Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O 15 DE ABRIL, EN FERROL

Ernesto Chao recibirá o premio de honra dos Mestre Mateo

O actor recibirá a distinción, outorgada pola Academia do Audiovisual, na cerimonia que terá lugar no Teatro Jofre.

Redacción - 09:33 03/04/2008

Antonio Durán Morris e Manuel Manquiña volverán ser os presentadores da gala, que segundo a Academia Galega do Audiovisual promete ser "áxil, amena e moi, moi entretida", grazas ao traballo Xosé Castro e Andrés Mahía, guionistas e directores do espectáculo por segundo ano consecutivo. Ademais, na gala participarán un amplo conxunto de actores e actrices, como Pedro Alonso, María Vázquez, Xosé Barato, Camila Bossa, Alfonso Hermida, Teté Delgado, Alejandro Macías e Mayka Braña.

Os gañadores das distintas categorías saberánse a noite do 15 de abril no Teatro Jofre de Ferrol, pero hoxe deuse a coñecer que Ernesto Chao recibirá o Premio de Honra Fernando Rey a toda a súa carreira. Ao longo do seu camiño profesional Ernesto Chao recibiu numerosos premios: en 1991 foi finalista dos Premios Compostela de teatro á mellor interpretación masculina por Rei Lear e, un ano máis tarde, gañará o mesmo galardón pola súa actuación en Galileo Galilei. En 2002 recibiu o Premio Chano Piñeiro do Audiovisual Galego ao mellor actor protagonista polo papel de Ramón Sampedro no TV movie Condenado a vivir, de Roberto Bodegas; e o mesmo ano obtivo o premio de honra Abrente na XVIII Mostra Internacional de Teatro de Rivadavia. En 2006, foi finalista dos Premios Mestre Mateo polo seu papel en Pratos Combinados.

Semana do Audiovisual Galego
Na semana previa á entrega de premios, do luns 7 de abril até o domingo 13, terá lugar un ciclo de proxeccións, a Semana do Audiovisual Galego, que levará filmes e curtas de produción galega a sesenta concellos de todo o país. Os detalles da celebración da gala foron desvelados pola Presidenta da Academia Galega do Audiovisual, María Bouzas, nunha roda de prensa na que estiveron presentes o Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández, e o Director da Axencia Audiovisual Galega Manuel González. Así mesmo, asistiron a Concelleira de Cultura do Concello de Ferrol, Iolanda Díaz, o director xerente da TVG Xesús Iglesias, a Xerente da Fundación Caixa Galicia en Santiago, Ana Salgado, e Xan Mariño como representante de MrMisto Films.


2,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: