Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Afirma para Vieiros que se están espallando "falsidades"

Yolanda Castaño di que non pretendía retirar a súa caricatura

Os Aduaneiros sem fronteiras contradín a versión da poeta.

M. del Río - 17:30 18/10/2007

O peche do blog Aduaneiros sem fronteiras despois de que o avogado de Yolanda Castaño lles pedise que retirasen uns contidos que consideraba difamatorios para a poeta segue a dar que falar. A resposta do blogomillo non se fixo agardar, e poucos son os blogs do país que non traten o asunto. En O mundo desde un chimpín hai unha recompilación das entradas.

Asemade, creouse unha páxina denominada Todos somos aduaneiros, onde se ofrecen banners de apoio ao blog paródico coa mensaxe “Eu son aduaneiro sem fronteiras”. Tanto a poeta como os artistas gráficos explicaron o acontecido para Vieiros:

Yolanda Castaño: Non houbo demanda. Están colgando calumnias, mentiras e falsidades por aí adiante insistentemente, non sei con que obxectivo. No seu blog había comentarios dos que, algún, unha minoría, contén insultos gratuítos e soeces. As malas críticas, levo 13 anos convivindo con elas, pero isto xa eran insultos gratuítos que non merezo nin eu nin ninguén. Esperei a que reflexionasen ou se desen de conta e pulisen os comentarios e peiteasen os que puidesen ser inxuriosos. Deixei unha marxe bastante longa, de sete meses, para que reflexionasen, porque eles son os que permiten ter comentarios no blog. Como me parecía inxusto que eu sexa a aldraxada e aínda teña que andar detrás deles pregando, fixen que contactase con eles un terceiro, un amigo avogado.

“Nun correo electrónico, amistosamente, convidounos a retirar os insultos. Nunha primeira fase de negociación, pedíuselles que retirasen tanto os comentarios como a caricatura, porque non nos parecía moi axeitada, aínda que sempre coa intención de negociar. Non tiveron a vontade de poñerse en contacto comigo. Estabamos á espera dunha contestación deles ofrecéndonos unha postura intermedia para poder chegar a un acordo. Con que retirasen os comentarios inxuriosos xa era dabondo. Ademais, non houbo ameazas de ningún tipo, só foi unha advertencia. Isto forma parte dun proceso: logo habería un acto de conciliación, non tería por que rematar nun xuízo. Suponse que no medio desa negociación, que se estaba a iniciar, rebentárona co que eu entendo como un ataque, no que acabo por ser insultada e a mala da película por tentar defenderme. Respecto o seu traballo, sempre que eles me respecten. Non teño a intención de que se peche o seu blog e son unha defensora da liberdade de expresión. Utilizáronme de cabeza de turco para pechar a bitácora.

Vieiros: Pensa que isto pode rematar nun acordo entre as dúas partes?

Sempre houbo vontade de chegar a un acordo, pero eles demostran que non queren dialogar. Eu si que estou disposta a que se deixe colgada a caricatura, pero os insultos creo que non se poden publicar.

E como valora a reacción do blogomillo en apoio de Aduaneiros?

Estase volvendo a facer un uso irresponsable da rede. Estou moi enfadada coas persoas que non contrastaron a información e só atenderon a unha das dúas partes, que ten unha información bastante sesgada. Entendo que o vitimismo cobre moita atracción.

E o feito de que, a pesar de que se retiren os insultos, sigan aparecendo na caché de Google, á que se pode acceder dende algúns blogs?

Non sei cal sería o comportamento máis axeitado para as persoas que somos insultadas. Iso xa forma parte do código ético dos internautas”.

Dende Aduaneiros sem fronteiras dan unha versión que contradí as palabras de Yolanda Castaño:

“O avogado deunos dez días para quitar a gráfica e os comentarios, baixo a ameaza de levarnos a xuízo. Tentamos achegarnos a ela para solucionalo e díxonos que non. Entón falamos cunha avogada, que contactou co seu avogado. Dixémoslle que estabamos dispostos a retirar os comentarios cos insultos, pero non a gráfica, pois queremos que se respecte a nosa liberdade de expresión e o dereito á parodia. Pero o avogado non puido contactar con Yolanda Castaño até unha semana despois. Entón, o representante contestou e insistiu en que había que quitar as gráficas e deunos outros sete días de prazo, até o luns da semana que vén, ou que senón iamos a xuízo.

“Decidimos retirala, porque non nos queriamos meter nun proceso xudicial, e acordamos pechar a páxina e levar o asunto a un xuízo público, do mesmo xeito que ela nos quería levar a un xuízo penal. Estabamos dispostos a eliminar os comentarios, aínda que non moderamos constantemente, como tampouco o fan a maioría dos blogs da rede. Denunciamos publicamente a situación. Estabamos convencidos de que esa gráfica non tiña por que retirarse.

“Levamos facendo isto durante anos e desexamos non ter por que someternos a un xuízo legal. Houbo unha reacción tremenda de apoio na internet, e houbo tamén críticas, pero o peche non é máis ca unha medida de presión. Non o fixemos porque quixésemos pechar e buscásemos unha escusa.

“Agora Yolanda Castaño minte, dicindo que aceptaría só a retirada dos comentarios, cando o avogado nos daba sete días para eliminar a gráfica, e dixo que non houbo ameazas, cando si que as houbo: dúas ameazas e dous prazos, un de dez días e outro de sete, e non foi nada amigábel.

“Sentímonos atacados como humoristas gráficos, e pechamos o blog porque nel hai moitas outras gráficas que, se hai un precedente, tamén nos poden meter en problemas. Por iso non o abriremos mentres non se poida garantir o noso dereito á parodia”.

O xoves á tarde, Aduaneiros sem fronteiras publica un novo comunicado que insiste na contradición das palabras de Yolanda Castaño e que reproduce o texto da carta enviada polo avogado da poeta a un dos responsábeis da páxina. Pola súa banda, Castaño ten previsto sacar outro comunicado o venres.


4,61/5 (28 votos)

Novas relacionadas


Comentarios (21)

galeguzo #1 18/Outubro/2007 galeguzo

Várias cousas:
1) A decisão de fechar o sítio é dos administradores do mesmo, não da senhorita YC.
2) Se eu me sinto ofendido por um comentário ou vários, contacto pessoalmente o administrador do blogue, não lho peço a terceiras pessoas, e menos a um advogado... ou a alguém da brigada de delitos informáticos :-p
3) A legislação actual ampara o direito a fazer paródias e críticas de personagens públicos, categoria dentro da qual entra a senhorita YC (escritora, apresentadora de TV e directora da galeria Sargadelos da Corunha).
4) Acho que a decisão de encerrar o sítio é desproporcionada, mas como se diz vulgarmente, 'o medo é livre' (caso 'El Jueves'...), e pode-se dizer que a atitude do advogado algo ajudou neste sentido...
5) Instar a, e dar prazos para, não parecem atitudes muito amigáveis...

ecoe #2 18/Outubro/2007 ecoe

Por mais que intente mentir as intencións, a mesmísima diva dí mais enriba cal é a traxectoria camiño do xuízo. Ó cal non se chegaría no caso de recuar os Aduaneiros.

En resumo, non acepta "nin ós rinocerontes nin os seus cornos"!

TOD*S SOMOS ADUANEIR*S!!!

subver #3 18/Outubro/2007 subver

Estamos en pleno retroceso...

Pasa agora como pasaba hai décadas, que un acodía a un bar, falaba do que non debía, e o amenazaban con botalo, ou botábano directamente. Parece que non superamos isto, porque se os donos dos bares xa non teñen por que fedellar nas opinións dos seus clientes, por que ten que facelo o administrador dun blog, cando vén a se-lo mesmo? Hai moita hipocresía, de feito non entendo por que esta clase de comentarios está ben visto escoitalos na rúa e non lelos na rede. Algún (ou máis ben, algunha) debe ter medo de que as verbas non queden no ar, carecendo de personalidade para apandar co que digan dela. Eu non vou a un sitio onde poida que estean a falar mal de mín para facerlles calar, sería inmaduro pola miña parte. Pero Yolanda parece que non é quen de vivir con adversidades.

Semella infantil pedi-la retirada dos comentarios entanto cada quen pode saca-las suas propias conclusións, mais o que non ten coerencia é "ir de boíña" vendéndonos a todos a súa infinita comprensión e complicidade cos aduaneiros e non censurar as formas do seu avogado. Digo eu.

OBSERVADOR #4 18/Outubro/2007 OBSERVADOR

Eu também sou alfandegário.

A página deixou de funcionar porque ela não gostou do humor aduaneiro?

Façam como "El Jueves", sigam publicando, inaugurem uma série de desenhos cómicos intitulada O CASTANHAÇO e reparem o agrávio com mais humor.

Entendo o da medida de força, mas acho que sabem que têm o apoio dos cibernautas. CONTINUEM!

zus #5 18/Outubro/2007 zus

todos con aduaneiros!!!! q fan moito máis polo galego q Iolandita,entre outras moitas cousas q esta prea non fai....

O_Castrexo #6 18/Outubro/2007 O_Castrexo

Eu estou con Yolanda Castaño. Fixo ben.

Dias #7 18/Outubro/2007 Dias

Outra coisa nom esperaríamos de um ser como tu... gaivoteiro!

O_Castrexo #8 19/Outubro/2007 O_Castrexo

Outra coisa não esperariamos de um ser como tu => Português.
Outra cousa non esperariamos dun ser coma ti => Galego.

lavesedo #9 19/Outubro/2007 lavesedo

Quen é Yolanda Castaño?

lavesedo #10 19/Outubro/2007 lavesedo

Alguén sabe que hai atrás desa grande lectora de dicionarios na tele??

lavesedo #11 19/Outubro/2007 lavesedo

Será o avogado un alter ego do catequista dos números??

AVANTE ADUANEIROS!!

alboiando #12 19/Outubro/2007 alboiando

no outuno caen todas as castanhas...

aujardente #13 19/Outubro/2007 aujardente

castanhazooo!!!

marisol #14 19/Outubro/2007 marisol

Con independenza da adhesión ou rexeitamento que a cadaquén lle poida producir a figura pública de YC, esta marea de aldreaxe contra a súa persoa súa lapidación está chea de actitudes veladamente SEXISTAS revestidas dun falso manto de progresismo e defensa da liberdade de expresión, igual que sexistas eran as parodias dos aduaneiros e vitimista e oportunista a súa postura.

OBSERVADOR #15 19/Outubro/2007 OBSERVADOR

A menina contratou um advogado para rematar com os insultos e apanhou mais. E mais que apanhará como continue a contratar advogados para apagar comentários na rede. A rede é livre. Quem quer insultar, pode. E quem decide fazer o parvo, também, Marisol.

Eu voto por um castanhaço semanal humorístico para renovar as células na zona dos olhos e revitalizar a pele castigada pelo ar e o sol. Depois do verão é um tratamento imprescindível para continuar sempre jovem.

lavesedo #16 19/Outubro/2007 lavesedo

Ufff!!! Que doado marisol!! Como se meten cunha muller é sexismo. Ti tes visto as creacións de aduaneiros?? Pensas que a de Yolanda era aldraxante? Era peor ca as outras? Desproporcionada? Sabes por que lle facían unha crítica humorística?
Entendes que é normal contratar un avogado para que retiren unha montaxe onde un boneco que te representa pode ser mudado de roupa?
No humor, o cotián non é esaxerar algún trazo do imitado ou parodiado? Non se destaca a Yolanda por usar roupas elegantes e variadas? Pois os aduaneiros só quixeron constatar iso, que mudaba moito de chaqueta...
Esa é a idea que ti tes do progresismo, amenazar con avogados humoristas do teu país?

Felip #17 20/Outubro/2007 Felip

Logo de ver a carta que o avogado mandou a Aduaneiros sem fromteiras aconsellaría a esta representante da cultura galega que coide un pouco máis as súas amizades. Polo que fai á lingua, polo menos. Non lle hai no seu círculo de amizades algún avogado que saiba escribir comunicados en galego? Será que coas cousas serias non se xoga?

OBSERVADOR #18 20/Outubro/2007 OBSERVADOR

Felip, a língua (única) da jurisprudência é o castelhano. O advogado tem que usá-la se actua dentro das fronteiras espanholas. Porque a justiça é espanhola, na Galiza.

Desde que a CaspaÑa recorre a um advogado este fará o seu trabalho, por obrigação, na língua de Unamuno.

mceleiro #19 20/Outubro/2007 mceleiro

No franquismo havia CENSURA.
No post-franquismo (modernização ao neoliberalismo) esta passou a denominar-se AUTO-CENSURA.

Iolandinha, tu que es mulher de letras, imaginativa, e teoricamente activista da cultura, não seria melhor que contra-ataques aquelas "graves" ofensas com algum comentário simpático que andar a tirar de advogados? A tua pluma poderia ser a tua espada!

A ver se vai ser que o humor dos aduaneiros não vem nos diccionários que tu tanto usas, que não interesa lingüisticamente na rede nem nas camisolas de "Galicia"...

OBSERVADOR #20 20/Outubro/2007 OBSERVADOR

Pois é, mceleiro, pois é... Um poema defende mais que mil advogados.

Oxalá voltem logo os Alfandegários.

moi-fraxil #21 2/Novembro/2007 moi-fraxil

Eu tamén son aduaneira - e muller de letras. Polo que coido que dou distinguido a sátira e o humor do insulto e a aldraxe. Se non me traizoa a memoria, moitos comentarios sobre a Sra. Yolanda (o de Srta. xa comeza a cheirar a sexista) só podían ser clasificados no segundo grupo.
Entendo que esta muller esperte antipatías, envexas, carraxe, luxuria, úlcera gástrica ou o que for a cadaquén. E entendo que a rede é libre, como a expresión, que non respeta alfándegas. Mais se se considera un pedófilo a un que carrega videos desas características na rede, tamén se debería considerar un difamador a alguén que insulta na rede, caro OBSERVADOR.
Disimulen os escrúpulos, meus amigos, pero coido que os blogues e as páxinas webs non deberían protexer a aqueles que devecen por converter o anonimato en inmunidade e impunidade.
O gráfico sobre Yolanda era ben chusco - pero se navegaron por augas profundas dnestes últimos meses decataríanse de que o que se fai na rede con esta muller ás veces linda co ciberlinchamento.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: