Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O FESTIVAL PRESENTOU A SÚA PROGRAMACIÓN

O de Cans vai en serio

A quinta edición do certame terá lugar entre o 21 e o 24 de maio, con 32 pezas a concurso.

Redacción - 13:00 08/05/2008

O que comezou como unha broma vai acabar sendo algo serio, seguramente sen volta atrás. Este ano preséntanse a concurso 32 pezas, 18 curtas e 14 videoclips, que se poderán ver nun total de dez localizacións espalladas pola parroquia de Cans: tres alpendres, dúas adegas, dous baixos, unha vella casa abandonada, unha antiga lareira e un galpón. Ademais, unha Sala Multiusos acollerá a proxección de pezas con linguaxes e narrativas novidosas. E no baixo de Moncho poderase ver unha selección de longas e documentais chegadas dende o Shoot-Me Film Festival de A Haia. E se isto era pouco, en Cans estrearanse en exclusiva filmes como Cartas italianas de Mario Iglesias ou Maldito bastardo de Javi Camino

Así mesmo, haberá espazo para a música, coa actuación de Miguel Costas & La Banda Turca, Cuchufellos e Tony Lomba e Elio dos Santos. E tamén de Víctor Coyote, que ofrecerá un concerto acústico nun hórreo, con aforo limitado a doce persoas; será o Canastro Experience. O xoves 22 haberá unha proxección-coloquio de Periféricos, que precederá ao concurso de videoclips (nun local da asociación de bares Espacio Noite); nunha xornada que pechará unha sesión DJ de locutor de Radio3 Jesús Ordovás.

Da importancia do festival de curtametraxes, convertido xa nunha referencia a nivel estatal, dá conta a lista de persoas que participaron este mércores na presentación do programa da quinta edición. O seu director Alfonso Pato estivo acompañado do alcalde do Porriño, Raúl Francés; o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Xosé Fernández Iglesias; a delegada provincial da Consellaría de Cultura, María Xesús López Escudero; o vicepresidente do Clúster Audiovisual Galego, Carlos Carballo; ou o xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Nacho Varela.

En total distribuiranse 8.100 euros en premios, aos que hai que sumar o que achegan o Clúster Audiovisual Galego, que entregará 1.500 euros ao premio do público á curta de ficción, e o Consorcio Audiovisual de Galicia, que apoiará con 3.000 euros en promoción á gañadora de animación segundo o público

Curtas a concurso
Na categoría de curtas de ficción participan: Palíndromo (Eva Quintas Froufe), O hospital (Iván Seoane), Avalancha (Coté Soler), Da man da raíña vermella (Omar Rabuñal e Miguel Corujo), Perversa Lola (Sonia Méndez), Babies for Gina (Lara A. Serodio), Van de Sobra. Toda unha personaxe (José Angel Regueiro), Sálvame (Javier Veiga), Auga (Xosé Antón Perozo Ozo), Rosita e Jacinto (Alber Ponte), Cores (Jairo Iglesias) e Formularios truculentos (José Luis Díaz).

Mentres, no apartado de curtas de animación optan ao premio Man (Juan Carlos Abraldes), A revolta dos mouses (David Gen), 1977 (Peque Varela), Leo (Fernando Cortizo), Don Señor e o home do soño (Nacho Abia) e O bufón e a infanta (Juan Galiñanes).

O que vai pasar en Cans

Mércores 21: Día d@s Veciñ@s de Cans
21:30 (Baixo do Bar Moncho) Reestrea da curta "Río de Sombras" (1988), de Daniel Domínguez e protagonizada, entre outros, por Teté Delgado, Raúl Francés, Uxía e Alberto Comesaña. Coa presenza dos protagonistas.
22:30 h. Estrea da curta documental "Do soño ao esquecemento. O túnel do tranvía de Mondariz a Vigo".

Xoves 22
19:00 h. Proxección do documental "Periféricos". Coloquio coa presenza de Jesús Ordovás, Miguel Costas, Bibiano Morón e os directores.
21:00 h. Estrea mundial da longametraxe "Cartas italianas", de Mario Iglesias. Coa presenza do director e os protagonistas.
23:00 h. Concurso de Videoclips. Conducido por Miguel Fernández, presentador de Miraxes (TVG).
00:00 h. (Pub Chimenea) Sesión musical con Jesús Ordovás

Venres 23
16:15 h. Canastro Experience: Performance musical de Víctor Coyote: "Ruído baixiño" (haberá un segundo pase ás 18.30)
16:30 h. Día Mundial do Orgullo Friki: Estrea do filme gore "Maldito bastardo", de Javi Camino.
19:00 h. Proxección Anywhere Cinema: Selección de curtas do Shoot-Me Film Festival
20:15 h. Estrea mundial do documental "Fin da viaxe infinita", de Iván López Gimeno.
22:00 h. Estrea do videoclip "Biocultivos", de Sacha na Horta, gañador do concurso "A polo ghit 2007". Entrega de premios do Concurso de Videoclips do festival. Proxección dos clips gañadores.
23:00 h. Entrega dos chimpíns de prata a unha veciño e unha persoa do audiovisual pola súa colaboración co festival: Alicia Sánchez e Miguel de Lira. Entrega do premio de honra Pedigree'08 a Chete Lera.
23:30 h. Concerto de Miguel Costas & La Banda Turca, presentando o disco "Baja el pantalón"

Sábado 24
12:00 h. Coloquio na Leira con Juanma Najo Ulloa, presentado por Manuel Manquiña e Julián Hernández.
16:30 h. Inicio das proxeccións nas salas a concurso, no "Jalpón friki" e nas "Sala Mulitusos".
19:30 h. Actuación de Cuchufellos, música festeira desde Manzaneda.
23:00 h. Entrega de premios
23:30 h. Concerto fin de festa con Tony Lomba & Elio dos Santos: homenaxe a Eurovisión con convidados sorpresa.


4.88/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: