Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
DE BARCELONA A PORTO. ENTREVISTA.

Eva Méndez presenta en Porto o seu primeiro poemario, "As sete idades"

A poeta e blogueira afincada en Barcelona marcha a Portugal da man do seu primeiro libro de poemas. Falamos con ela nesta entrevista.

Xabier Paradelo - 19:30 10/01/2008

Quen saiba dos blogs galegos por Catalunya se cadra xa coñece e visita regularmente as novas incorporacións á blogosfera galego-catalá. E, se gusta da poesía, seguramente xa degustou algún canapé ofrecido pola gourmet Eva Méndez "do Roxo" no seu blog de poesía ou devorou algún dos pratos do día que aquí nos atrevemos a recomendar.

A poeta presenta o día 12 en Porto o seu primeiro libro de poemas, As sete idades, editado por Incomunidade, no marco do "Filo-Café: Suicídio/Altericício" no café Café Princesa da cidade lusa. Incomunidade e un movemento que xa ten realizados filo-cafés en Galiza e ten editado autores galegos como Luisa Villalta, Manuel Lourenzo, Estibaliz Espinosa ou Carlos Oroza.

Xabier Paradelo: No teu blog moitos dos poemas levan unha etiqueta "gastronómica", hai motivo?

Eva Méndez: A verdade é que empecei co blog un pouco sen saber e un día descubrín o das etiquetas e escribira unhas poesías moi curtas e eran como canapés, algo así sinxelo pero interesante. A partir de aí, pois discorrín as etiquetas gastronómicas. Supoño que ser galega trae implícito o amor pola gastronomía e escribir poemas é un pouco como cociñar: os ingredientes, as palabras, as especias, as letras, a puntuación, empezas a guisar e teces unha idea do que che apetece pero o resultado é un prato único que che pode encantar ou podelo detestar, pero en todo caso voltas a empezar combinando infinitamente os elementos e ás veces relambes os dedos. O que si, sempre me invaden as olores, sabores, texturas... do que estou escribindo, dalgún xeito é o meu xeito de ser Gourmet.

X.P.: O corpóreo e os sentidos parecen ter moita presenza nos teus poemas...

E.M.: É un pouco o que che dicía. As palabras teñen un significado propio, ás veces son memoria olfactiva ou visual máis que realmente léxico. Eu mergúllome no universo de verbas coñecidas e combínoas moitas das veces sen sentido, pero na miña mente teñen unha secuencia, forman parte de algo que quero construír ou que xa está construído antes de min. Ás veces sinto tal impotencia por non poder definir algo que teño na cabeza con palabras que teño que recrear a atmosfera que me fixo chegar a esa imaxe, quero dicir que escribo con todos os sentidos alerta porque ás veces definir o máis sinxelo resulta desesperadamente complexo e á inversa.

Tal vez a poesía sexa unha disciplina máis etérea que outras como a fotografía ou a pintura, por exemplo, que son tanxibles, e teña unha necesidade de enchela, de darlle vida a uns personaxes, un corpo a uns guisos, non é algo premeditado, pero os poemas non deixan de ser criaturas con vida propia que se deixan percorrer e interpretar infinitas veces, polo tanto coido que os sentidos e o corpóreo teñen presenza na vida e a poesía é parte da vida...

X.P.: Tamén houbo no blog unha "folla de reclamacións": seica alguén non entendeu ben o diálogo intertextual dun "plaxio" dedicado.

E.M.: [Risos] Non é a primeira vez que algún escrito meu esperta algunha polémica, se non que lle pregunten ao meu ben querido amigo Xosé Manuel... O episodio no blog gustaríame dicir que foi para crear expectativa e darlle un punto polémico, pero foi un pau bastante desconcertante para min. Deume idea da dimensión que ten internet e de que as palabras están marxinadas.

O poema que despertou as feridas foi no seu título orixinal "plaxiando a F.I.P.", onde empreguei palabras comúns e comparei o oficio de poeta coa prostitución. O poema ten moitas lecturas, non sei se está moi ben escrito e entendería críticas a ese respecto pero descualificalo simplemente por usar palabras "inmorais" foi como un shock . Tomei daquela as mesuras que me pareceron coherentes, quitar o poema uns días, respostar aos mails nos que se me acusaba de inmoral e explicar publicamente vía meu blog o que pasara.

A xente foi xenial, tiven moitas mensaxes de apoio e quedou un pouco de anécdota, non sei se tal vez si un día quero ir a Brasil me prendan na aduana pola poesía... pero a poeta brasileira que se sentiu ofendida coas miñas palabras endexamais voltou contactar comigo, así que supoño que as miñas explicacións e desculpas seríanlle de abondo.

X.P.: De Barcelona a Porto: presentas o teu primeiro libro algo lonxe da parroquia?

E.M.: Hai tempo contactáronme para participar n'Os Dias da Criação e por datas non podía, a partir de aí empezáronme a publicar no blog da Incomunidade e un día pedíronme un poemario e sorprendéronme con este libro, a verdade que foi unha sorpresa para min e un privilexio que pensasen en min para editarme un libro.

X.P.: E para acabar, faríasnos para Vieiros Barcelona un canapé ou un postre de mel, dedicado?

E.M.: Non sei se estarei a altura pero douvos o texto que lle da nome ao libro As sete idades e máis dedícovos encantada un postre de mel:

Postre para Vieiros

arrinco a lingua da túa pel quente.
pegadas as miñas papilas teu sabor frenético.
escrava dos desexos púdicos do meu corpo en continua fricción.

mestúrome coas bágoas que conteñen túas pupilas,
desexantes doutros corpos.

gosto de ser o predador que te invade
e encherche a boca co meu sabor cítrico.


Documentos

4,06/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: