Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MARTA PÉREZ, PROFESORA DE XORNALISMO DA USC

"Na TVG aínda non se explotou suficientemente o humor galego"

Marta Pérez Pereiro defendeu a súa tese de doutoramento sobre Mecanismos humorísticos na comedia televisiva galega.

Marcos S. Pérez - 12:37 22/12/2007

Marta Pérez é profesora na Facultade de Xornalismo da USC, onde esta semana defendeu a súa tese de doutoramento, Mecanismos humorísticos na comedia televisiva galega. Humor e ideoloxía na fórmula televisiva da comedia de situación. No seu estudo, tentou analizar o humor das series cómicas emitidas pola Televisión de Galicia dende o inicio das súas emisións, os mecanismos que empregan para xerar ese humor así coma a evolución dos modelos co tempo. E tentou contestar unha pregunta moi sinxela, pero non necesariamente obvia: Existe un humor galego, específico, recoñecible e distinto ao doutras culturas? As series analizadas foron Pratos Combinados, A familia Pita, A miña sogra e máis eu, 4º sen ascensor, Pequeno hotel e A Casa dos Tonechos.

Atopaches coincidencias entre as series? Hai un humor galego?

Haino, hai uns mecanismos para xerar o humor que son comúns, repítense, e son específicos de Galicia. Entre as series, atopei dou s tipos diferenciados. Un primeiro grupo, máis apegado á fórmula clásica das sitcoms (25 minutos, varias personaxes, escenario único...), e moi constreñido a esas normas, pero parcticando un humor máis propiamente galego. É o caso, por exemplo, de Pratos Combinados. E un segundo grupo, entre as que están as series máis recentes, como 4º sen ascensor, que xogan máis coas fórmulas, e fan intentos por saltar por riba dos modelos previos, pero empregando un humor máis globalizado, menos especificamente galego.

Daquela a conclusión é, en parte, que o humor galego fica fóra de moitas producións do país...
Na TVG aínda non se explotou suficientemente o humor galego. E de feito, en moitos dos contidos humorísticos fica fóra algo tan natural como a retranca, que se está a perder. A retranca é algo moi complexo, que non se pode simplificar chamándoo 'ironía', é algo máis. Abonda con ir á súa etimoloxía, que o relaciona con reserva.

A tendencia nos últimos anos é positiva?
É posible que a TVG estea abríndose ao humor galego. Aí está o caso dos Tonechos, que evidentemente usan uns mecanismos dun humor moi popular, pero conviría elevar o ton, a calidade.

Intentouse exportar o humor dos Tonechos e non funcionou...
É que eu estou convencida de que a cuestión da lingua é moi importante. Por exemplo, en Pratos Combinados a retranca xoga un papel fundamental. E ese humor é moi difícil de exportar, e de entender se non se teñen os códigos axeitados. E o recurso dos Tonechos ao castrapo é imposible de reproducir fóra de Galicia.

E fóra das series como está a cousa?
Estanse comezando a facer algúns programas de humor, como Comando Zapping, que foi un experimento fallido, nacido nun momento en que ese tipo de espazos estaban de moda en todo o Estado. O continuador, Air Galicia suxire unha apertura, comeza a facerse unha crítica de costumes moi saudable.

Pero non hai un Polònia, un Vaya Semanita, un programa de parodia política...
O humor galego é retranqueiro e tende a eludir certos temas. E é evidente que Euskadi e Cataluña lévanos unha vantaxe bestial. Na televisión tamén se eludiron eses temas habitualmente, e moita xente non se decata de que se pode falar da actualidade e da política noutro tipo de programas que non son os informativos.

E mesmo o cinema galego deixou bastante de lado a comedia tradicionalmente, non cres?
É que en xeral todo o audiovisual galego ten descoidado o humor. Case podemos dicir que a única figura cómica destacable nos últimos anos foi o personaxe que facía Manquiña en Airbag. Pero hai que ter clara unha cousa: facer humor é moi complicado, e hai que traballalo moito se queres facer un contido de calidade, un humor fino. E resulta curioso ese baleiro no audiovisual, cando o humor gráfico ten unha tradición tan importante en Galicia, e tamén na literatura atopamos exemplos moi destacados, como Cunqueiro, Castelao, Dieste ou Risco.


3.64/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: