Durante tres días, 13 compañías, seis galegas e sete portuguesas, representarán por diferentes espazos da cidade diferentes espectáculos de danza.
Entredanzas nace como "un diálogo cultural entre os dous países", Galiza e o convidado deste ano, Portugal, escollido "pola súa proximidade cultural e xeográfica, nun momento de investigación e desenvolvemento da danza contemporánea similar", en palabras de Socorro García, concelleira de Cultura da cidade. A mostra ten vocación de continuidade. Segundo anunciou Socorro García, desenvolverase cada dous anos. A próxima edición xa se está a preparar, e terá, en principio, a Bélxica como país convidado.
Entre as compañías participantes destacan as portuguesas Joana Bergano, Cristiana Rocha, Vo'Arte, Miguel Moreira, David Marques, Víctor H. Pontes ou Ricardo Ambrózio; e as galegas Mercé de Rande, Olga Cameselle, BStudio, Pisando ovos, Branca Novoneyra e Uxía P. Vaello.
Este verán non se celebrará o festival internacional de danza 'En pé de pedra', que levaba doce anos consecutivos celebrándose. A comezos do pasado mes de maio a coreógrafa e responsábel da Sala Nasa, Ana Valles, indicou que 'En Pé de Pedra' "non se celebrará" en 2008 porque crecera tanto que a súa produción era "difícil" e que se propuxo ás autoridades culturais que tivese caracter bianual. Respecto diso, a concelleira de Cultura de Santiago afirmou que a compañía promotora de 'En Pé de Pedra' decidiu "non continuar co proxecto de xeito estable", pero insistiu en que a nova mostra cínguese a "danza contemporánea galega en diálogo con outras danzas" e non pretende substituír ao anterior certame.