Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
José Ángel Vidal, director deportivo do KGZ

"Temos un equipo moi bonito ao que hai que darlle tempo"

O Karpin Galicia ponse en marcha. Esta fin de semana inicia a competición en dúas frontes. O sábado disputa a primeira etapa do Tour de Langkawi en Malaisia e vintecatro horas despois tomará a saída na Volta a Mallorca

Redacción - 18:45 06/02/2008
José Ángel Vidal

José Ángel Vidal

Con Álvaro Pino na competición de Asia, o mando na carreira balear asumirao José Ángel Vidal. Esta cuarta feira saían o autobús e máis o camión do equipo ciclista profesional galego. Na quinta sairán os automóbiles do KGZ de e na sexta o resto da expedición, cos ciclistas e director deportivo á fronte, dende Peinador rumbo a Palma.

"Sempre tes un pouco máis de tensión cando vas como principal responsábel do equipo, pero é unha situación que xa vivín o ano pasado, polo que non me resulta estraña nin me produce un nerviosismo especial", decláralle José Ángel Vidal ao responsábel de prensa do KGZ, que nos remite esta entrevista completa.

Na pretempada o corpo técnico estivo moi preto do equipo a través da programación dos adestramentos colectivos e das dúas concentracións realizadas e iso en principio permite facer avaliacións máis precisas. Que ciclistas lle sorprenderon máis?
Máis ca sorprenderme, causáronme unha grata impresión os novos, porque tiñamos pedido que se prepararan para empezar forte, e na concentración demostraron ir moi ben.

Que diferenzas atopa entre este equipo e o da pasada tempada?
Veu xente con moitas ganas e foise outra con moita experiencia, xente que co seu saber estar en carreira podía, nun momento determinado, compensar algunhas carencias no seu estado de forma. Eu diría que temos un equipo moi bonito ao que hai que darlle tempo, pois hai moita xente nova.

O terceiro posto do ano pasado en Mallorca, a que obriga nesta edición?

Diso estivemos falando e sopesando as posibilidades. Ezequiel, que é a nosa principal referencia, atópase ben; pero este ano quitaron o final en alto e iso non lle beneficia. Os portos en Mallorca non son moi longos, polo que as diferenzas no cumio non poden ser grandes e vanlles permitir, a moitos corredores, enlazar baixando. Deste xeito, aínda nas etapas máis selectivas, seguramente se formen grupos de 15 ou 20 corredores en cabeza e o forte de Ezequiel non é precisamente o sprint.

Conta o equipo co sprinter que non tivo o ano pasado?
Un sprinter sempre é oportuno porque nun determinado momento pode agachar certas carencias. Nós, en principio seguimos sen ter un chegador nato. Temos xente máis ou menos rápida nun momento determinado como David García ou Herrero, pero non un verdadeiro sprinter. As referencias que temos son de que Vladimir Isaychev en forma tamén pode ser rápido, pero é moi novo e primeiro haberá que ver a súa adaptación á categoría.

O KGZ acode a Mallorca con doce corredores e, segundo o regulamento da carreira, só dez poderán tomar a saída cada día. Ademais de Ezequiel Mosquera, que outros corredores sairán para disputar a xeral en Mallorca?

En principio está previsto que catro ou cinco ciclistas corran todos os días. Os fixos son: Ezequiel, Vorganov, Alberto Fernández e Mayoz. Pero esta previsión tamén podería variar sobre a marcha, no caso de que algún outro corredor chegue ben clasificado ao terceiro día.

Ve positiva a fórmula de rotacións que aplica a Volta a Mallorca?
Para estes comezos de tempada paréceme a máis axeitada e debería haber algunha máis que se disputase segundo este patrón, porque permite entrar en competición a un maior número de corredores e nun día de montaña, por poñer un exemplo, a un sprinter pódeslle dar descanso. Dese xeito vai asimilar mellor o traballo que está realizando, porque non se ve obrigado a ir arrastrado.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: