Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Vieiros do Mar

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Vieiros do Mar
Presentouse a meirande festa do mar

Este ano Galiza terá o seu día en Brest

O 16 de xullo será o día do noso país na Festa Marítima Internacional de Bretaña. Celébrase do 11 ao 17 de xullo na capital mariñeira.

Redacción - 18:00 23/01/2008

Esta cuarta feira presentouse no Museo do Mar de Vigo a Festa Marítima Internacional Brest 2008, na que Galiza é país convidado de honra. Alí, o 16 de xullo, Galiza recreará unha vila mariñeira con obradoiros nos que poderán participar os visitantes. Será o noso día na meirande festa das xentes do mar en todo o Mundo.

A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, participou nesta presentación, xunto ao concelleiro de Cultura do Concello de Vigo, Xesús López Escudeiro; o conselleiro de Turismo do Consello Rexional de Bretaña, François Vertadier, e o director da Oficina de Turismo da vila de Brest, Marc Doria.

Os representantes bretóns explicaron en que consiste esta gran festa que reúne en Brest a 2.000 veleiros tradicionais ou de inspiración clásica, 25 nacións representadas, 15 mil mariñeiros, 60 grandes barcos de cabotaxe, 300 expositores, e 2.000 animadores, músicos e artistas. Ademais destacaron as o parecido que é Brest a Galiza, ou Galiza a Brest (no clima, nas praias, os cantís, os bosques, a gastronomía...) Neste sentido, Francois Vertadier indicou: "Haberá momentos nos que pensarán que estou falando de Galiza, pero é que as similitudes entre a Bretaña e Galiza son enormes".

A meirande festa da cultura e das xentes do mar no Mundo
Na súa quenda, Marc Doria (director da Oficina de Turismo de Brest), falou da súa vila, lembrando que "en ningún outro lugar se pode admirar tal variedade de veleiros e de flotas, ningunha manifestación ofrece tal número de embarcacións con carácter. Alén dun decorado, atopamos en Brest o auténtico ambiente dun porto real e vivo, a emoción de momentos únicos nos que a baía se transforma nun xigantesco teatro e onde os visitantes se senten no corazón dun verdadeiro momento de historia marítima".

Pola súa parte, Marta Souto, agradeceu o convite realizado pola organización para que Galiza sexa un dos países convidados de honra na feira e destacou que esta oportunidade "vai permitirnos amosar de xeito internacional o noso rico patrimonio cultural marítimo e fluvial e tamén poñelo en valor no noso país, onde debemos destacar e agradecer o traballo das asociacións que xa levan moitos anos traballando para recuperar este patrimonio. Ademais, a presenza de Galiza en Brest permitiranos dar a coñecer Galiza en diferentes vertentes: Cultural, gastronómica, turística, patrimonial...".

Souto tamén lembrou que o pavillón galego en Brest vai recrear unha vila mariñeira, e que terá obradoiros participativos, un escaparate de distintas embarcacións tradicionais, unha mostra de arredor de 20 embarcacións, ademais de animación na rúa, información turística, gastronomía, e moita música.


4.67/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A goleta bretona La Recouvrance, navegando maxestuosa. É o símbolo da capital de Bretaña, Brest
A goleta bretona La Recouvrance, navegando maxestuosa. É o símbolo da capital de Bretaña, Brest
Detalle da proa da goleta bretona
Detalle da proa da goleta bretona
Galiza vai estar presente coas súas embarcacións tradicionais (como a da imaxe) na meirande festa do mar
Galiza vai estar presente coas súas embarcacións tradicionais (como a da imaxe) na meirande festa do mar
A praia do Moulin Blanc, en Brest (a carón do porto deportivo) / Flicrk: Pablo Carballada
A praia do Moulin Blanc, en Brest (a carón do porto deportivo) / Flicrk: Pablo Carballada
Imaxe da rúa Jean Jaurès en Brest
Imaxe da rúa Jean Jaurès en Brest