Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
A proposta do secretario de Comunicación

O Consello da Xunta estudará incluír os xornais gratuítos nas subvencións aos medios

O BNG di, por outra banda, que o uso da normativa da RAG non debería ser un requisito para que os medios reciban axudas.

Redacción - 19:05 09/06/2008

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, avanzou este luns que lle vai propoñer ao Consello da Xunta unha modificación do decreto de 1994, que na actualidade exclúe das axudas públicas aos medios de comunicación gratuítos.

Salgado, que compareceu na Comisión Institucional do Parlamento, respondía a preguntas do deputado do PPdeG Diego Calvo, a quen retrucou que non comprende que obxectivos perseguía con esa exclusión a devandita normativa.

"Se non estaba modificado até hoxe era porque non había problema, porque non había ningún diario gratuíto integramente en galego", explicou o alto cargo en resposta a unha pregunta do deputado do BNG Bieito Lobeira, que concordou na necesidade de cambiar o decreto.

No entanto, o nacionalista non coincidiu con Salgado no feito de que para a concesión de axudas aos medios de comunicación se requira o uso de galego normativo. "Unha cousa é que a Real Academia Galega teña criterio e outra é que se use de forma inflexíbel para a concesión de axudas", advertiu.

Subvencións a medios que deturpan a toponimia

Moi ao contrario, Lobeira denunciou a existencia de subvencións polo uso do galego a medios de comunicación que, na súa opinión, se "permiten o luxo de cargarse a toponimia legal vixente". Como exemplo, citou un xornal que para se referir a un asunto acuícola en Seráns, no municipio coruñés de Porto do Son, falou de "Atardeceres, Puerto del Son, La Coruña".

En resposta, Fernando Salgado considerou "óptimo e razoábel" que os medios se deban axustar á normativa lingüística, e concluíu que os poderes públicos deben aterse ao que estabeleza a Real Academia Galega. En todo caso, explicou que á hora de conceder as axudas, a Xunta aplica "con absoluta flexibilidade" este requisito.


2,6/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: