Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
En colaboración cos sindicatos

Traballo investigará as discriminacións por razón de lingua

Será unha das actuacións especiais que os inspectores de traballo desenvolvan a partir deste ano. Con todo, apenas un primeiro chanzo fronte ás reivindicacións pendentes.

R.N. - 09:00 20/02/2008

No caixón da Consellaría de Traballo hai reiteradas queixas por casos de traballadores que viron vulnerado o seu dereito a expresárense en galego no contorno laboral. A propia Mesa pola Normalización Lingüística solicitou en máis dunha ocasión compromisos concretos por parte da administración, mais con frouxa resposta até o de agora.

Así e todo, desde Traballo citan agora un dos casos concretos que máis repercusión pública tiveron, o da loita xudicial dunha moza despedida en Pontevedra por falar en galego cos compañeiros de traballo. Aseguran desde a Xunta que a constancia de casos similares leva a admitir a necesidade de introducir este factor no labor dos inspectores. Xa que logo, unha das novidades do plan de actuación de Inspección de Traballo en 2008 será a realización de "actuacións especiais" de vixilancia e control para que este tipo de "discriminacións por razón de lingua" non se produzan. Con esa fin, ao longo deste ano, a consellaría comprométese a acordar cos colectivos sindicais o despregue de accións concretas no ámbito de sectores e empresas onde se detectasen nos últimos tempos problemas deste tipo.

Recursos posíbeis até o de agora inexplorados
O propio Plan Xeral de Normalización Lingüística sinala no seu apartado adicado á lingua no ámbito empresarial que unha das medidas a impulsar debera ser a posibilidade de "programar cos sindicatos, comités de empresa e Consello Galego de Relacións Laborais, a introdución dos dereitos lingüísticos dos traballadores como cláusula de oficio en todos os convenios colectivos".

É unha das posibilidades que apunta Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, quen ao tempo que felicita que se dea este primeiro paso desde instancias oficiais, advirte que debera ir acompañado de "esforzo e orzamentos" e reprocha que a historia recente amosa que houbo "un tempo perdido precioso" no que o Goberno apenas moveu ficha neste ámbito de actuación. Unha inacción desde o executivo que coincide cun "fluxo continuo" de denuncias por parte de cidadáns que non deixan de presentar queixas polo ataque ao dereito a falaren galego no seu lugar de traballo. Callón recorda as interpelacións tanto á Secretaría Xeral de Política Lingüística como á Consellaría de Traballo para que tomen medidas arredor deste asunto e censura a parálise ao respecto. Subliña tamén que o colectivo que presidente insiste desde hai tempo na necesidade dun plan específico contra a discriminación lingüística no ámbito laboral.

En parecido sentido fala Rafa Villar, técnico de normalización lingüística da Confederación Intersindical Galega, quen destaca esa oportunidade desaproveitada por exemplo no ámbito do Consello Galego de Relacións Laborais, escenario que ve como un dos instrumentos posíbeis para o debate e definición de actuacións fronte a esta problemática. De igual xeito, cita Rafa Villar o caso do Consello Económico e Social, outro órgano "desaproveitado" para mirar en favor do respecto aos dereitos lingüísticos dos traballadores. Na súa opinión, en xeral o balance dos últimos anos é mostra da "falta dunha acción política decidida" con este tema e a actuación das administracións apenas ofrecería exemplo de actuacións illadas ou case simbólicas, baseadas na inxección de cartos ao sector empresarial cara a obxectivos pouco definidos e "renunciando a tratar a complexidade do mundo laboral" e sen entrar de verdade nas cuestións de fondo que condicionan a situación dunha lingua, o galego, "excluída" de moitos contextos sociolaborais.


3,8/5 (10 votos)


Comentarios (8)

Tino #1 20/Febreiro/2008 Tino

Soa a promesa electoral q vai ser esquecida para sempre, sr conselleiro.
Senón, por q non actuaron antes contra as discriminacións q se levan denunciando hai anos?

Garrano #2 20/Febreiro/2008 Garrano

Se alguén agrada que a inspección laboral faga o seu traballo, repito, se alguén agarda que a inspección laboral faga o seu traballo, pode agardar sentado. E no tema da lingua xa non digamos.

Tino #3 20/Febreiro/2008 Tino

Hoxe mesmo 21/02 a UGT maniféstase en Vigo perante a Inspección de Traballo pola falta de dilixencia despois de denunciaren casos abusivos contra os traballadores e estafa á seguridade social de varias empresas da bisbarra: non se puderon levar adiante as investigacións pq os inspectores chegaban a destempo ou non chegaban, así q todo kedou en nada.
Q é o q van facer no caso da lingua, regalarlles unha garrafiña de auga?

manual #4 20/Febreiro/2008 manual

Ben pola Mesa. Cando menos, conseguiron que se poña este tema na axenda da Consellaría de Traballo.

GalizaEmGalego #5 20/Febreiro/2008 GalizaEmGalego

HOXE AS 19:30 DIANTE DO TEATRO CAIXANOVA EN VIGO CONCENTRACIÓN CONTRA OS FASCISTAS DE "GALICIA BILINGÜE" !!!

buli #6 20/Febreiro/2008 buli

GalizaEmGalego: eu nom penso ir à concentraçom. é o que querem os faxistas.estades a trabalhar para a FAES, que é quem suspeito que estám a desenhar esta extrategia. nom podemos ir a rebufo deles. há que tomar a iniciativa: por ejemplo, porqué nom nos concentramos no carrefour em Corunha?

mceleiro #7 20/Febreiro/2008 mceleiro

Boa a do carrefour, buli

Também se poderia solicitar o teatro esse de Caixanova para dar uma conferência a prol do galego, a ver se essa filantrópica e cultural entidade a cede com tão boa vontade coma aos bilis.

LOIS_DE_SILAN #8 20/Febreiro/2008 LOIS_DE_SILAN

A Xunta da Galiza pide nos xulgados que sexan multados os seus traballadores que esixen o respectos dos dereitos lingüísticos!

A inspección de traballo só traballa en castelán na Galiza!

Hainos que lles gusta moito falar dos paxariños preñados!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: