Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
As novas figuras galegas do pentatlón moderno

Os irmáns Cristóbal e Yolanda Rodríguez destacan a nivel estatal

Cristóbal é considerado pola federación española como unha das promesas que hai que coidar. El e a súa irmá Yolanda son subcampións no arranque da Copa coa selección galega.

Redacción - 12:10 27/02/2008
Unha das probas do pentatlón é a de tiro

Unha das probas do pentatlón é a de tiro

Os irmáns, de Viveiro, practican un deporte ben diferente dos que estamos habituados a ver. Sabiamos xa que Galiza era potencia do triatlón (e segue a selo), deporte que comezou a ser coñecido no noso país a raíz dos éxitos de xente coma Iván Raña, Xabier Gómez Noya, Pilar Hidalgo ou Aida Valiño, entre outros. Mais agora os deportistas galegos tamén están a destacar en disciplinas coma o pentatlón moderno, se cadra un chisco menos coñecido.

Este deporte, que foi considerado olímpico por primeira vez nos Xogos de Estocolmo de 1912, inclúe cinco disciplinas: o tiro, a hípica, a esgrima, a natación e a carreira de cross. Nas categorías menores os deportistas compiten en carreira, tiro e natación. A esgrima e a hípica déixanse para despois, para aqueles pentatletas que amosen un potencial de abondo para chegar alto, que ademais poidan e queiran asumir o alto custo que supón esta práctica.

Cristóbal
Cristóbal Rodríguez comezou coa carreira a pé, e de aí pasou ao duatlón escolar, ao cumprir os dez anos. Despois quixo mellorar na natación, e coa bicicleta, pero pasou do triatlón e foise dedicando máis de cheo ao pentatlón, no que segue, adestrando co Cidade de Lugo Club Fluvial. De feito, mesmo puido entrar no Centro galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), pero ao escoller o pentatlón, foi o Centro de Alto Rendemento de Barcelona, onde se adestra neste deporte, o que o acolleu.

O ano pasado foi campión do Estatal Júnior, e quedou vixésimo primeiro no Campionato de Europa. A federación española ten a ollada posta nel, e nun seu informe din de Cristóbal que "con traballo e paciencia pode chegar a ser un gran pentatleta". É unha das novas promesas, considerado como "moi completo" e din del que pode que chegue moi lonxe. A pasada fin de semana, conseguiu o subcampionato na Copa estatal de pentatlón moderno, representando a Galiza en Canarias.

Yolanda

Compite en benxamíns, (tamén no Cidade de Lugo Club Fluvial, coma seu irmán) e, ao igual que Cristóbal, gañou o subcampionato estatal que se desenvolveu en Canarias a pasada fin de semana, cun rendemento moi destacado en carreira e tiro.

Ademais de conseguir a prata, Yolanda Rodríguez bateu a mellor marca galega en benxamíns, grazas aos 2.066 puntos acumulados nas tres disciplinas que practica: natación, tiro e carreira a pé.


4.65/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: