Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Estrea o 2 de novembro

Boas Noites, de Berrobambán, abre a tempada do IGAEM

Este venres poderemos ver no Salón Teatro compostelán a montaxe inspirada no texto de Paula Carballeira que gañou o I Premio Manuel María. Con Boas Noites, o IGAEM abre novo curso. Aquí podemos escoitar un anaquiño:

Redacción - 18:00 30/10/2007



É a Cantiga de ten conta, un dos dez temas que lle pon banda sonora ás aventuras de Xiana e Pedro Chosco, protagonistas desta historia. Xiana é unha cativa que leva unha vida moi estresada, xa que os seus pais queren que sexa a mellor e énchenlle o día cunha chea de actividades. Tanto, que non ten tempo para xogar. Por iso non quere durmir pola noite, un tempo precioso que ela prefire investir en descubrir cousas novas e vivir aventuras.

E coa compaña de Pedro Chosco, emprenderá unha viaxe emocionante a través dos soños dos nenos, e tamén dos seus medos e dos seres que os poboan: ese monstro que se agocha debaixo da cama, a Muller do Saco... Así comeza Boas Noites, o texto co que Paula Carballeira gañou o Manuel María de Literatura Dramática Infantil na primeira convocatoria deste premio que ofrece o IGAEM, o ano pasado. Agora, logo de seis meses de intenso esforzo, Berrobambán pon esta aventura sobre as táboas: Anabell Gago, gañadora de dous premios María Casares, encarna a Xiana, a propia Paula Carballeira e Manolo Vázquez, aos seus pais, Chiqui Pereira, a Pedro Chosco, e Lorena Conde, ao monstro.

Para presentar esta obra, que poderemos ver o próximo venres 2 no Salón Teatro, ás 20.00, estiveron no seu escenario boa parte do elenco e o seu director, Jorge Padín, director e responsábel da formación de actores e actrices no Taller de Teatro TAT en Logroño. Non faltaron os músicos que lle porán son a esta aventura en directo, e que xa foron abrindo boca nesta presentación: o acordeonista Vadim Yukhnevich, Begoña Riobó, zanfona e violín, e o contrabaixo Pablo Pérez. Xunto con eles, a directora do CDG, Cristina Fernández, presentou a programación para o outono 2007.

Música, imaxinación, humor e superación dos medos

Jorge Padín contou como, logo de traballar en varias comunidades (Madrid e A Rioxa, nomeadamente), é "sorprendente e agradábel que unha compañía como Berrobambán, que non é "das grandes", pero fai un teatro grande, serio e con rigor, sexa promocionada e teña facilidades". Para el, Boas Noites é moi especial, ao ser un traballo en que Paula Carballeira non só é autora, senón tamén actriz, o que propiciou a retroalimentación entre o texto e os actores: "O teatro é isto, é acción, movemento, e o texto foi vivindo un cambio e un crecemento a medida que traballabamos".

Tamén salientou o interese musical da obra: Manolo Vázquez, ademais de interpretar ao pai da "prota", compuxo os temas que escoitaremos en directo. A música e a plasticidade na escenografía e no atrezzo fan de Boas Noites un "espectáculo especial e moi rico", en palabras do seu director. Jorge Padín sinalou tamén que Berrobambán traballa con moito respecto cara aos nenos e nenas: "tratámolos como persoas intelixentes. Non lles damos solucións, senón que lles formulamos preguntas".

Como destacou Manolo Vázquez, malia ser unha obra para público infantil, "traballamos con igual profundidade, seriedade e esforzo. Queremos cubrir un oco na cultura que se fai para pequenos e pequenas, que está baixo mínimos, e para iso fixemos un espectáculo e dotámolo dun arroupamento especial: material interactivo, xogos, cancións..."

Xerais publicou un libro cun DVD cargado de actividades e xogos que axuda a que Boas Noites non remate cando peche o pano: Antonio Reigosa, todo un experto en meigas e trasnos (coautor xunto a Xosé Miranda e Xoán R. Cuba do Dicionario de Seres Míticos) puxo os contidos, e Noemí López, quen tamén colabora, como Reigosa, en Galicia Encantada, os seus orixinais debuxos. "Así temos o espectáculo completo: a xente pode emocionarse no teatro e despois saber máis cousas sobre Pedro Chosco ou volver escoitar as cancións na casa".

17 funcións en dous meses

Logo de Boas Noites, o Salón Teatro acollerá parte das proxeccións de Cineuropa, facendo un alto o xoves 8 para unha serie de lecturas dramatizadas co título Botóns de mostra. O 24 e 25 de novembro chega A bombilla máxica, de Teatro do Atlántico, un texto de Woody Allen dirixido por Xúlio Lago, e para o 1 e 2 de decembro volveremos ver Medidas preventivas, de Gustavo Pernas Cora, da man de Ancora Producións. O director peruano radicado no Brasil Enrique Díaz trae o 15 e 16 dese mes, Seagull play, baseada na célebre A Gaivota, de Chehov, pero distante da intención primeira da obra.

As artes escénicas da lusofonía continúan a ter unha presenza importante: os días 20 e 21 de decembro poderemos gozar do espectáculo de danza Malgré nous, nous etions là, coa compañía portuguesa de Paulo Ribeiro. A seguir, o 22 e 23, reporase Kamikaze, a coprodución de Pista Catro co CDG que se estreara en xuño.

Aínda poderemos vela, abrindo a Mostra de Teatro Infantil de Nadal, o día 26. Integran a mostra Casi Romeo y Julieta, de A Priori Producciones, que poderemos ver o día 27, a montaxe para bebés Andakibebé, da portuguesa Companhia de Música Teatral, o 28, Golulá, de Galitoon, o 29, e O son das cousas, de Sapristi, o 30. Antes de que chegue a mostra, nenos e nenas, pero tamén as persoas adultas, poderemos gozar de Boas Noites, este venres en Compostela, e tanto o sábado como o domingo no Teatro García Barbón de Vigo, ás 18.00.


3.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Anabell Gago encarna a Xiana, protagonista de Boas Noites. Os seus "pais", Manolo Vázquez e Paula Carballeira, danlle un bico de boas noites. Foto: Mónica Gago
Anabell Gago encarna a Xiana, protagonista de Boas Noites. Os seus "pais", Manolo Vázquez e Paula Carballeira, danlle un bico de boas noites. Foto: Mónica Gago
Begora Riobó, Pablo Pérez e Vadim Yukhnevich póñenlle música a Boas Noites. Foto: L. R.
Begora Riobó, Pablo Pérez e Vadim Yukhnevich póñenlle música a Boas Noites. Foto: L. R.
Jorge Padín, director de 'Boas Noites', xunto á directora do CDG, Cristina Domínguez, e Manolo Vázquez, actor e responsábel da música. Foto: L. R.
Jorge Padín, director de 'Boas Noites', xunto á directora do CDG, Cristina Domínguez, e Manolo Vázquez, actor e responsábel da música. Foto: L. R.