte, Xoan Xosé Molina; o deputado lugués, encargado dos deportes, Antón Veiga; o secretario de Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional, Paco Veiga e Carlos Bermúdez, membro do Comité Organizador da Mostra.

Xogos tradicionais: cando xogan os vellos cos novos
Todos os intervintes na presentación destacaron a importancia da recuperación dos xogos tradicionais, que axudan a dinamizar a vida nas vilas, e a interacción e convivencia entre novos e vellos. Tamén se falou da posibilidade de que esta xuntanza se converta nun evento de referencia en toda Galiza, sobre todo pola diversidade e cantidade de actividades distintas que a compoñen.

Por outra banda, o evento desenvólvese nunha parcela de 4.000 metros cadrados da vila, rodeada de alpendres, cabozos, hórreos e monte, sen dúbida nun marco incomparable semellante aos espazos utilizados antigamente para a realización destes xogos.

O obxectivo desta mostra, que a organización pretende consolidar nos anos vindeiros, é a de concienciar á cidadanía para que non esqueza os xogos e deportes que se practicaban antigamente, e non só iso, senón que os adultos e maiores ensinen aos nenos e nenas como se desenvolven estes xogos, que conforman o patrimonio lúdico, para que volvan a formar parte do seu tempo de lecer.

Deporte no medio das leiras
Asociacións e deportistas de toda Galiza, Portugal, Asturias e Castela e achegaranse á Pontenova para exhibir os xogos que practican nas súas zonas e ensinarlles aos asistentes a orixe destes, o seu desenvolvemento e as súas variantes.
Preto de 60 xogos e deportes tradicionais poderanse ver e practicar na pequena vila de Santalla, o vindeiro 25 de agosto, dende o mediodía até as 19:00 horas da tarde.

De entre todas as actividades destacan o Torneo Galego Individual de Bolo Celta e o Torneo de Chave, que traerá xogadores de toda Galiza até Santalla.


4,9/5 (10 votos)


Comentarios (6)

Tino #1 17/Agosto/2007 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Como me gustaria volver a xogar á billarda... pero non teño con quen na miña zona.

Tonecha #2 17/Agosto/2007 Tonecha
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Podes mirar eikí, a ver como anda a cousa pola túa zona... na site oficial da Liga Nacional de Billarda: http://www.ovaral.blogspot.com... Ou preguntarlles a eles, que son os que controlan. Pero máis alá, debe haber billardeiros nalgunhas outras zonas, iso si, seguro que como no futbolín, cada un xoga cunhas regras ben distintas... cada un as da súa casa!!!

xviluba #3 17/Agosto/2007 xviluba
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tino e Tonecha auténtico poder billardeiro!! , a LNB é pioneira en promulgar e exercer un único regulamento para todas as competicións que ampara baixo o seu amplo paraugas ó longo de todo o país. no web e no correo ovaral@hotmail.com podedes pedir ista normativa e facer que a serpe LNB se desprace ate donde vos estades. outro deporte xa está a ser posíbel!!

Barcelos #4 17/Agosto/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O epicentro?. Miúdo terremoto

bcngz #5 17/Agosto/2007 bcngz
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

o Cartaz porque pon Castilla-León en troques de poñer Castela e León?

Maeloc-do-Rouco #6 18/Agosto/2007 Maeloc-do-Rouco
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Estes catro paises nom conformarom a chamada Cultura dos Castros?? Estamos a falar da Galecia?? (Galiza, Asturies, Norte de Portugal e Leom: Galleacia Lucense, Gallecia Braccarense, Gallaecia Asturicense -referida tanto a Asturies comoa Astorga-)...AS VEZES SOM BOS OS EXERCICIOS DE LEMBRANZA HISTORICA, sobre tudo pra aqueles que XAMAIS XAMAIS abrirom os olhos nem a memoria, nem a cultura nem a historia...e os jogos-desportos tradicionais abrangem ambolos tres...Sem prejuizos cara nos propri@s e com respeito cara tud@s

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete