Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Avelino Pousa Antelo, galeguista histórico

"Hai que ter a constancia dos homes máis importantes da nosa historia"

Recordando as loitas de Castelao, Bóveda e tantos outros, así convida a enfrontar o futuro don Avelino Pousa Antelo, sen desfalecer nas conviccións galeguistas.

R.Vilar / R.Noguerol / Vídeo: Uxío Broullón - 15:00 22/11/2007

Avelino Pousa Antelo é case o “último mohicano”. Na súa mocidade formou parte do histórico Partido Galeguista que comandaban Castelao e Bóveda. Participou activamente na campaña a prol do Estatuto de 1936. Durante a longa etapa da ditadura compaxinou o seu traballo como mestre coa paixón polo cooperativismo agrario. Sete décadas despois mantense fiel aos mesmos ideais. Preside a Fundación Castelao e percorre todo o país para asistir a múltiples actos.


Pasada a fronteira dos 93 anos, Lucho do Peto, como lle dicían na súa Barcala natal, segue a ter uns ollos cheos de vida que acompañan á perfección o seu carácter falangueiro. Mais don Avelino non valería para ser un político dos de hoxe en día, e el sábeo. As súas conviccións son rexas e non entenden de marqueting nin moito menos de grampas na lingua. Este sábado o Concello de Teo réndellle tributo nomeándoo Fillo Predilecto.



[Os inicios no galeguismo]

"A miña incorporación formal ao galeguismo foi nun mitin o 10 de maio de 1931, no tempo en que eu estaba estudando para crego no seminario (...) mitin de Promoción Gallega, aínda non estaba o Partido Galeguista, pero alí estaban os principais galeguistas, no Teatro Principal de Santiago: Antón Vilar Ponte, fundador das Irmandades da Fala, Álvaro das Casas, profesor en Noia, (...) Valentín Paz Andrade, Carballo Calero (...) e aló paréceme que xa estaba eu cunha inclinación clara cara a isto. (...) Castelao tiña unha maneira tan humana e sincera e unha voz, a dicir de Fole, tépeda e doce. (...) Saín de alí marcado como galeguista (...) A partir de aquel mitin eu comecei a colaborar cunhas mocidades galeguistas que daquela aínda non existían como tales"



"No Café Derby, por aló pasaban Castelao, Bóveda (...) e convidábannos a sentar con eles. Chegamos a ter a convicción de que estabamos diante da xente máis importante, da xente máis culta, a xeración máis importante que tivo Galiza en toda a súa historia, Para nós era case sagrado, incorporabamos todo aquelo que podiamos ao noso acervo persoal".

"No 36, eu falei por Radio Galicia da idea de que había que ser románticos, idealistas, cunha entrega total a Galiza, e que a mocidade debía responsabilizarse, (...) que nas xuventudes da Fronte Popular non sentou ben"

"Casal cedéranos a primeira camioneta de recollida de lixo que tivera o Concello de Santiago para facermos a nosa tourné (...) Comezamos en Carnota, Muros, Porto do Son, Arousa, até Santiago e comarca (...) Nun mitin onde eu estaba falando en Muros, un facha berrou Viva España, e eu que estivera nun daqueles mitins do Partido Galeguista onde lle berraran o mesmo a Suárez Picallo, recordeu e respondinlle que se esa España era a do progreso, a democracia, a liberdade, unha España distinta, eu berrábao o primeiro, pero que se esa España era a podre, a da lenda negra por séculos, a da Inquisición, a de todos os matóns de todos os tempos, berrei Morra España! Case me sacan a ombreiros"

"Indo pola rúa Rosalía de Castro arriba vin que alguén comezaba a escribir un Viva Rusia (...) díxenlles que estaban deshonrando a causa (...) porque Santiago era un pobo onde mandaban cregos e beatas, e as beatas que viñeran da misa ao ver iso xa darían volta. Desde logo non irían votar, e se o fixesen votarían que non (...) Díxenlles: - Estades traizoando a Galiza, propiciando un voto non"



[O Estatuto pendente e a dereita herdeira do franquismo]
"Atopamos a dereita cabrona, que non quere oír (...) Non se logrou o acordo porque o PP está cheo de xente podre da ultradereita (...)"



[A Galiza soñada ]
"Houbo cambios tremendos, moitos positivos, algún non tanto (...) Non se poden facer comparacións.

"A idea de que se podía galeguizar os partidos estatais, o PSOE ou o PP, foi un mal soño de Ramón Piñeiro, en Cataluña ou Euskadi non se lles ocorreu tal cousa"



"Cantos quixeran ter a herdanza dun partido que foi modélico e exemplar, que foi realmente o que logrou o primeiro Estatuto para Galiza"




"Se lle din aos nosos devanceiros, aos homes máis importantes da nosa historia, a Castelao, Otero Pedrayo, Bóveda... a todos eles... que xa temos unha radio galega, unha televisión galega, que se ensina galego xa nas escolas,... non o crerían, andáronse pasos, lentos pero fixéronse, por iso, e aínda que haxa que dar máis, hai que ter a constancia que tiveron eles"


4.91/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pousa Antelo, á súa chegada á redacción de Vieiros
Pousa Antelo, á súa chegada á redacción de Vieiros
Un momento da entrevista
Un momento da entrevista