Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN, PREMIO NACIONAL DE LITERATURA

"Temos unha literatura de resistencia, que se autoabastece, coma os bos guerrilleiros"

O galardón recoñece a traxectoria literaria de cinco décadas do autor ourensán.

Marcos S. Pérez - 09:40 30/05/2008


Xosé Luís Méndez Ferrín gañou a consideración, obra a obra, e con voz firme, crítica e ás veces incómoda, de figura cimeira da cultura galega contemporánea. A concesión do primeiro Premio Nacional de Literatura vén ratificar esta condición. Crítico mesmo co galardón que recibiu, hai unhas semanas pediu que se entregase un premio por cada xénero literario, do mesmo xeito que se fai en castelán.

Segue ocupando a literatura galega unha posición subalterna á castelá no noso país?

Si, claro, non hai máis que entrar nunha libraría e ver o espazo que se dedica á literatura galega, ou a forma en que están organizados os libros. Os de castelán, por xeneros; os de galego 'en el mueble de gallego', onde se mesturan os libros de paxariños cos de María Maríño. Ou abonda con ler La Voz de Galicia e entrar na sección de Cultura, para ver o espazo que ten alí a cultura galega.

Vostede foi moi crítico nun artigo publicado no Faro de Vigo coa organización dos premios, en especial co feito de que só se lle dedicase un premio ás letras. Cre que isto mudará o vindeiro ano?
Supoño e espero que si. Naquel artigo, ao tempo que facía estas críticas tamén salientaba a importancia de que se creasen os premios, e de que se chamasen 'nacionais', porque somos unha nación. Pero en efecto creo que non se pode xuntar nun premio todos os xéneros. Do mesmo xeito creo que sería fundamental crear un galardón equivalente ao 'Cervantes' castelán, coa mesma importancia, e cunha dotación económica que debería ser cando menos a mesma, e para darlle unha auténtica dignidade á cultura galega, se cadra un euro máis.

Darío X. Cabana dixo nunha entrevista publicada recentemente que traducir o Harry Potter ao galego era como mercar pasteis antes de ter pan. Cal cre que son as necesidades máis urxentes da literatura galega?
Dixo iso? (risas) Si, evidentemente a literatura galega ten outras prioridades. A nosa é unha literatura de resistencia, que se autoabastece, igual que os bos guerrilleiros. Temos moi poucos apoios e aínda así a literatura galega vive un momento espléndido. O que terían que facer é deixala en paz. Pero na miña opinión si se pode facer algo dende a administración, si se poden facer políticas de apoio, políticas que non se están facendo agora. E así seguimos nun proceso de submisión da literatura galega á castelá. E a nosa, cada vez máis subalterna.

Dende o cambio de goberno na Xunta a cultura galega perdeu parte do seu espírito crítico?
Non o creo. Fernán Vello segue escribindo artigos moi valentes, e moitos outros compañeiros tamén. Se estabamos contra Fraga, contra aquel réxime neofranquista, e contribuímos a botalo abaixo, non imos ser tan estúpidos tampouco de guindar pedras contra o noso tellado. Pero eu vin escritores e intelectuais nas manifestacións de 'Galiza non se vende', e na de 'A Ría non se vende', e en Ferrol, e o outro día na manifestación pola lingua. Eu mesmo son moi crítico con este goberno, que creo que está realizando en moitos asuntos unha xestión infame, por exemplo en todo o relacionado coa instalación de novos parques eólicos en todo o país, ou coa colocación da planta regasificadora de Reganosa no interior da Ría de Ferrol.

Cre que a posición crítica que sempre mantivo impediu que a súa obra tivese un recoñecemento aínda maior?
Eu fun sempre crítico e sentinme sempre recoñecido. Do mesmo xeito son moi crítico con este goberno e veñen de premiarme agora.

O nacionalismo de esquerdas está sendo destruído dende dentro?
Non, nacionalismo de esquerdas segue a haber, o que sucede é que o BNG quere cambiar a súa base, que sempre foi a CIG, por outra nova base, formada pola burguesía e polos empresarios, sobre todo polos que teñen intereses nos eólicos. Pero a ver como lle sae, temos que estar moi atentos ao que está a pasar en Ferrol, en Cangas e noutros lugares. De todos os xeitos, aí está a CIG, e a CIG é indestrutible, e segue mantendo un posicionamento nidiamente de esquerdas. E está a CUT, tamén. Pero en efecto, este goberno está fracasando en moitos aspectos, por non atallar o problema dos eólicos e a destrución do medio, por negarse a considerar a posibilidade de nacionalizar, por non poñer en marcha a segunda canle da Galega... E despois temos un presidente que non fala, que non emite doutrina. É como se tivesemos a Areces de presidente.

Dende hai uns anos estase facendo un gran traballo na recuperación da memoria histórica da guerra civil e a postguerra. Na súa opinión estase esquecendo a memoria histórica do resto do franquismo e da chamada 'transición'?
Si, completamente de acordo. Evidentemente penso que é necesario que se recupere a memoria da guerra e da postguerra, e que se faga xustiza. Era como unha botella de champagne que levaba demasiado tempo pechada. Pero tamén hai que facer xustiza con toda a xente que sufriu durante toda a ditadura e na chamada 'Transición', e non deberían agardar a que morramos os que estivemos na cadea e os que fomos torturados para facer xustiza.


4.65/5 (63 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: