Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A VOZ DO PAÍS

O Espazo Galego dos Països Cataláns reabre as súas portas

Pretende actualizar a imaxe de Galiza en Cataluña e dar a coñecer as últimas propostas da nosa cultura.

Redacción - 13:25 24/11/2007

Todo necesita reiniciarse de cando en cando, mesmo (ou sobre todo) cando as cousas marchan ben. O Espazo Galego dos Països Catalans recomeza as súas actividades este sábado ás cinco da tarde, na súa sede situada no Centre Cívic Transformadors de Barcelona (Rúa Ausiás March, 60, preto de Arc de Triomf). Nesta xornada farase unha breve presentación da asociación, desde as súas orixes e a súa historia, co obxectivo de abrir un debate, que se pretende que sexa o máis aberto e participativo posible, sobre as liñas de acción a seguir, iniciativas e propostas.

Ese é o verdadeiro sentido desta reapertura: darlles entrada no Espazo aos novos grupos de mozos galegos que periodicamente van enriquecendo e aumentando a comunidade galega en Cataluña. Por estudos, por traballo, por necesidade, ou porque si, en Barcelona hai xa censados uns 200 mil galegos. E varios milleiros máis chegan cada ano, xente nova, crítica e activa, que conecta máis facilmente coas actividades do Espazo que coas que realizan institucións galegas máis tradicionais. "É un pingar constante, un cancro", di Eva Méndez.

Eva Méndez, que participa no Espazo Galego dende o seu inicio en 2005, salienta a colaboración existente entre todos os colectivos, artistas e activistas galegos residentes en Barcelona. E salienta igualmente a integración do Espazo cos colectivos culturais e sociais cataláns, entre os que xa se converteu nun dos principais referentes á hora de establecer contacto con Galiza: "o espazo implícase nos problemas da cidade, nos problemas de Cataluña", comenta Eva.

Para o 2008 o obxectivo segue sendo o mesmo: actualizar a imaxe de Galiza en Cataluña, facer que se visualicen a súa cultura e as súas ideas, e abrirse a todo o mundo na cidade, galegos ou non.

Traxectoria de dous anos
No pasado, o Espazo Galego tivo unha intensa actividade cultural, organizando distintos actos, apoiando sobre todo aos novos autores e ás novas propostas culturais, contribuíndo a actualizar a imaxe de Galiza en Cataluña. Algúns dos exemplos foron a colaboración emprestada na organización da II Foliada de Nou Barris, a realización da Semana Cultural Galega, ou a participación na Mostra d'Entitats do Correllengua e no espazo da Plataforma per la Llengua nas festas da Mercé.

De igual xeito, tivo unha importante actividade política, con iniciativas como Eleccións limpas en Galiza, xa!, en xuño de 2005, reivindicamos o papel político da sociedade autoorganizada como motor dunha democracia real, ou a protesta realizada perante o Gran Encontro de gallegos del mundo, que tivo lugar en Barcelona en 2005 e 2006, baixo o lema de "Galeguidade non é igual a empresariado".

Os Furafollas, nas Ramblas

A xornada galega en Barcelona complétase coa representación do colectivo Furafollas, que terá lugar o sábado ás seis e media da tarde no Centro Galego (Rambla Caputxins, 35-37). Alí desenvolveranse os espectáculos Por qué no te callas!!!, Pousa pousiña e non me toques naquela cousiña e Nunca tantos chegaron a tan pouco. Furafollas cita aos asistentes ás seis da tarde no mercado da Boquería, para dende alí marchar en romaría até o Centro Galego. Furafollas avisa: "se non pode vir non se preocupe, tampouco virán nin Franco, nin Fraga, nin Aznar, alá vostede, con quen se xunta!!"

Axenda Cultural Galega da Rede.cat
Ademais, o luns 26 Rede.cat presentará a Axenda Cultural Galega 2007-2008. O acto comezará ás sete e media da tarde no Palau Robert (Passeig de Gràcia, 107), e contará coa participación de Xose Mari Sancho, membro de Rede.cat e do Colectivo SonGaliza e de María López Escudeiro, Delegada Provincial de Cultura en Pontevedra da Consellería de Cultura.


4.1/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: