Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DEBATE EN VIGO

Como serán os libros de mañá? (I)

O ciclo de mesas redondas 'As caras do libro' péchase este mércores pola tarde cun debate sobre o seu futuro e a emerxencia de novos formatos e linguaxes.

Marcos S. Pérez - 17:45 23/01/2008

A mesa redonda, titulada Os libros de mañá. Novas tecnoloxías e novas linguaxes, contará coa participación de Óscar Sánchez (Martin Pawley), físico e autor do blog Días Estranhos, Francisco Castro (escritor, responsábel de novos proxectos en Galaxia e autor do blog A Canción do Náufrago), Rosa Aneiros (escritora e xornalista), María Yáñez (xornalista), e estará moderada por Manuel Gago (profesor da USC, director de Culturagalega.org e autor do blog Capítulo 0).

O debate servirá para afondar na cuestión de cara a onde vai o libro, de se sobrevivirá o papel e se neste proceso cambiarán os formatos e as linguaxes, ademais dos soportes. Para Manuel Gago, profesor de Xornalismo Electrónico na Facultade de Xornalismo da USC, nos últimos anos o formato do libro xa está a vivir unha gran transformación, aínda que non sexa tan fonda ou rápida coma a que afecta ao sector audiovisual ou á música. Para Gago, esa transformación non afecta tanto á ficción, pero si ás obras de consulta. "Os obxectos teñen unha lóxica cultural, e os formatos tradicionais estana perdendo", e engade: "agora cando lemos certas obras estamos botando en falla un buscador". De aí, o descenso nas vendas de enciclopedias físicas e tamén na súa produción nos últimos anos.

E mais un exemplo: dende hai dous anos a Editorial Xerais está producindo libros que non se imprimen, que se distribúen directamente en pdf, fundamentalmente dirixidos a centros educativos. Para Manuel Bragado, director de Xerais, "o futuro do libro xa está aquí". Bragado afirma que "debemos quitarnos da cabeza o concepto de que o libro é un soporte impreso; non está definido polo soporte, senón pola actividade cognitiva que suscita". Así, Bragado amósase convencido de que se vai modificar a cultura escrita, vixente nos últimos 500 anos, porque cada tempo ten unha forma de lectura e escritura propia, unha literacidade de seu.

María Yáñez concorda con Bragado en que o libro, como toda a cultura, vai camiño da dixitalización. Para Bragado, os soportes electrónicos convivirán cos escritos, provocando unha redefinición do concepto actual de propiedade intelectual, cambios nas funcións de editores e libreiros, e provocando tamén cambios na cadea de valor do libro e nos mecanismos de retribución aos autores.

O libro, un grande invento
Francisco Castro vén de incorporarse ao equipo editorial de Galaxia para ocuparse do apartado de novos proxectos. Aí entrará por suposto a produción de contidos para a rede, e a aplicación das novas tecnoloxías ás obras publicadas pola editorial. Para Castro, a influencia das novas tecnoloxía estáse deixando notar xa nas obras de consulta e divulgación.

Porén, Francisco Castro opina que "poucos inventos son tan funcionais como o libro", o que vai asegurar a súa supervivencia, unida á "relación tan particular" que os bibliófilos teñen cos libros. A este respecto, Bragado tamén opina que "non hai obxecto máis amigable que o libro". E de igual xeito María Yáñez concorda con que "de momento é o soporte máis válido e asequible que hai". Ao tempo apunta o factor de que o libro teña aínda un valor obxectual, o que deriva na produción de edicións coidadas e mesmo dun gran mercado de libro de vello.


4.64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: