Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PRESENTADOS OS ACTOS DO SEU ANIVERSARIO

O Consello da Cultura cumpre 25 anos

Celebraranse seis foros temáticos de debate e en outubro abrirase en Vigo unha mostra sobre a cultura galega das últimas décadas.

Redacción - 14:02 11/01/2008

O Consello da Cultura Galega naceu en 1983 (Lei 8/1983, do 8 de xullo) coa función principal, recollida no Estatuto de Autonomía, de "defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego", canda a outras como asesoría, análise, laboratorio de ideas e promoción da imaxe de Galiza no exterior. 25 anos despois, o Consello celebrará un feixe de actividades que en palabras do seu presidente, Ramón Villares, queren ser máis ca uns simples "fastos", senón que deben servir para valorar a actividade da institución e repensar o seu futuro.

Para conmemorar estas vodas de prata, o Consello acollerá ao longo de 2008 seis foros de debate sobre distintos aspectos da cultura galega, e en outubro inaugurará en Vigo unha exposición sobre os últimos Vinte e cinco anos de Cultura Galega, unha mostra que nos meses seguintes viaxará nun formato máis reducido por outras cidades. Ademais, encargouse un logo específico ao equipo de Pepe Barro, que identificará todas as actividades.

Seis foros de debate
O primeiro dos foros titúlase Galicia na sociedade do coñecemento (3 e 4 de abril) e está coordinado por Domingo Docampo. En maio o tema serán as Olladas críticas sobre a paisaxe (8 e 9 de maio), coordinado por Francisco Díaz-Fierros. A seguir debaterase sobre Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade (19 e 20 de xuño), baixo a dirección de Henrique Montegaudo. En setembro María Luísa Sobrino dirixira o foro sobre Creación artística e identidades culturais (18 e 19). O valor crítico dos bens culturais (23 e 24 de outubro), coordinado por Iago Seara será o seguinte foro. Finalmente, xa en decembro Ramón Maiz organizará un debate sobre Cultura e política: Debates contemporáneos (1, 2 e 3 de decembro).

Os actos do 25 aniversario teñen como lema Crear cultura, Imaxinar país, facendo fincapé na importancia da cultura na historia recente de Galiza e mesmo na conformación das súas institucións, pois mesmo a consideración de nacionalidade histórica recollida no Estatuto parte de razóns culturais. Na súa intervención, Ramón Villares lembrou a importancia de ter creado o Consello da Cultura en 1983 e de telo ligado ás institucións autonómicas. Así mesmo, destacou que alén de cumprir as súas funcións de preservación e estudo da cultura do país, realizou un importante papel na difusión desta na rede, na emigración, así coma no seu labor de asesoría ao goberno galego. Para Villares este ano de celebracións debe servir para repensar a institución e tomar impulso de cara ao futuro.


3.4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ramón Villares e Xosé López na presentación das actividades
Ramón Villares e Xosé López na presentación das actividades
Logo do 25 aniversario
Logo do 25 aniversario