Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xacarandaina, cara aos trinta anos de historia

Unha comarca por un país

Henrique Peón leva máis de quince anos dirixindo os espectáculos do Grupo de Bailes e Música tradicional Xacarandaina. Detémonos en “Prestixio”, a última das postas en escena da agrupación coruñesa.

Jéssica Beiroa - 09:30 18/08/2007
Tags:

Con máis de 50 persoas, a peza dá conta do ciclo de bailes e cantos da comarca de Bergantiños e si, o título está directamente relacionado co “Prestige”, aínda que puxa con máis forza o significado de alto valor.

A zona de Bergantiños é unha das que Henrique Peón, director de Xacarandaina desde o 1982, investigou moito durante anos. Segundo nos conta, é debido á grande riqueza da zona que este espectáculo que agora está en xira polo país, “Prestixio”, recolle as tradicións da comarca. Nela entra desde unha ribeirana, “peza que se perde na antigüidade”, característica da Costa da Morte, até danzas gremiais, entre outras.

Con dúas horas de espectáculo, “Prestixio” pretende representar o ciclo do ano e amosar esta riquísima comarca. “É a primeira vez que se fai un espectáculo concreto”, di. Un afiador de Ourense conta o que veu na comarca cando chega ao seu pobo logo dun ano de traballar alí. É unha historia con guión, “e está presentada desde dentro de nós mesmos”. A razón desta reflexión atopámola mirando a traxectoria do grupo.

Nos máis de quince anos de Henrique como director deste tipo de postas en escena, as que precederon a esta proposta foron “colaxes” de danzas e cantos de todo o país sen tomar como referente ningún territorio por riba doutro. “Prestixio” percorre Galiza durante este mes de agosto e estará en cartel até o próximo ano, xa que a produción é custosa e amortizar é preciso, salienta Peón. En Burela o 14, o 20 en Betanzos e o 25 en Laxe esta agrupación presentará o espectáculo sobre Bergantiños ao público.

A obra non quere perder a estela da produción cultural saída do “Prestige”. Se reparamos no cartel da mesma veremos unha reinterpretación ou un redeseño da iconografía que fixo época na cartelería e no deseño galegos. Peón conta que “escenificamos o ciclo do ano, iso que foi tan importante desde sempre e que agora non tén ningunha relevancia” e queren pór en valor a comarca logo do desastre do petroleiro. Investíronse moitos cartos na Costa da Morte cando o do Prestige, afirma o director, investiuse menos en cultura, algo máis en infraestruturas, “pero unha das zonas culturais máis ricas de Europa, debería contar con investimentos en políticas culturais moito máis ricas”. Investir na arte e na tradición é o que este artista bota en falta en Bergantiños e, dando unha ollada rápida, a todo o país.

O folclore galego na Galiza
Segundo apunta o director da peza, “fomos o primeiro grupo en vender espectáculos de folclore tradicional puro e duro”. O caso que nos ocupa, “Prestixio” concentra 50 persoas en escena. A pouco que se mencione o folcore galego, o artista e coreógrafo fai ver unha situación precaria para as tradicións galegas. Quéixase de que, para facer este tipo de representacións, hai que alugar os teatros as vésperas “pero moitas veces, para nós a estrea é un ensaio, xa que probamos e actuamos nese mesmo momento”.

Xacarandaina é unha asociación xuvenil e cultural e os fondos que posúe teñen que tapar moitos furados, como na maioría de asociacións deste tipo. Tivo e tén presencia internacional e recoñecemento no país ao igual que outras tantas. Para dar conta da situación de “precariedade”, Peón afirma que, ademais organizar este tipo de eventos, como son os espectáculos, nunha cidade coma A Coruña, os concursos do Colón, o día da muiñeira, as romarías con pulpeiras, os seráns pola noite... son pouco menos que carreiras de obstáculos contra unha cultura de rexeitamento cara o noso, di.

“Somos nós, sen ataduras de ningún tipo, espidos, iso é o folclore”. Isto déixao caer sen medo. É certo que desde fai tempo que se poñen os medios, pero parece que o folclore é a “irmá pobre”. Para Henrique Peón, hai un complexo coa cultura empezando polo idioma e seguindo xa coa arte inmaterial. O folclore é arte inmaterial, non se suxeita en pedras, non é unha igrexa ou algo semellante, di, e aí cabe o traballo de centos, por non dicir milleiros de persoas que representan espectáculos do estilo de “Prestixio”ou que se dedican a calquera faceta da música tradicional. No entanto, o público parece saber ver o mérito dos bailarís, bailarinas, músicos e demais actores desta peza. Segundo o director, “é marabillosa a resposta do público, de feito, está pensado para que che toque a fibra”, apunta, sen chegar á agresividade.


4,86/5 (7 votos)


Comentarios (1)

o_de_remedios #1 18/Agosto/2007 o_de_remedios
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Vou ocupar o posto de OBSERVADOR, que deve estar de férias(que sorte tens! :-) )
"Escea"? "Escena",que polo menos é lógica! ou melhor ainda "cena". escea=zoa=televexo...prestigiem,por favor:-)

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: