Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PROJECTO MOURENTE, ELECTROPOP

"Os galegofalantes tiñan moita gana de facer festa e bailar no seu idioma"

Kara.o.ke é o seu segundo álbum. De novo, música de baile gravada na casa e en galego.

Marcos S. Pérez / Vídeo: Lucía Iglesias - 09:40 28/05/2008

Visitamos a Carlos Valcárcel, Projecto Mourente, na súa casa, no lugar no que compón, canta e grava as súas cancións. Historias sinxelas e cotiás sobre bases de claras influencias na música de baile de finais dos oitenta e comezos dos noventa. Regresa o electropop en galego. Ademais, amósanos como facer unha canción en cinco minutos.





O título do disco..., segues pensando que tes moita cara?

Si, claro. Porque eu non son músico, son afeccionado á música. E hai moita xente que quere e que merece vivir da música. E o feito de que saque un disco, e de que a xente me vexa como músico, entendo que poida resultar insultante para moitas persoas.

Nos dous anos que pasaron dende a publicación de Baixo os Eucaliptos, a nova escena musical galega avanzou en moitos eidos. Onde é máis urxente dar pasos adiante?
Faltan máis pasos por dar no electropop en galego. De feito unha das ideas de cando se sacaron as cancións á rede era facerlle ver á xente que, mellor ou peor, pódese facer electropop en galego, que se pode facer música de baile en galego, e que é moi necesario. Porque a xente galega, galegofalante, e militante en particular, tiña moita gana de facer festa e de bailar en galego. Está Projecto Mourente, e Fanny e Alexander déronlle un toque bailón ao último disco, pero teñen que vir outros que nos xubilen.

O teu primeiro disco tivo un éxito notábel, pero as túas cancións non soan aínda nos bares e pubs, mesmo naqueles cunha conciencia lingüística clara. Cal cres que é a razón?
Nalgúns locais militantes pola lingua podo entendelo, porque non é a música que adoitan poñer. E algúns pensarán que 'non é o tipo de cultura galega que queremos'; podo entendelo: tamén teño unha idea da cultura galega que quero e a que non quero. O que si me chama a atención é que non poñan grupos como The Homens ou Loretta Martin, por exemplo, nos locais militantes e nos non militantes. Non o entendo.

De que grupo che gustaría facer unha remestura?
Teño moita gaña de remesturar a moita xente. Por exemplo a The Homens. Deles entrou no disco unha versión porque non tiña as pistas, senón tería ido un remix de Non podo máis. Gustaríame facelo tamén con Pepa Yáñez, pero iso ela non o sabe aínda, con Loretta Martin, con Franc3s, tamén coa xente de Likor Café... Pero non hai moita cultura da remestura en Galiza. E ademais os grupos rock non teñen a cultura que hai noutros países, de ter a pista de voz por separado. Pero tempo ao tempo, xa imos facendo algunha cousa.

Que diferenzas hai entre este disco e o anterior?
Hai diferenzas, porque hai máis guitarreo. E despois hai diferenzas de son, porque teño un computador novo, e a tarxeta de son é nova, pero o resto do proceso foi o mesmo: graveino todo aquí, agás as guitarras, que as gravamos en casa de Noel.

Gravas na casa. Como é a túa relación cos veciños?
Boa pregunta. Nada, nunca me dixeron nada, nin sequera cando vivía na Calderaría e estaba ensaiando para os concertos do ano pasado. Tamén é certo que procurei non gravar polas noites, e tamén é certo que neste edificio case toda a xente vai traballar polas mañás.

Que estás escoitando agora?
Estou coas cancións de Eurovisión, e moita cousa británica: Sam Sparrow, Hercules & Love Affair..., esas cousas. E aquí Spunky, o que cantaba con Fangoria.

Superaches xa o teu medo escénico?
Non tiña medo escénico; son profesor, e non teño medo a estar en público, son moi pallaso. Si tiña medo de facer as cancións ao vivo, e si que me daba medo cantar en público.

Como vai ser a posta en escena para a xira?
Non sabemos aínda. Estará Yolanda, co seu látego implacábel, e estamos buscando guitarra e baixista. O normal sería facela con The Homens, pero eles están de xira. Con eles sería ideal, porque hai unha sintonía en moitas cousas: na cuestión da lingua, na visión aberta do que é o pop.

A túa canción favorita do disco?
Á canción que máis querenza lle teño é Contróla-te, porque era a que tocaba con The Homens, Martiño mete guitarra e tráeme moi bos recordos dos directos con eles. Esa e Vamos queimar París, que non é a mellor canción do disco, pero fala dunhas vivencias que tivemos Yolanda (a súa irmá) e eu nunha viaxe a París.

Por que Chuliboy para o A Polo Ghit?
Porque fora unha promesa non prometida con Belén Regueira, que como boa xornalista que é xa sabía da súa existencia, pouco despois de saír os Baixo os Eucaliptos. E porque hai que promocionar o disco, e A Polo Ghit é unha boa plataforma.


Aprende como facer unha canción en cinco minutos


4.65/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: