Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
McCain destácase no lado Republicano

Clinton remata o Super Martes con escasa vantaxe sobre Obama

Polo gordo dun pelo queda a vantaxe de Clinton na carreira cara á candidatura do Partido Demócrata.

Redacción - 14:15 06/02/2008

Até a mesma porta da convención demócrata de Detroit do próximo verán, onde debería proclamarse o vencedor e candidato á presidencia dos Estados Unidos, promete estenderse a loita por ese posto. Obama confirmou a tendencia crecente da súa candidatura, que foi capaz de remontar unha desvantaxe que non hai moito era de arredor de vinte puntos nas enquisas no conxunto dos EUA. Deste Super Martes, Obama sae reforzado coa vitoria parcial na maioría de estados, malia que a suma total de delegados concédelle aínda unha pequena vantaxe a Clinton.

A senadora por Nova York foi quen de confirmar a vitoria que lle prognosticaran nos estados chave, entre outros o mesmo Nova York e sobre todo en California, que outorgaban un maior número de delegados. Con todo, este último caso é exemplo da viraxe experimentada entre a militancia demócrata, que se hai pouco parecía ir concederlle unha ampla marxe a Clinton, finalmente deulle un triunfo co 52% dos apoios, fronte ao 42% de Obama.

"O cambio chega a América", dixo un Obama confiado nas súas posibilidades na noite deste martes. "Necesitamos alguén forte desde o primeiro día na Casa Branca", dixo Clinton, lembrando o perto que estaría de ser a primeira muller presidenta nos EUA e recordando a continuación que cando súa propia nai nacera "as mulleres aínda non podían votar" nos Estados Unidos.

Por outro lado, e aínda que non asegurou a vitoria final, John McCain saíu desta xornada coma o candidato máis forte para o relevo de George W.Bush na candidatura do Partido Republicano. McCain dobra xa en delegados ao seu inmediato rival, Mitt Romney, quen ademais quedou prexudicado polos inesperados triunfos en varios estados do terceiro na rifa, Mike Huckabeee. Con todo, Romney confirmou que segue de momento na competición.

Recomendámoslles a cobertura de:


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: