Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
"Vale tudo!"

A LNB bótase ao monte para presentar o Billarda All Stars 2008

Toda a información do que vai pasar na pista da Zapateira da Coruña este domingo. As estrelas do palán van rachar Galiza dividíndoa de arriba a baixo e de Leste e Oeste.

Redacción - 11:40 02/03/2008

Mentres se concentraba a selección galega de futsal en Ferrol, para o seu debut na Malata fronte ao combinado charrúa, a LNB tirábase unha vez máis ao monte para, entre os toxos e codesos, presentar esta explosiva faixa que vai presidir a terceira edición do o Billarda All Stars 2008 na cidade da Coruña.

Sostéñena dous misteriosos encarrapuchados da LNB, nun monte que mesmo podería ser de Lindín (parroquia de Mondoñedo), ou outro calquera, porque aí reside o misterio. A cousa é que vai acompañar e darlles forza ás estrelas da billarda de Galiza (de Norte a Sur e de Leste a Oeste), que han demostrar o que saben facer co palán na man.

E é que este domingo 2 de marzo, a partir do mediodía, na pista do campus universitario coruñés hase disputar o espectacular partido All Stars entre dous combinados, o do Leste e o do Oeste, cos mellores xogadores deste deporte que, desafiando calquera tipo de concentración parcelaria, veñen defender orgullosos os chantos que dividen cadansúa leira do país á que representan.

Os Billarda All Stars 2008
No All Stars, como na NBA, a mellor liga de baloncesto do mundo, gaña aquel que saiba facer cousas máis espectaculares coa billarda no aire. Tamén hai outra proba, o concurso de varados, o equivalente ás triplas do baloncesto, que premia a puntería a longa distancia. Xóganse ás 13:20 horas.

E para terminar, por volta das 14:00 horas, comezará o concurso de mates no que han competir seis especialistas neste exclusivo xénero, non apto para non iniciados. Son 3 elixidos por cada conferencia que serán observados por catro xuíces en tres roldas sucesivas.

Se non podes estar alí, a LNB ten preparada a metralleta SMS do Varal Morse, que, en tempo real, comunícalle á tribo espallada por toda Galiza e o mundo, o resultado das tres probas. Ademais, vaise tentar unha conexión en directo dende o computador de pista, coas billardas asubiando, dependendo, claro está, da acabada de estrear conexión Wifi do campus coruñés.

Despois de todo o que é exclusivamente deportivo, haberá un xantar para reunificar as dúas Galizas, a do Leste e a do Oeste, rotas antes do partido.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dous misteriosos encarrapuchados sosteñen a faixa dos All Stars do domingo
Dous misteriosos encarrapuchados sosteñen a faixa dos All Stars do domingo
O concurso de varados do ano pasado
O concurso de varados do ano pasado
O xantar reunificador das dúas Galizas
O xantar reunificador das dúas Galizas