Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Crean a Oficina Galega de Atención ao Deportista

Para que os deportistas se poidan incorporar ao mundo laboral

A Fundación Deporte Galego e Fedys organizan unhas xornadas sobre a reinserción laboral dos deportistas de elite, cando terminan a súa carreira.

Redacción - 10:41 09/11/2007
Na presentación, Marta Souto con Fran

Na presentación, Marta Souto con Fran

Segundo dixo o presidente executivo de Fedys, Francisco González, "Fran" (ex xogador do Depor), na presentación das xornadas, é importante realizar unha tarefa preventiva cos e coas deportistas, "para evitar que no futuro teñan problemas para incorporarse ao mundo laboral".

Fran acompañaba á directora xeral para o Deporte, Marta Souto na mañá da quinta feira, mentres Souto incidía na necesidade de conciliar os estudos co deporte, "e niso temos que traballar todos xuntos".

Traballar cos deportistas dende mozos
"A nosa intención é non só tratar aos deportistas de elite, senón comezar a traballar cos mozos e as mozas que practican deporte, porque o importante é a formación integral da persoa", indicou o responsábel de Fedys, Fran González.

Neste sentido, a directora xeral tamén lembrou que precisamente esa é a tarefa do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CTGD), onde "son tan importantes os resultados deportivos coma os académicos e esa é a liña pola que debemos continuar o noso traballo. Non podemos permitir que os deportistas abandonen os seus estudos porque non sexan capaces de compatibilizalos coa práctica deportiva".

Fran tamén se referiu á Oficina de Atención ao Deportista, que ten como obxecto "prestar axuda e colaboración aos e ás deportistas. Esa é a ferramenta que poñemos ao seu alcance".

As xornadas Deporte e Inserción Laboral
Estas xornadas desenvolveranse os días 13 e 20 de novembro na Coruña e Pontevedra, respectivamente (nas facultades de Ciencias do Deporte), e están organizadas pola Fundación Educación, Deporte e Saúde, Fedys, e a Fundación Deporte Galego.

A primeira das xornadas desenvolverase na Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física da Universidade da Coruña, e nela presentarase o estudo sobre A retirada dos deportistas.

A continuación, celebrarase unha mesa redonda e o traballo continuará coa presentación da Oficina Galega de Atención ao Deportista. Con este mesmo programa, unha semana máis tarde, a xornada terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, en Pontevedra.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: