Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
IGNACIO VILAR, DIRECTOR DE 'PRADOLONGO'

"Despois de anos de axudas públicas, segue sendo arriscado facer un filme en galego"

No outono de 2008 chegará aos cines Pradolongo, longametraxe de Ignacio Vilar rodada integramente en galego. O vindeiro 3 de decembro a Orquestra Sinfónica de Galicia gravará a música para o filme

Marcos S. Pérez - 19:16 20/11/2007

Levamos anos falando do bo momento da industria audiovisual galega, da dimensión internacional dos filmes rodados en Galiza, ou producidos por empresas galegas. Porén, nas últimas décadas case non se atopan exemplos de longametraxes realizadas orixinalmente en galego. Por iso é noticia Pradolongo, entre outras cousas. Pradolongo é un filme de Ignacio Vilar (Ilegal, 2002; Un bosque de música, 2003; Polisóns, 1999), rodado integramente en galego na comarca de Valdeorras, en paisaxes semellantes ás utilizadas por Chano Piñeiro en Sempre Xonxa.

Pero ante todo Pradolongo é unha historia iniciática, a historia de tres amigos da infancia que ven como se deteriora a súa amizade na medida en que os intereses de clase e os sentimentos amorosos entran nas súas vidas. Os actores protagonistas son tres mozos (Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto), acompañados de varios rapaces da comarca, escollidos nos institutos da zona, e sen experiencia previa. Canda a eles, intérpretes coa experiencia de Mela Casal ou Antonio Mourelos. Rodar en galego segue a ser moi arriscado, "pero nós arriscamos, rodamos sen ter o presuposto pechado", di Ignacio Vilar.



Vieiros: O filme rodouse en galego. Por desgraza, isto segue ser algo moi estraño no noso país, non si?

Ignacio Vilar: Si, chama a atención que despois de anos de axudas públicas isto siga sendo así, estraño e arriscado. De feito creo que nos últimos anos só unha longametraxe se rodou en galego. Hai moitas dificultades para vender unha película se está en galego, e non se pode esquecer que o 50% do financiamento dunha longametraxe provén dos dereitos de emisión en televisión. En Madrid, de feito, non mercan unha película feita en galego, aínda que estea dobrada ao castelán, non a queren.

Daquela, como conseguistes rodar en galego? Unha aposta da produtora?

Si, claro Vía Láctea leva moito tempo apostando polo cinema na nosa lingua. De feito, sempre que proxectamos un filme en Galiza, a proxección faise en galego. E non é doado, nin é un bo negocio. Lembro unha anécdota bastante triste, na estrea de Ilegal en Vigo, que se fixo en galego. E había unha fileira de xente moi longa, de mozos, que ao chegar a caixa e ver o aviso de que o filme era en galego, non entraban na película.

Ti traballaches moitos anos en Catalunya. Son diferentes as cousas para o cinema en catalán?
En Catalunya teñen moitos problemas tamén, non vaias pensar, teñen que pelexar moito para sacar os seus filmes en catalán. Son imposicións do mercado, é o mercado o que leva ao cinema á crise, non é que se fagan malas películas. O que sucede e que o mercado impón malos filmes norteamericanos e a xente deixa de ir ao cine.

O filme rodouse en galego, pero na variante específica de Valdeorras. Tamén os actores que non eran da zona? Contastes cun lingüista?
Si, os actores estiveron traballando a súa lingua. Por exemplo Mela Casal, que para min é unha das grandes actrices de Galiza, pasou algún tempo en Valdeorras aprendendo a forma de falar da comarca. O galego é o mesmo, pero nós dicimos pantalois, mau, teis... Ademais, a lingüista, que fixo un traballo excelente, fixera un traballo de campo durante dous anos polas aldeas da zona, recollendo vocabulario que se está a perder. E iso está na película: os pais dos protagonistas empregas esas palabras.

Os actores principais son rapaces da comarca, como foi o casting que fixestes nos institutos?
No casting participaron uns 600 rapaces, dos que seleccionamos once para que fixesen un curso de interpretación. Foi moi interesante. De feito, gravei o curso, e é moi probable que faga un documental con eses materiais. Foi moi interesante porque no tempo que durou o curso puiden coñecelos, saín de marcha con eles, e esa relación serviume para o que quería: contar unha historia real duns rapaces da comarca, amosar as súas preocupación, o que pensan, como viven un día calquera.

Pradolongo ten moito de filme iniciático. Tamén ten algo de autobiográfico?
Sempre hai cousas túas cando fas unha película, pero creo que non ten moitos contidos autobiográficos. E si, é unha película iniciática, local, moi propia de aquí, pero moi universal a un tempo, que pode ser entendida en calquera parte do mundo. É unha película moi emocionante, con algúns planos que sei que van provocar que públicos moi distintos choren con ela.

Ti tes unha relación moi estreita coa obra de Chano Piñeiro (Sempre Xonxa en Petín, 2005) Este filme ten algo de Sempre Xonxa?
Si, ten moito. Chano rodou en Petín, de onde eu son, e onde rodamos agora. E de feito pasei moito tempo buscando unha cociña de ferro para a película, sen decatarme que aquí, nunha casa grande había unha perfecta. E resultou que é a mesma na que Chano filmara a famosa escena da cociña de Sempre Xonxa, e está igual que daquela. Chano é un referente, e creo que estaría moi satisfeito de poder rodar en galego en Valdeorras.

En que fase está a película? Cando comezará a distribución?
Nestes momentos estamos en posprodución. Ímoslle incorporar a música, que gravaremos o 3 de decembro na Coruña coa Orquestra Sinfónica de Galicia. E teremos todo rematado o 27 de decembro. A partir de aí comeza outra fase, que é a de presentala a festivais, e imos procurar estar en todos os que poidamos. E calculo que chegará aos cines en setembro ou outubro.


4.78/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: