Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Moncho López, novo seleccionador do baloncesto portugués

"Portugal pode bater as grandes seleccións"

Esta fin de semana enfróntase á súa primeira proba co combinado de Portugal: o Trofeo Masculino das Nacións, onde ha xogar contra Galiza, Cataluña e Euskadi.

Redacción - 12:49 03/06/2008
López, no primeiro adestramento coa selección portuguesa

López, no primeiro adestramento coa selección portuguesa

Moncho López fichou pola Federação Portuguesa de Basquetebol a comezos deste ano porque, segundo o seu presidente, Mario Saldanha, eles andaban a procurar un adestrador moi bo para un país con "moitas dificultades no baloncesto". Hai nada o mesmo Saldanha volvíase pronunciar dicindo "temos o home!".

Esta fin de semana chega a primeira proba para o ferrolán, quen, ademais, foi o seleccionador do combinado estatal (co que conseguiu o subcampionato europeo en 2003), traballo que deixou por adestrar o Breogán, a pouco de comezar os XXOO de Atenas. Agora, aos seus 38 anos, López enfróntase a un novo reto, non desilusionar os veciños. Esta sexta feira e o sábado participa en Xirona, no Torneo das Nacións, enfrontándose ás seleccións nacionais de Galiza, Euskadi e Cataluña.

As posibilidades da selección portuguesa
"Imos traballar en diferentes liñas con este grupo con xogadores nin moi novos nin moi vellos. Hai quen estivo no Europeo, mentres outros tiveron xa algunha experiencia internacional. (...) É moi importante contar con estes xogadores porque algúns van ser o futuro da selección absoluta", díxolle López ao xornal portugués Record.

O ferrolán, que leva, dende febreiro, preparando o seu equipo e observando os xogadores, dixo, ademais, que non sente presión cando lle falan de preparar Portugal para o Europeo (cuxa fase de clasificación comeza en setembro, fronte a Letonia, Estonia e Macedonia): "gústame comezar con equipos de éxito e nós estamos orgullosos do traballo feito por Melnychuk (antigo seleccionador de Portugal). Esta selección xa non é unha sorpresa, e a pesar de ser un equipo baixo, ten unha gran riqueza táctica. Portugal pode bater as grandes seleccións, porque no baloncesto, non son só os centímetros os que conseguen as vitorias", dixo López.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: