Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
BESBELLINHA, COORDINADORA DO 'PROXECTO IDENTIDADE'

"O blogomillo non está morto, quizais falta unha causa común para ver o vivo que está"

54 blogueiros publican unha obra colectiva con textos da súa creación, xa á venda en formato físico, e que se poderá descargar de balde nas vindeiras semanas.

Redacción - 10:15 15/03/2008

Blogueiros hai moitos. Hai uns poucos anos o blogomillo estaba formado por un grupo pequeno de persoas, que nin sequera chegaban a encher unha cafetaría, e que se coñecían todos entre si. Foi a idade de ouro dos blogs en Galiza por un motivo: pola cantidade de iniciativas colectivas que se encetaron. O blogomillo era pequeno, pero estaba moi vivo. Nos últimos anos o fenómeno fíxose masivo ("os blogs son coma os cus, todo o mundo ten un", Leo dixit), e sempre resulta máis complicado mobilizar a unha comunidade ampla.

Botábanse en falta iniciativas colectivas. E nisto chegou Besbellinha, coñecida blogueira afincada na Coruña, e propuxo facer un libro entre os blogueiros galegos. En total son 54 textos curtos, que refliten a visión do mundo, a identidade de cada un. De aí o de Proxecto Identidade. Os blogs defínense por expoñer a visión subxectiva do mundo dos seus autores, construíndo en conxunto unha identidade colectiva, con poucos puntos en común; no caso do blogomillo, a lingua. Os textos pertencen a persoas que decote manteñen a súa creatividade nun ámbito privado (ou semiprivado, se chegan a publicar textos literarios nos seus blogs), pero tamén participaron autores recoñecidos como Estíbaliz Espinosa, Mario Regueira, Rosa Enríquez, Marcos S. Calveiro ou Alfredo Ferreiro.

Proxecto Identidade xa está á venda, a un prezo de 23 euros, e nas vindeiras semanas estará dispoñíbel para a súa descarga en pdf na plataforma A Regueifa. Así mesmo, comezará a distribuirse un podcast cos textos publicados no libros, lidos polos seus autores ou por coñecidos podcasteiros, e acompañados de música.

Como e cando xurdiu a idea do Proxecto Identidade?

En decembro Ghanito comentoume que poderiamos montar unha festa entre os dous. A partir de aí pensei que sería bonito facer algo entre toda a xente do blogomillo, e o máis factible que vin foi facer un libro...

Asi que o libro saiu da idea da festa?
Si, e a idea da festa xurdiu antes dun partido de billarda na Coruña.

Pero de onde che naceu o propósito de incitar a unha creación colectiva? Por que crías que era necesario facer algo así?
Naceu porque nos blogues hai xente que se interesa pola cultura, exposicións, literatura..., e hai moita que expón as súas creacións na rede. Por iso pensei que sería bo que se puidesen aproveitar esas inquietudes e facer algo colectivo. O obxectivo da festa era reunir unha boa parte do blogomillo, así que pensamos que podería aproveitar para facer algo tamén entre todos que non fose só ir de festa.

O título de Proxecto Identidade fai referencia á visión subxectiva do mundo que se expón nos blogs?
Pois si, nun principio a idea era que cada un enviase algo da súa creación, fose o que fose, aínda que Cesare propuxo que sería mellor que seguise unha temática común. A identidade común como colectivo e individual como persoas é o que nos une, ademais da lingua. Ademais, a identidade abarca moitos conceptos e non é unha temática pechada, permitindo a cada un expresarse como o que somos, individuos cunha visión propia do mundo.

Participan 54 persoas. Cal foi o índice de resposta? E como sentiches a reacción da xente ante a iniciativa?

Pois a xente respostou moi ben, creo que enviei uns sesenta correos en total. A xente acolleu moi ben a iniciativa. Penso que o feito de ter voz noutro sitio aparte dos blogues e o feito de ser un proxecto colectivo foi o que gustou.

Dicías que a idea partira en parte de saber que había xente con blogs que escribía..., pero é que no libro participa algún que outro poeta "de verdade"...
Si, están varias persoas que se pode dicir que xa teñen un nome no mundo da cultura: Rosa Enríquez, Estíbaliz Espinosa, Marcos S. Calveiro, Ramón Trigo, Marcos Valcarcel, Mario Regueira, Lorena Souto, Alfredo Ferreiro e Tati Mancebo, se non esquezo a ninguén. E a verdade é que foi emocionante, por así dicilo. É o bo do blogomillo, que compartes espazo con toda esta xente, e descobres que tamén son receptivos a cousas novas, e aquí destaco especialmente a Estíbaliz.

Hoxe en día a rede rompeu esa barreira que antes había para publicar... E é máis doado que calquera poida dar o salto, e poida darlle saída á sua creatividade...
Si, si que é certo, comezando con que na rede todo o mundo pódeche ler, e despois vendo casos nos que as editoriais rematan editando un libro a partir dun libro. É como o que acontece na música: tamén fai falla iniciativa e se ti queres facer algo, pódelo facer. Hoxe en día hai bastantes sitios onde podes publicar en formato electrónico (Aregueifa, Alga...).

Pregunta obrigada e tópica: está morto o blogomillo?
Creo que non, só que está máis espallado do que antes e é grande abondo para que te poidas perder nel, pero morto penso que non. Quizais faille falta unha causa común para que se vexa tan vivo como está. Morto non, cambiado si.

Que iniciativa (ademais desta) podería (ou debería) encetar o blogomillo?
A iso xa non che sei respostar, non deixa de ser un conxunto de persoas que deixan constancia das súas opinións, dos seus gustos, da súa cultura..., e supoño que calquera iniciativa que saia del será boa. Sempre que a xente siga considerándose colectivo, supoño.

Pero ti botas a faltar unha meirande actividade colectiva, ben sexa virtual ou física?
Como dicía Xabier Cid nese artigo que remataba coa morte do blogomillo, Chuza! é un lugar de referencia para toda esa actividade virtual e física e practicamente todos os blogueiros van dar a Chuza!, o cal non quere dicir que de vez en cando estea ben que xurdan outras cousas fóra dela, posto que ao final o que hai é un sistema de feedback.

É innegábel que o blogomillo xerou unha comunidade, dentro e fóra da rede: persoas con intereses comúns que seguramente non se terían coñecido de non ser por iso. Non cres?
Si, si, en parte nos primeiros mails que se enviaron contando a idea de facer Proxecto Identidade falábase diso, do que fora o blogomillo esas características comúns que o conformaron: a lingua, o Prestige, o goberno de Fraga..., cousas que eu vivín como lectora. Agora que xa é unha rede de blogues máis grande e que nun principio non hai causa común pero si moitas outras compartidas, pois pareceume ben facer algo tamén común, pero distinto.

O libro é físico, e vaise distribuír tamén en pdf, con licencia creative commons, e de balde. Vaise presentar dalgún xeito? Nunha libraría? Nunha outra festa?
Pois nun principio non hai nada pensado nese sentido, a verdade. Igual argállase algo, pero de momento non hai nada planificado.

E o proxecto de facer un podcast cos textos? Vai adiante?
Si, coa colaboración de podgalego e ilustres podcasteiros, ademais doutros que han facer o seu debut neste eido, xa que ademais está aberto a quen queira colaborar. A idea é que estea en todos os formatos posibles

Cando sairá?
Cando o libro se publique na Regueifa anunciarase tamén o podcast, aínda que no podcast cada un ha ir colgando os falangullos a medida que os vaia facendo. É o que ten facer unha cousa entre moitos, todo vai a diferentes ritmos.


4,4/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: