Ao acto de presentación, que tivo lugar en Madrid, asistiron, entre outros, Suso de Toro, Fina Casalderrey, Ugia Pedreira, Luís Caruncho, Antón Patiño, Menchu Lama ou Reigosa.
Dende hai dous anos a literatura, a música e a arte galega ocupan novos espazos nos grandes eventos internacionais e comezou a estar presente nas principais feiras de produtos culturais do mundo: Frankfurt, Bolonia e Guadalaxara (libro), Popkomm, Womex e Midem (música), Bienal de Venecia (artes plásticas), ou Angouleme (banda deseñada).
As áreas estratéxicas de máis interese para este obxectivo son Europa e Latinoamérica. Precisamente coa presenza de Galicia como cultura invitada na Feira Internacional do Libro da Habana trátase de dar un primeiro paso para dar a coñecer a cultura galega en Hispanoamérica. En 2007 a cultura galega asistiu por vez primeira a feiras como Bos Aires, Montevideo ou Guadalajara, onde Galiza se postulou para ser protagonista da Feira do Libro en 2011. Este apoio á promoción exterior do libro galego complétase, segundo explicou Ánxela Bugallo "con medidas de apoio á tradución e cun amplo programa de difusión da nosa literatura e autores baixo a marca Letras de Galicia".
Letrasdegalicia.com
No acto presentouse a web letrasdegalicia para apoiar a promoción do libro galego no exterior. Xa en activo, esta plataforma de proxección da cultura galega no exterior acolle información sobre a literatura galega desde os seus comezos á actualidade con datos sobre o volume da edición en galego, a facturación... E ademais compila todas as axudas á edición, á internacionalización e á tradución que favorecen a difusión do libro galego, así como as últimas accións da Consellaría a prol do sector no ámbito da promoción como a información actualizada da presenza en feiras e dos principais autores e autoras galegas.
Esta ferramenta complementa a ReadGalicia. un escaparate on-line que mostra máis de 200 obras galegas recentes que inclúen un extracto traducido ao inglés.
Tiña que ser precisamente en Madrí, non valía nin Lisboa, nin London, nin Barcelona, Dublín... Madrí! "de Madrid al cielo" que drían eles. Xentiña! Logo non vos estrañedes se saides polo mundo adiante e nos miran como subcultura española.