Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SUBSTITUIRÁ AO IGAEM

Aprobada no Parlamento a Axencia Galega das Industrias Culturais

A lei foi admitida a trámite, malia á oposición do PP, que dedicou a maior parte da súa intervención a criticar a presenza de Galiza na Feira do Libro da Habana.

Marcos S. Pérez - 13:20 19/02/2008

O voceiro do PP Ignacio López-Chaves recuncou no debate parlamentario deste martes nas súas críticas ao proxecto do Agadic, aferrándose aos mesmos argumentos que xa empregara o pasado 16 de xaneiro, exactamente o mesmo día que no que a Fiscalía do Tribunal de Contas atopou indicios de responsabilidade contábel na xestión dos populares na Cidade da Cultura. O PP, facendo uso do informe emitido en novembro polo Consello Económico e Social, afirma que o organismo que substituirá ao IGAEM flexibilizará os mecanismos de contratación e os controis sobre a súa xestión, e repetiu en varias ocasións a cualificación de "chiringuito" para a nova axencia.

Porén, o texto da lei non só fixa estritos mecanismos de control, senón que estes controis son moito máis estritos que os usados no Igaem. Por exemplo, fíxase que o Consello de Contas encargaráse do control externo, mentres que a intervención da Xunta terá o interno. Haberá un control de xestión tanto por parte de Cultura como por parte de Economía a través do contrato de xestión; este contrato regulará o financiamento segundo o cumprimento de obxectivos marcados, e se os obxectivos non se cumprisen poderíanse esixir responsabilidades.

López Chaves, con evidentes dificultades para expresarse en galego, lingua que só utilizou no primeiro minuto da súa intervención, non entrou a analizar o contido da Lei, a situación actual das industrias culturais galegas, nin o funcionamento futuro do Agadic. Pola contra, dedicou a maior parte das súas intervencións a criticar a presenza de Galiza na Feira Internacional do Libro da Habana, e o propio desprazamento de Ánxela Bugallo a Cuba para inaugurar o evento, ignorando que a feira é xunto coas de Guadalaxara e Bós Aires a máis importante de Latinoamérica. De feito, López Chaves iniciou o seu discurso cun "Que tal por el Caribe, señora conselleira, bien?".

PSdeG-PSOE e BNG defenden o proxecto
Xosé Ramón Paz Antón (BNG) retrucoulle ao deputado popular cun "Que tal polas Rías Baixas, señor López Chaves?" iniciando unha intervención na que defendeu o proxecto, baséandose na importancia económica das industrias culturais (lembrando os paradigmáticos casos do Reino Unido e Irlanda) e no carácter decisivo que este fortalecemento da creación e difusión artística ten para o fomento da lingua galega.

Paz Antón criticou tamén a xestión realizada polo PP á fronte do IGAEM no fomento da música folc galega nos anos noventa, cando viviu un grande auxe, pero que segundo o deputado do BNG foi "unha oportunidade perdida". Ademais, no seu discurso fixo referencia á xestión de López-Chaves na concellaría de Cultura de Vigo, onde segundo o deputado nacionalista se converteu nun especialista "en burlar a lei".

Pola súa banda, Francisco Cerviño (PSdeG-PSOE) aprobou igualmente o proxecto de lei, e criticou "os poucos argumentos" ofrecidos polo PP. Porén, tamén realizou algunhas advertencias, referidas principalmente á ausencia do regulamento ou estatuto que desenvolverá a lei, e que aínda se atopa en proceso de redacción.

Así mesmo, chamou a atención sobre o propio concepto das "industrias culturais" termo discutido dende os anos cincuenta por filósofos marxistas da Escola de Francfort como Adorno e Horkheimer, polo seu carácter neoliberal e mercantilizador das creacións artísticas. Por iso, Cerviño chamou a estabelecer "cautelas" no futuro regulamento, a manter o control público e a incidir na idea da "excepción cultural", sobre todo pensando na lingua galega, sobre a que afirmou que sen o apoio da administración, sería "expulsada pola longa man do mercado".

Así pois, a emenda á totalidade presentada polo PP foi rexeitada por 38 votos fronte a 34 (atopábanse ausentes tres deputados populares), polo que lei de creación da Axencia Galega de Industrias Culturais foi admitida a trámite.


Ligazóns

4.93/5 (14 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: