Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xenocidio, tortura e terrorismo de Estado

O goberno de Guatemala fará públicos os arquivos do exército

Entre 1960 e 1996, houbo máis de 200.000 mortos e 50.000 desaparecidos a mans das Forzas Armadas.

Redacción - 12:17 26/02/2008
Álvaro Colom, presidente de Guatemala

Álvaro Colom, presidente de Guatemala

O anuncio do presidente de Guatemala, Alvaro Colom, de facer públicos os arquivos militares abre a posibilidade de coñecer a sorte de miles de guatemaltecos desaparecidos durante a represión militar que asolou o país durante máis de tres décadas.

Con ocasión do Día Nacional de Conmemoración das Vítimas da Guerra, Colom asegurou que conta co "apoio político" da cúpula do Exército guatemalteco para desclasificar estes arquivos.

"Imos facer públicos todos os arquivos do Exército (...) para que se coñeza a verdade e dunha vez por todas poidamos construír sobre a verdade e sobre a xustiza", sinalou o gobernante.

Segundo o informe da Comisión para o Esclarecemento Histórico (CEH), que investigou as violacións aos dereitos humanos ocorridas durante a guerra civil, entre 1960 e 1996 houbo máis de 200.000 mortos e 50.000 desaparecidos.

O informe, auspiciado polas Nacións Unidas e presentado o 25 de febreiro de 1998, responsabilizou ás Forzas Armadas do 95 por cento deses feitos.

"A Constitución prohíbeo"
O avogado Fernando Linares, defensor do xeneral golpista Óscar Mejía Victores, acusado de xenocidio, cualificou de "ilegal" a decisión de presidente. "É un acto inconstitucional e denota descoñecemento do presidente Colom porque a Constitución o prohibe", asegurou Linares.

Colom non precisou datas para iniciar este proceso, nin se o mesmo terá algún tipo de limitacións, mais advertiu que antes de facer públicos os arquivos militares, liquidará "as trabas legais" que no pasado impediron ás organizacións humanitarias coñecer o seu contido.


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: