Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PUBLICARASE Á VEZ EN CASTELÁN E CATALÁN

O final de Harry Potter, en galego o 21 de febreiro

En febreiro chegará ás librarías 'Harry Potter e as reliquias da morte', a derradeira entrega da serie. Galaxia tamén sacará o quinto e sexto libros, aínda non editados na nosa lingua.

Redacción - 13:00 20/11/2007

O desenlace da historia de Harry Potter poderase ler ao mesmo tempo en galego, castelán e catalán. Anunciárono Salamandra, a editorial encargada de distribuír o derradeiro libro da serie en España e Latinoamérica, e Galaxia, que a publicará en galego. De feito, ao longo de 2008, Galaxia porá nas librarías as traducións ao galego dos tres últimos libros da serie. Harry Potter e as reliquias da morte está a ser traducido por Laura Sáez, quen tamén prepara a tradución de Harry Potter e a Orde do Fénix. Carlos Acevedo é o tradutor de Harry Potter e o misterio do príncipe.

Harry Potter and the Deathly Hallows
publicouse orixinalmente en lingua inglesa o pasado 21 de xullo, e só sete meses despois, o 21 de febreiro, editarase en galego. As librarías non poderán comezar a venda até as seis e media da tarde dese día, no que de seguro veranse as habituais fileiras dos seguidores dos libros de J.K. Rowling.

A Editorial Galaxia xa editou na nosa lingua as catro primeiras entregas, traducidas por Marilar Aleixandre (a primeira) e Eva Almazán (as restantes). De feito, o anuncio, ademais de constituír unha excelente noticia para a cultura galega, sorprendeu polo feito de que aínda non foron publicadas en galego o quinto (A Orde do Fénix) e sexto libros (O misterio do príncipe bastardo), que chegarán despois do sétimo, tamén da man de Galaxia. Sexa como for, nesta ocasión van pasar tan só sete meses entre a publicación das edicións en inglés e en galego, unha distancia moito máis curta que os catro ou cinco anos que as separaron nos catro primeiros libros.


4,83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: