Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MÚSICA

Coanhadeira e Caramuxo, seiva nova para o folk

Gañaron, respectivamente, o Certame de Radio Obradoiro e o Festival Cancioneiros, e gravarán candanseu álbum

Redacción - 11:15 18/03/2008

Un Teatro Principal ateigado asisitiu o venres ao triunfo dos ourensáns Coanhadeira na novena edición do Festival Folk organizado por Radio Obradoiro. O grupo, que interpretou tres pezas: Muiñeira de Antela, O fiadeiro e Serán en Liñares, terá agora a oportunidade de gravar un álbum. A final estivo moi disputada, pola calidade dos outros tres participantes: Cobalblu, de Pontevedra; Ghaita Depedra, de Lugo, e Nemon, de Bizkaia, un grupo formado por fillos de emigrantes galegos, que foi ovacionada polo público.

O xurado estivo conformado por Ramón Feáns, músico do grupo Xúa; Xandra Tedín, presentadora de Miraxes; Benxamín Otero, profesor do Conservatorio Folque de Lalín; Roberto Rama, integrante do grupo Fía na roca, e un representante da produtora Abada. O concerto serviu tamén para que Pradoiro, gañadores do certame no ano anterior, presentaran en sociedade o resultado do seu premio: Aliaxe, o disco que puideron gravar tras alzarse coa vitoria, e que acaba de saír ao mercado este mesmo mes de marzo.

Festival Cancioneiros
Por outra banda, o cuarteto Caramuxo, de Salvaterra de Miño, resultou gañador do concurso Festival Folk Cancioneiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza. Este certame tiña como obxectivo fomentar entre os grupos folk afeccionados o interese polo repertorio de temas como o do Cancionero galego, de Torner e Bal e Gai, e o Cancionero musical de Galicia, de Casto Sampedro e Folgar, recentemente reeditados pola Fundación.

A formación gañadora recibirá un premio de 6.000 euros, a gravación dun disco, e a participación nun concerto final do festival, que terá lugar o próximo 17 de maio na Coruña, no auditorio de Palexco, onde Caramuxo compartirá escenario con Milladoiro. O xurado tamén propuxo facer unha mención especial, pola calidade que tiveron as súas propostas musicais, das formacións Covalblú (Sanxenxo), Jacobo de Miguel & Pedro Lamas (Cambre) e Quenda Folk (Sada).


4,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: