Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
ENTREVISTA

Conversa con Xosé María Álvarez Blázquez

O Día das Letras Galegas deste ano 2008 recoñece o labor que Xosé María Álvarez Blázquez desenvolveu ao servizo de Galicia. O seu é un traballo que, moito máis alá da produción literaria persoal, atinxe estudos de investigación nos eidos da literatura medieval e dos Séculos Escuros, da poesía popular, da etnografía, da angueira como editor e recuperador do libro galego na posguerra... Foi ademais mestre, arqueólogo e xornalista. Un recoñecemento que se estende a esa xeración do 36 rota pola guerra e que tivo que ir dando pasos difíciles pola “longa noite de pedra”. Mantemos con el esta “entrevista exclusiva” grazas aos volumes de Carlos L. Bernárdez, Darío Xoán Cabana e Clodio González, editados por Galaxia, Xerais e Toxosoutos respectivamente.

A.Q. - 20:30 25/04/2008
Tags:

UNHA FAMILIA DE ESCRITORES

Antes de nada unha curiosidade xenética, como se fai para ter tres fillos escritores?

Home, non creo que haxa un xene da literatura senón que o ambiente familiar inflúe nas persoas, como me influíu tamén a min.

Certo, porque vostede é un elo nunha cadea familiar dende o Rexurdimento ata hoxe.

O da miña familia é un caso curioso. O iniciador foi Emilio Álvarez Giménez contemporáneo de Rosalía. A saga continuou co seu fillo Xerardo Álvarez Limeses, que era meu tío; despois seguiu con meu irmán Emilio Álvarez Blázquez e eu mesmo; e por último –de momento- a cuarta xeración cos meus fillos Xosé María, Alfonso e Celso Álvarez Cáccamo.

Visto así, estaba predestinado

Non sei, pero si que empecei a escribir pronto, porque aínda se conserva un poema, que leva por título “Queixas”, escrito aos 12 anos.

A INFANCIA TUDENSE

Vostede naceu en Tui nunha familia de maioría masculina...

Xaora! Nacín en Tui en 1915. Tal como deixou escrito meu irmán Emilio eramos seis rapaces á mesa e con noso pai sumabamos sete varóns, buligantes, faladores, atentos á vida. Nosa nai no medio, miúda, fermosísima, risoña, era coma un brinquedo, como un barquiño de papel ondeante sobre o balbordo das voces varonís.

E tamén tudense foi a súa infancia

Claro porque alí estudei a primaria e o bacharelato, aínda que os veráns pasabámolos en Baión, unha aldea do Concello de Vilagarcía. E así foi ata que comecei os estudos de maxisterio en Pontevedra.

Iso foi durantea República

Efectivamente e daquela comezaron as miñas inquedanzas literarias e tamén políticas porque ingresei na Federación de Mocidades Galeguistas. Tamén por aquela época coñecín a Alexandre Bóveda que xa era unha figura destacada do Partido Galeguista e que casou coa filla do meu tío Xerardo.

E sendo practicamente un adolescente publica o primeiro libro e fundou unha revista

Abril foi o meu primeiro poemario, escrito en castelán. E con Xoán Vidal fundei a revista Cristal nun momento en que un vehículo coma este era moi necesario dada a precaria situación do mundo editorial galego naquel momento.

En Cristal tamén publicou poemas propios.

Si foron unha ducia de poemas que se moven entre o imaxinismo e o neopopularismo. Hai que ter en conta que daquela o imaxinismo de Amado Carballo, o neotrobadorismo xurdido do coñecemento dos Cancioneiros medievais e o creacionismo de Manuel Antonio dominaban as vangardas poéticas en Galicia.

Comezou o seu labor docente no ano 1935

Si, primeiro estiven en prácticas en Tui e despois, xa en febreiro do 36 tomei posesión como mestre na escola de nenos da Guarda e logo outra vez Tui. Daquela tamén comecei a carreira de Filosofía e Letras, pero tiven que abandonala por causa da Guerra Civil.

Dese momento amargo é a súa primeira obra en galego, a colección de relatos Os ruíns.

Son cinco relato que impresos nun número da revista Nós que nunca foi distribuído porque asasinaron en Santiago o seu editor, Ánxel Casal. Foi queimado e destruído cos demais fondos da editorial e só se salvaron dous exemplares que estaban aínda sen encadernar.

A BRUTALIDADE DO FASCISMO

A represión fascista en Tui foi terrible e na súa familia bateu de forma brutal, non si?

Desgraciadamente así foi. O 17 de agosto do 36, despois dunha farsa de xuízo, asasinaron a meu curmán político Alexandre Bóveda. Meu tío Xosé Álvarez Limeses saíu da capela de despedir a Alexandre, e meteuse no leito. Non tiña enfermidade física ningunha. Tiña unha inmensa, abafante tristeza. Finou de alí a catro días, sen deixar de chorar.

E despois o cruel asasinato do seu pai.

Foi encarcerado polos fascistas en xullo e fusilado o 30 de outubro en Tui logo dun xuízo infame. Aínda que a pena foi reducida a 30 anos, certas mans asasinas perfectamente coñecidas en Tui pola súa asañada ferocidade reteñen a orde de que non sexa fusilado e cométese o crime.

Un crime que vostede recrearía nun soneto –“Padre mío”- que o poeta Xavier Rodríguez Baixeiras cualificou coma un dos poucos realmente plenos escritos nunca en Galicia.

Publicouse en Sonetos del alba insomne e amosa esa ferida que me acompañou toda a vida, coma a calquera que lle pasase, supoño.

Tamén vostede sufriu a represión en primeira persoa

Por galeguista –“separatista”, consta no expediente argallado polos separadores- fun trasladado dende a miña escola en Coia a un triste lugar de Zamora. Antes suspendéranme de emprego e soldo.

E durante a guerra foi mobilizado á forza.

Si, e libreime da fronte de casualidade. Exercín como enfermeiro no Hospital Militar de San Caetano, en Santiago polo que aprendera axudando na consulta do meu pai, que fora médico. Ao acabar a Guerra Civil foi cando me mandaron para Coreses en Zamora, pero dous anos despois abandonei o maxisterio, no 1942. No ano anterior morrera meu irmán Celso por mor dunha tuberculose que colleu durante a guerra, na que tivo que ser soldado á forza no exército franquista.

O TRASLADO A VIGO


De volta en Galicia, vostede e maila familia instálanse en Vigo


Deixamos atrás o abafante aire que o fascismo creara en Tui e marchamos para Vigo. Cos meus irmáns abrimos unha fábrica de tellas en Nigrán que pechou no 45 e despois traballei como secretario da Confraría de Pescadores do Berbés.

E daquela casou con María Luísa Cáccamo Frieben, a súa dona.

Iso foi a finais do 46. Casamos e tivemos 6 fillos: María Luísa, Xosé María, Alfonso, María Elena, Celso e Berta.

No faladoiro do Derby tivo ocasión de coñecer a intelectuais e artistas do momento.

Realmente moitas das miñas amizades, coma Celso Emilio Ferreiro, Fernández del Riego, Cunqueiro e outros veñen deses tempos.

Tempos moi difíciles para a cultura galega.

Para a cultura e para todo. Isto era un deserto cultural e o libro galego tivo que sobrevivir no exilio americano onde Luís Seoane e moitos outros mantiveron acesa a chama da lingua e da cultura galega.

A historia da literatura galega di que vostede pertence a unha xeración, a do 36, que enmudeceu na posguerra.

Foi unha consecuencia nefasta máis do réxime opresivo no que tivemos que vivir. Eu iniciei un ciclo de novelas en castelán e unha delas, En el pueblo hay caras nuevas, foi finalista da primeira edición no premio Nadal, alá polo 1945.

NOS 50, A PRODUCIÓN POÉTICA EN GALEGO

O primeiro intento de recuperar a edición do libro galego foi a Colección Benito Soto.

Así foi. Entre os catorce títulos da colección figura Poemas de ti e de min, que publicamos meu irmán Emilio e máis eu no ano 1949 e que supón o inicio do meu traballo poético en galego durante a década dos 50.

Si porque xusto ao ano seguinte, en 1950, aparece Roseira do teu mencer.

Este libro está dedicado á nosa primeira filla, María Luísa e para evocar ese mundo familiar e íntimo elixín formas próximas a canción popular e tradicional.

Sendo vostede é un experto en literatura trobadoresca é máis doado explicar esa broma que fixo vostede co seu terceiro poemario, Cancoeiro de Monfero (1953) e que tanto deu que falar.

Estaba datado o día dos inocentes e con iso xa daba pistas abondo. O caso foi que aínda que os poemas eran meus, estaban construídos segundo o modelo da poesía medieval e eu presenteino coma un cancioneiro que acababa de descubrir e do que só era editor. Realmente foi o punto final desa vangarda poética que foi o neotrobadorismo.

E ao ano seguinte, 1954, ve a luz o Romance do pescador peleriño.

Si, está inspirado no romanceiro popular e baséase na peregrinación imaxinaria dun mariñeiro a Compostela.

Os estudosos coinciden ao sinalar que o seu mellor libro é Canle segredo, dese mesmo ano 54.

O libro gañou o premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires, aínda que non se publico ata 1976 e iso fixo que a súa recepción estivese fóra do contexto literario no que naceu.

MONTERREY E CASTRELOS

O seu labor como editor foi imprescindible naquela época.

Dende logo era moi necesario. No ano 50, no que acababa de nacer a Editorial Galaxia fundei con Luís Viñas Cortegoso a editorial Monterrey. O obxectivo dos dous proxectos era o mesmo: recuperar espazo para o libro galego e continuar o labor do Grupo Nós que fora interrompido pola guerra e a represión. Máis tarde, no ano 63 fundei cos meus irmáns a editorial Castrelos.

O comezo dos 60 supuxeron un intenso traballo nos estudos históricos e literarios, por que marchou para Oviedo?

Si, foron anos con moitas publicacións sobre historia, etnografía e arqueoloxía, literatura medieval e dos Séculos Escuros. Pero economicamente as cousas non ían tan ben. Na confraría de pescadores gañaba pouco e a librería anticuaria e o traballo editorial supoñían moito traballo e poucos cartos. Por iso aceptei o emprego de representante de vendas de Pescanova na cidade asturiana ao tempo que traballaba tamén nunha empresa de publicidade.

Pero a experiencia só durou un ano.

Desgraciadamente si. No nadal do 66, María Luísa, a miña filla maior chegou enferma de Madrid cun cancro linfático incurable. Volvemos todos para Vigo. O prognóstico non se equivocou e morreu en marzo do 70. Foi unha etapa moi dura para toda a familia.

Na colección O Moucho de Castrelos publica A pega rabilonga.

Saíu no ano 1971 e trátase dun conxunto de relatos que teñen en común a presenza de tesouros nos seus argumentos.

OS ÚLTIMOS ANOS


Lamentábase a finais dos 70 de que a vida non deixaba de darlle paus. Por que?

Home, porque a miña muller estivo ás portas da morte por causa dunha meninxite e quedou xorda, no 79 morreu o meu irmán Darío, que tanto quería e o meu amigo Celso Emilio. Eu mesmo estaba operado da man dereita e xa case non podía escribir. Ademais presentáronseme unha diabete e máis unha insuficiencia coronaria das que xa non me dei librado.

E chegados a este punto decide vender os fondos de Castrelos á editorial Galaxia.

A editorial precisaba unha modernización para adaptarse aos novos tempos e eu, vello e enfermo, non tiña quen continuase o labor. Así que Galaxia quedou cos fondos de Castrelos e eu tiven un pouco máis de vagar para os meus estudos.

E tamén para recibir premios.

Si, nomeáronme Xefe do Departamento de Historia do Museo Quiñones de León, concedéronme o Pedrón de Ouro, Cronista oficial da cidade de Vigo. Cousas que pasan cando un vai vello.

E aínda tivo que aturar o secuestro da biografía do seu curmán Alexandre Bóveda.

O Banco del Noroeste encargárame a biografía de Alexandre pero non chegou a distribuírse. O franquismo encistado aínda manexaba os fíos da realidade galega naquel tempo.

E o 2 de marzo de 1985 deixounos o intelectual galego máis completo e representativo do seu tempo, segundo Darío Xoán Cabana.

Agradézolle moito as palabras dese gran escritor que colaborou comigo en Castrelos durante varios anos. Eu só podo dicir que fixen o que estivo na miña man por recuperar e dinamizar unha cultura arrasada na guerra e na posguerra e que tiven a Galicia como fito chantado no centro xeométrico do meu horizonte.


4,57/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: