Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NA GALEGA, OS DOMINGOS, ÁS 21.30

'Ananos' con moito que dicir

'O país dos ananos', presentado por Belén Regueira e dirixido por María Yáñez, foi un éxito na súa estrea, cun 'share' superior ao vinte por cento

Marcos S. Pérez - 10:57 06/04/2008



Que teñen os pícaros que cando saen na televisión a xente queda mirando para eles, pendente do próximo que van dicir? Seica é algo tan sinxelo como que din o que pensan, e non se limitan a ler ou memorizar un guión, "a xente que sae case todo o tempo en televisión, coma os políticos, son absolutamente previsibles, sabes o que van dicir en cada momento", apunta Belén Regueira, presentadora de O país dos ananos, que conclúe que "agradécese escoitar a algúen que non sabes o que van dicir". E cómpre escoitalos: "Os nenos son un espello do que somos, e persoalmente fíome máis do que eles digan sobre un tema, que do que digan outros, que terán unha visión máis interesada, eles din o que ven".

Belén Regueira volve á televisión, onde había xa un tempo que non traballaba. Pero que ninguén se asuste: non abandona o exitoso Extrarradio das mañás da fin de semana na Radio Galega. O regreso á pequena pantalla foi o pasado domingo, e con éxito, superando o vinte por cento de audiencia (20,3%), mellorando en case seis puntos a media da Galega.

Nesta tempada vanse gravar trece programas, polos que pasarán numerosos convidados, comezando polo conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, que a pasada fin de semana resistiu as preguntas dos pequenos. Este domingo o tema do programa é a gastronomía, e no plató estarán o cociñeiro Pepe Solla, o humorista Xacobe Pérez e a actriz e presentadora Teté Delgado. Máis adiante virán programas sobre 'o cine e a televisión', a política, o mar, as artes, os cartos, ou o deporte.

"Normalidade lingüistica"
Os rapaces proceden de escolas de todo o país, de entornos rurais e urbanos, froito dun excelente labor de casting. e falan galego, obviamente, cumprindo todo o programa unha función normalizadora seguramente non pretendida. "Houbo quen esta semana díxome: 'grazas pola normalidade'", confesa Belén Regueira, que engade: "no programa vese a rapaces falando galego, de forma completamente normal, aínda que moitos deles non o teñen como primeira lingua". Ademais, apunta que "é refrescante, tamén, porque estes rapaces rompen certos rexistros litúrxicos da lingua galega, que ás veces escoitamos na televisión".

Con todo advirte igualmente que "o que tamén se ve é que en certos ámbitos, urbanos sobre todo, hai rapaces que comezan a ter dificultades para expresarense en galego, o que é moi grave e terríbel, e desminte algunhas cousas que certas persoas din por aí".


4,69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: