Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas desde Etiopía (6)

"Problema de mulleres"

"O cambio dos papeis de xénero pasa por deixar de quedar só nas palabras, como pasa na nosa sociedade, e pasar aos actos, como no caso de Negatwa". Crónica de María Reimóndez.

María Reimóndez - 09:00 20/02/2008
Tags:

Tafarraw pensa que no seu caso non ten que preocuparse da mutilación xenital, total ela só ten fillos, tres en concreto. O 80% das mulleres etíopes padecen diferentes formas de mutilación xenital e está clasificada, xunto aos matrimonios por rapto, o matrimonio infantil (ou temperán, como lle chaman eufemisticamente ao feito de casar ás nenas cando teñen a primeira menstruación ou mesmo antes), extirpar os dentes de leite, etc como unha práctica tradicional daniña.

Practicar, promover ou participar nunha mutilación é motivo de cárcere. Aínda así, estas medidas punitivas coma sempre teñen unha aplicación bastante limitada e cómpre un cambio social a través da sensibilización. En Addis a mutilación non é xa o habitual pero segue existindo nos suburbios de forma agochada.

Falamos animadamente con Tefarraw sobre o tema: o feito de que só teña tres fillos non quere dicir que o problema non lle afecte. Os homes son os primeiros en colaborar na mutilación non querendo casar con mulleres que non están mutiladas ou obrigando ás súas mulleres a que as fillas pasen pola mutilación. Os "problemas das mulleres" non son nunca só das mulleres como pode parecer. Tefarraw comprométese a falar cos seus fillos do asunto. Dígolle que non fale por falar, que volverei pasado un tempo e tomo nota de vir falar cos seus fillos a ver que saben do tema. Bota unha gargallada e insiste en que falarán, falarán.

Outros "grupos de mulleres"
A maioría das mulleres dos grupos tiveron que superar diferentes obstáculos para poñelos en marcha. Primeiro a mentalidade instaurada dende occidente (o que eu chamo o-monstro-que-nós-creamos) de recibir axuda sen máis. Logo a desconfianza dos grupos por culpa da participación obrigatoria neles promovida polo réxime do Derg. As mulleres víronse obrigadas a formar parte de asociacións de mulleres como parte do réxime comunista, cousa que non deixou bos recordos. Tampouco o uso que o actual réxime fai das mulleres, agrupándoas cando quere "canalizar" algunha política ou mensaxe.

As integrantes do grupo Melkam mencionan como as autoridades locais organizaron algún grupo non hai tanto onde se lles pedía ás mulleres que aforrasen... nunca máis viron os cartos. Obviamente non tiñan gana de volver pasar polo mesmo. Porque parte de ser pobre é que as autoridades, as persoas sen escrúpulos e certas organizacións se aproveiten dunha. Só o bo traballo da animadora e o feito de que entenderon que os cartos serían delas e só elas os tocarían conseguiu convencelas para formar o grupo. Agora non están dispostas a que ninguén as disolva por nada do mundo.

O inalcanzable limiar da pobreza
A situación de Negatwa antes de entrar no grupo de aforro era realmente difícil. Dar de comer aos seus oito fillos e fillas, atender ao seu home enfermo co pequeno negocio de venda de verduras deixábaa moi por debaixo do limiar da pobreza. Na súa casa non se comía máis que pan e lentellas, nin sequera tiñan cartos para poder comer injera (a torta que constitúe a alimentación básica etíope, un paso por enriba do pan). Agora mide o seu aumento de ingresos na mellora da comida, hai verduras na mesa.

O cambio marcouno o crédito de 5 euros que recibiu do grupo e que lle permitiu mercar máis cantidade de verduras, co cal agora consegue chegar aos 60 céntimos de ingreso diario, aínda por debaixo do limiar da pobreza pero por enriba do que conseguía antes. No primeiro ano de funcionamento dos grupos é habitual seguir aínda por debaixo do euro de ingresos diarios que as Nacións Unidas marcan como inicio do abandono da pobreza. Pero a diferencia, aínda que para nós poida parecer miúda, para mulleres como Negatwa e as súas familias non é en absoluto miúda.

Cambios na casa
Cando chegou á casa despois do curso de xénero Negatwa reuniu ás súas dúas fillas e seis fillos e explicoulles que a partir de agora as cousas ían cambiar, que todas e todos se tiñan que tratar con igualdade e que non ía asignar máis tarefas ás súas fillas como pasara ata o de agora, que todo o mundo tiña que colaborar na casa. Un dos seus fillos enseguida comezou a axudar na cociña picando verduras. O maior díxolle que estaba moi contento de que fose a cursos e aprendese, que lle había quedar el no posto cando tivese que ir a outro curso e que por favor lles ensinase máis cousas.

Ao final o cambio dos papeis de xénero pasa por cousas tan pequenas e ao tempo tan grandes coma esta, pasa por deixar de quedar só nas palabras, como pasa na nosa sociedade, e pasar aos actos, como no caso de Negatwa.


3,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: