Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XOSÉ NEIRA VILAS, ESCRITOR

"En Bos Aires acabamos na comisaría por cantar en galego nun bus"

O escritor repasa algúns dos feitos que marcaron a súa vida, na capital arxentina e A Habana e a relación entre Galiza e Cuba, onde o 20 de decembro se celebra o centenario do himno

Marcos S. Pérez / Vídeo: Lucía Iglesias / Montaxe: Pedro Carrasco - 14:31 04/12/2007

A vida de Neira Vilas desénvolvese entre tres esquinas do Océano Atlántico: Galiza (Gres), Arxentina (Bos Aires) e Cuba (A Habana). Milleiros de quilómetros entre elas e algunhas décadas de distancia, igualmente, pero un mesmo obxectivo: a difusión da cultura galega. Neira Vilas emigrou a Arxentina en 1949, con 21 anos. Bos Aires nos anos 50 era a primeira cidade de Galicia. Érao en poboación, pois en ningunha outra cidade do mundo vivían máis galegos, e érao a súa alma e vontade de ser galega. A nosa cultura brillaba na outra beira do Atlántico grazas a Seoane, Dieste, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado ou Blanco Amor.

As Mocidades Galeguistas
E grazas ás Mocidades Galeguistas, formadas en 1953, nas que "non só habían galegos e galegas, senón tamén arxentinos, fillos de galegos", comenta Neira, e nas que a defensa da lingua galega era fundamental: "os que ingresasen nas mocidades galeguistas tiñan que saber galego e aprender o himno". Os mozos galeguistas que vivían en Bos Aires nos anos 50 non eran unha multitude, mais eran moi activos. Un exemplo desa actividade foi o reparto polas rúas de milleiros de copias da denuncia que as sociedades galegas realizaran da persecución da que era vítima a nosa lingua na ditadura franquista perante a Asemblea Internacional da Unesco, reunida en Montevideo en 1954.

Con todo, Neira Vilas salienta que estas Mocidades, ao contrario das dos anos trinta, reservaban un espazo para a festa: "os rapaces das Mocidades Galeguistas dos anos trinta eran moi serios todos e Castelao dicíalles: 'que clase de mozos sodes? Non ides ás mozas, ás romarías, sodes vellos realmente, ideoloxicamente moi ben, pero despois non sodes mozos' (...) nós non, nós tiñamos os nosos bailes, as nosas romarías, os nosos mozos e mozas (...) Até unha vez acabamos na comisaría por cantar en galego nun autobús".

Follas Novas, unha iniciativa pioneira
Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda casaron en febreiro de 1957, el con 28 anos e ela con 24. O seu gran proxecto era poñer en marcha unha libraría-editorial para difundir os libros galegos en toda América. Follas Novas inaugurouse o 15 de xullo de 1957, exercendo de "pregoeiro" o xornalista e ex deputado Ramón Suárez Picallo.

Durante catro anos Neira Vilas e Anisia Miranda percorreron as sociedade galegas e as "actividades culturais patrióticas" que se organizaban en B. Aires: "iamos cunha especie de maleta-estante e abríamolo alí e vendiamos libros". Como destacou Luis Seoane "perdendo cartos e recobrando vontades para Galicia". Como lembra Neira Vilas: "faciamos unha relación do que gañaramos ese mes con Follas Novas e exactamente por ese importe enviabamos libros ás bibliotecas públicas arxentinas, para que Galicia estivese representada".


Neira Vilas fala da súa chegada á Habana en 1961 e da relación entre Cuba e Galiza

A revolución cubana

En 1961 a parella marcha para Cuba: "decidimos romper con todo e marchar para A Habana (...) Aos cincuenta ou sesenta anos ao mellor non tomas esa decisión, pero era unha aventura, era armar unha nova sociedade sobre os cascallos da vella". A colectividade galega que atopan en Cuba é moi maior, pois de feito a derradeira vaga de emigración chegara antes de 1932: "Anisia dicíame, cando me coñeceu, que era o primeiro galego novo que coñecía".

Dada a pobre actividade que levaban a cabo naquel momento as sociedades galegas, Neira Vilas dirixiuse ao director do Instituto de Literatura e Lingüística, para propoñerlle a creación dunha sección de Lingua Galega: "díxome que si, pero que me tiña que ocupar eu". A sección, creada en 1969, tivo un labor moi importante: "antes de que existisen estas cátedras de lingua galega que foi creando Política Lingüística, xa nós crearamos cátedras de lingua e literatura galegas en Leipzig e Leningrado (...) En Leipzig había uns cen estudantes de portugués que tiñan o galego como lingua obrigatoria, e uns 470 de español para os que o galego era optativo. E tanto os cen de portugués como todos os de español matriculáronse en lingua galega".

Bandeira, himno e Academia

A relación histórica en Cuba e Galiza é importantísima, e de feito tres dos grandes símbolos da identidade galega: a bandeira, a Academia e o himno, naceron na Habana. A bandeira, en 1904, produto dun erro dalgúns emigrantes galegos, que desexando ter unha enseña que os representase pensaron que a bandeira da Comandancia Marítima da Coruña (a última que viran en Galiza) tiña que ser a galega; Neira Vilas comenta que Murguía deulles o seu visto bo: "mirade, esta é a bandeira da comandancia marítima da Coruña, pero non está mal: adoptádea". A Academia da Lingua, creada en 1906 en Cuba, e sostida economicamente durante anos polas sociedade galegas.

E o himno, do que o vindeiro 20 de decembro cúmprense cen anos dende a súa primeira representación, que tivo lugar nun teatro da Habana. Neira Vilas salienta que o himno de Pondal e Pascual Veiga ben puido ter como autores a Curros e Chané: "había un gran poeta emigrado na Habana e había un gran músico, tamén. Pero pasou o tempo, e un día nunha sobremesa dixo algo Chané e Curros enfadouse porque tiña un xenio así moi irto, e xa non se falaban". Como Neira Vilas, o himno galego tamén foi a saltos polo Océano Atlántico.


4.85/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Neira Vilas, na biblioteca da fundación que dirixe, en Gres (Vila de Cruces)
Xosé Neira Vilas, na biblioteca da fundación que dirixe, en Gres (Vila de Cruces)