Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
TEO MANUEL ABAD, DIRECTOR DE 'FLORES TRISTES'

"Antes había un silencio de medo sobre a guerra; agora hai outro: a ignorancia"

O documental percorre o medo dos fillos e os netos dos asasinados polo bando nacional, as aperturas de foxas comúns e a memoria do terror.

Marcos S. Pérez - 09:30 12/06/2008

O cambio de goberno trouxo con el a posibilidade de facer preguntas sobre o pasado, e de atopar respostas e xustiza, aínda que setenta anos despois do golpe militar de 1936 a única xustiza posíbel sexa a memoria. Flores tristes é un documental ideado e dirixido polo produtor Teo Manuel Abad, que despois de dous anos de intenso traballo, está a piques de ver a luz.

O filme parte dunha idea: en Galiza non houbo guerra, houbo só unha brutal e asasina represión exercida polo bando fascista. E dedícase a percorrer estes crimes presentándoos de xeito obxectivo, con gravacións in situ e entrevistas, mais cunha vontade narrativa na procura dunha unidade, e cunha linguaxe poética que busca a emoción no espectador, "exploramos deste xeito as fronteiras entre o documental e a ficción, co obxectivo de recoller o mellor dun e doutro", explica Abad.

Flores tristes
conta a historia non tanto dos asasinados, senón sobre todo dos seus fillos e netos. É polo tanto un relato do silencio e do medo que arrastraron durante toda a ditadura (e máis aló) a segunda e terceira xeración dos represaliados, do estigma que os acompañou durante décadas. Eles, as súas lembranzas, son as 'flores tristes' que agromaron nas tumbas dos milleiros de asasinados. E o propio filme convértese, dando luz a estes recordos, nunha nova flor.

Entrevistas, exhumacións e un elenco de actores primeira liña
O documental conta para as reconstrucións e o relato das historias dos represaliados coa participación dalgúns dos actores e actrices máis importantes do país, como Luis Tosar, Miguel de Lira, Cándido Pazó, Manuel Lourenzo, Evaristo Calvo, Roberto Vilar, Uxía Casal, Isabel Blanco, Luis Zahera, Morris, Mela Casal ou Víctor Fábregas. E entre as entrevistas realizadas, a maior parte a anónimos descendentes de represaliados, destacan as de Isaac Díaz Pardo, Esther Varela Casares (única descendente de Casares Quiroga), Xosé Luis Bóveda (fillo de Alexandre Bóveda) ou Dionisio Pereira.

O equipo estivo presente, así mesmo, na exhumación de ducias de foxas comúns e tumbas anónimas, a maior parte realizadas no verán de 2007. E tamén no xuízo a Dionisio Pereira, onde entrevistaron ás testemuñas. Nuns e noutros lugares constataron que o medo segue existindo: "emocionoume ver o medo nos ollos dun vello anarquista en San Pedro de Nós, que calaba cando lle preguntabamos polos asasinatos".

Porén, Manuel Abad destaca outro feito, a ignorancia, igual de perigosa na súa opinión, que percibiu nas xeracións máis novas nalgunhas filmacións que realizou en institutos: "a película acaba así, "antes había un silencio de medo sobre a guerra; agora comeza a haber outro: a ignorancia; a meirande parte dos rapaces non sabe o que pasou na guerra".


5/5 (19 votos)


Comentarios (7)

boinete #1 12/Xuño/2008 boinete
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Houbo galegos e galegas, do "outro" bando, que tamén pasaron as súas. A Nación galega faise entre todos, non só entre uns cantos.

Eunonsonpessoa #2 13/Xuño/2008 Eunonsonpessoa
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pode que na túa nación galega haxa ou houbese fascistas e asasinos. Na miña non. Se este é o camiño polo que vai o nacionalismo galego, que veña Bóveda e morra de pena.

esquerdagalega #3 13/Xuño/2008 esquerdagalega
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A deriva dereitista do BNG chega até o extremo de colocarse equidistante entre o fascismo e a democracia, entre os asasinos e as vítimas...?

zutabe #4 13/Xuño/2008 zutabe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

É cousa nosa só, ou o video córtase cando faltan 2:32 min para o final? A ver se se puidese solucionar, porque está interesante. Un saúdo!

Damch #5 13/Xuño/2008 Damch
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pasame igual, córtase a falta de 2:32, pero podes velo completo neste enlace: http://www.florestristes.com/t...

zutabe #6 13/Xuño/2008 zutabe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Graciñas

Carlinhos #7 13/Xuño/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

http://br.youtube.com/watch?v=...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O filme inclúe reconstrucións de 'paseos' e fusilamentos
O filme inclúe reconstrucións de 'paseos' e fusilamentos
O equipo percorreu a apertura de foxas, principalmente no verán de 2007
O equipo percorreu a apertura de foxas, principalmente no verán de 2007