Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Pequena axenda de concertos para a fin de semana

De macrofestivais punkroqueiros a sons portugueses e da diversidade

Esta fin de semana vén cargada de concertos, moi distintos e espallados por toda Galiza. Do macrofestival roqueiro e punkroqueiro da Estrada ao fado que vai soar en Compostela.

Redacción - 13:15 16/11/2007
Mercedes Peón estará a sexta feira en Compostela

Mercedes Peón estará a sexta feira en Compostela

A pesar de facer xa un chisco de frío, e estaren os macrofestivais limitados ao verán, en Galiza as cousas van ao revés, e esta fin de semana veñen algunhas das bandas do melloriño do panorama musical estatal e galego. Mais tamén hai outros concertos coas mellores voces da lusofonía, ou o de Mercedes Peón... todo a seguir.

Macrofestival hard core, punk rock na Estrada
Na Estrada esta sexta feira comeza o II Festival Inferno Rock, que terminará o sábado de madrugada. Na sexta toca Rosendo con Gatillazo (o grupo de Evaristo e algúns dos de La Polla Records), os madrileños Boikot e os galegos Nao e Knell. O sábado están os perseguidos Sociedad Alkoholika, os madrileños harcoretas de Habeas Corpus, Koma e Ktulu. Todos os concertos son na Sala Lennom e hai zona de campamento (cuberta!), e un servizo de buses de balde, que levará á xente cara a sala. Ámbolos dous concertos comezan ás 20:30 horas.

Sons portugueses en Compostela e Vigo
A V Mostra Portuguesa, organizada pola Fundación Barrié, trae este ano a Galiza un pedaciño da música lusa. A sexta feira están no Auditorio de Galicia, en Compostela, tres dos solistas máis internacionais do fado: Mariza, Camané e Carlos do Carmo.

O domingo Rão Kyao vai estar no Cine-Teatro Salesianos de Vigo. O lisboeta cumpre máis de trinta anos sobre os escenarios, acompañado da súa frauta e a súa mestura de sons, alén dos portugueses, os das colonias: o celme da tradición da música árabe, india, africana e brasileira. O concerto comeza ás 20:00 horas.

Sons da Diversidade e lembranzas da marea branca de voluntarios
De balde é o concerto (organizado polo Voluntariado Galego para conmemorar os 5 anos de voluntariado do Prestige) que reúne, a sexta feira no Multiusos Fontes do Sar de Compostela, aos funkis galegos, os Loretta Martin, co músico xamaicano Horace Andy e os franceses Dub Asante Band. O concerto comeza ás 21:00, e hai buses gratis dende as 19:30 horas.

Na mesma cidade, o mesmo día e ás mesmas horas, Mercedes Peón presenta no Auditorio de Galicia o seu último traballo, Sihá, ademais de facer un percorrido antolóxico polos mellores temas que integran a súa carreira profesional. O concerto enmárcase no ciclo Sons da Diversidade, que organiza a Consellaría de Cultura de Santiago de Compostela.

Skatalíticos en Vigo
O mellor do ska norteamericano está de xira e chega a Vigo: son The Toasters, que tocan este venres na Sala A Iguana. Os pioneiros do ska nos EUA estarán acompañados dos cataláns Deskarats (que cumpren a máxima de calquera grupo do estilo, poñer un "ska" no nome), e que veñen a presentar o seu último disco, DSK-2006, que está producido, curiosamente, polo líder dos Toasters, Rob Hingley, Bucket.

Isto non é todo no país onde, dando unha patada a unha pedra saen douscentos grupos de música; hai moitísimos concertos, pero isto é só unha mostra do que podedes ver esta fin de semana. Tócavos escoller!


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os Loretta Martin estarán a sexta feira en Compostela, no concerto polos voluntariado do Prestige
Os Loretta Martin estarán a sexta feira en Compostela, no concerto polos voluntariado do Prestige
Mariza, unha das voces lusas que cantarán fado esta sexta feira en Compostela
Mariza, unha das voces lusas que cantarán fado esta sexta feira en Compostela
A sexta e mailo sábado o mellor do rock galego e estatal chega á Estrada
A sexta e mailo sábado o mellor do rock galego e estatal chega á Estrada
Os norteamericanos The Toasters cumpren 25 anos sobre os escenarios esta sexta feira en Vigo
Os norteamericanos The Toasters cumpren 25 anos sobre os escenarios esta sexta feira en Vigo