Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
INMA LÓPEZ SILVA, PREMIO BLANCO AMOR 2008

"Preséntome aos premios para ter unha visión da miña obra dende fóra"

'Memorias da cidade sen luz' parte da Guerra Civil para percorrer os teatros de París nos anos cincuenta.

Marcos S. Pérez - 19:50 07/04/2008

Inma López Silva aínda non cumpriu trinta anos (naceu en Compostela en 1978) pero xa tivo tempo de gañar os premios Xerais e Blanco Amor, os dous certames de narrativa máis importantes da literatura galega. O sábado, en Lugo, o xurado do Premio Blanco Amor 2008, formado por Xesús Rábade Paredes (gañador da pasada edición), Marica Campo, Isidro Novo, Dolores Vilavedra e Ramón Nicolás, seleccionou a súa novela entre todas as presentadas. Memorias da cidade sen luz será publicada por Galaxia a finais de ano.

A novela era un proxecto que tiñas dende había tempo e no que levabas traballando algúns anos. Iso significa que mesmo foi contigo a Nova York, non si?

Si, comecei a traballar neste libro hai catro anos, pero polo medio fun facendo outras cousas. Eu en xeral escribo amodo, e esta novela mesmo levoume máis tempo, sobre todo porque non estaba completamente segura.

Nos últimos tempos veñen aparecendo moitas obras, en todos os xéneros, sobre a Guerra Civil, e tamén sobre a Segunda Guerra Mundial. Isto é casual? Ou lígase a un cambio xeracional, ás propias iniciativas de recuperación da memoria histórica?

A Guerra Civil é un tempo que sempre me preocupou, e é certo que está aparecendo moitas obras sobre este período, pero resístome a etiquetalo como 'moda'. Agora agroman porque poden agromar, tamén está sucedendo con moitas obras sobre a Segunda Guerra Mundial, que xusto están saíndo agora á luz.

Pero cando menos é curioso que estas obras sexan realizadas por xeracións ás que lles queda moi lonxe no tempo a guerra...
Si, xorden nunha xeración que non viviu ese tempo, e que mesmo, como é o meu caso, non viviu nin sequera a ditadura. Pero é que na miña opinión esta xeración, non vou dicir que sexa a idónea para contala, pero achega un valor que non teñen outras xeracións: achegámonos a esa época coa vontade de facelo, cun interese persoal que non ten que ver con vinganzas ou axustes de contas. E facémolo dende a ficción, porque hai unha parte da emoción que xeran aqueles acontecementos que ten que ser recollida dende a literatura, e que o ensaio non podería reflectir.

Na túa novela, inevitabelmente, aparece o teatro...
Si, ten un protagonismo moi consciente. O contexto no que discorre a historia é unha homenaxe ao mundo do teatro, a unha época fascinante, como foi o París dos anos 50, no que había un rebulir impresionante de artistas, obras e autores.

...e aparecen tamén, con elementos ficcionais, personaxes reais, como Ánxel Casal ou María Casares. Que atractivo teñen para ti?
Os dous teñen personalidades moi atractivas, e os dous foron fundamentais para a historia do seu tempo. E atráeme, sobre todo, que son personaxes esquecidos en parte, que por ter sido recuperados recentemente, aínda teñen moitos puntos escuros que poden encherse coa ficción. Así, por exemplo, invéntolle unha amante a Ánxel Casal, e a María Casares construínlle unha vida inventada en Francia, unha especie de vida paralela á que realmente tivo.

Non sei se reparaches en que es a segunda persoa que gaña Xerais e Blanco Amor, xunto con Xosé Carlos Caneiro...
Pois non, non me fixei (risas), pero a verdade é que é un honor estar á beira de Caneiro niso.

...na túa opinión os premios seguen sendo tan importantes como antes? Abren portas?
Supoño que máis que abrir portas para a publicación de futuras obras, abren portas de cara ao público. Serven para superar unha conta pendente que segue tendo o sistema literario galego e o sistema editorial: a publicidade.

Pero preséntaste con esa visión, ou trátase de probar sorte?
A verdade é que eu preséntome aos premios sobre todo para ter unha visión da miña obra dende fóra. Dado que estás amosando un texto de xeito anónimo a un xurado, este pódeche dar unha opinión máis obxectiva, e se gañas indícache cando menos que o camiño que seguiches non é incorrecto. A escritura é un labor moi solitario, e moitas veces non abonda con dar a ler unha obra a un grupo de amigos.

Non sei até que punto estás de acordo coas etiquetas: dende aquelas cousas de antes de 'literatura feminina' até algunhas que se están comezando a escoitar sobre o agromar das narradoras en Galiza. Concordas con esta última? Cumpre algunha función?
En principio eu non podo estar de acordo con ese tipo de etiquetas definidas polo xénero do autor. Vexo máis lóxicas outro tipo de marcas, máis ligadas ao contido das obras, como por exemplo as que me colocaron por Non quero ser Doris Day ou Nova York, Nova York de literatura pop ou literatura frívola. Así e todo, como crítica entendo que etiquetas son necesarias en certos momentos para clasificar e organizar os sistemas literarios.

Teresa Moure, Rexina Vega, Rosa Aneiros, Anxos Sumai, ti mesma..., moitas autoras, de extraordinaria calidade, e moi diferentes entre si...
Si, estamos vivindo unha eclosión. Pero non é casual: é que xa somos máis mulleres que homes escribindo, xa dende hai uns anos, e era só cuestión de tempo. Antes xa moitas mulleres escribían na casa, pero non saían fóra. Agora hai unha xeración nova, criada doutro xeito, e os resultados estanse vendo.

Estás traballando nalgún libro novo agora?
Pois o certo é que agora teño que rematar a miña tese (risas)

Ben, iso dá traballo abondo...
Si, e ademais, normalmente despois de rematar un libro, sempre procuro tomar un descanso, principalmente seguindo os consellos do meu oculista, que sempre me recomenda que conteña un pouco o meu ritmo de traballo.


3,2/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: