Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (3)

A interferencia da caridade

As organizacións que traballan con criterios de cooperación dos anos 40 non deixan tras de si máis ca unha morea de problemas. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

Redacción - 10:30 19/07/2008
Tags:

A primeira na fronte
O sábado regresa a actividade. Ir na moto con K. Lourdmary ata Keela Oduthurai, unha das aldeas do interior de Karaikal. A primeira visita e non hai moito que engadir excepto un pouco de esperanza. Na súa casa de palla Pushpamal fala dos problemas que ten co seu home, que a maltrata. O home está agora en seguimento por parte do persoal do proxecto, en concreto da traballadora social que se encarga de cuestións de xénero.

Mais hoxe está máis preocupada polo seu fillo Palanichari que acaba de saír do hospital por deshidratación. Cando se menciona ao seu pai a súa cara parece que se contrae. Conta que el escapa da casa á da veciña cando o ve chegar e que odia o seu comportamento. Será capaz de non imitalo? Aí está a esperanza. E a ela hai que aferrarse como sexa.

Tolas
De volta na moto, ao pasar por diante dun anuncio de xoias no que se presenta unha muller que semella unha árbore de Nadal, toda enfeitada ela, penso nas múltiples violencias que se exercen contra nós. No fastío de ver tanta inxustiza que fai que por veces unha teña o medo de volverse tola. Se un home reacciona con violencia ante unha inxustiza adoita ser comprendido, xustificado, mesmo retratado como un heroe. Se o fai unha muller é, simplemente, unha tola. Sorte que polo de agora son pacifista practicante.

Despois da loita...
Ambal e mais eu falamos da avaliación do traballo feito. Malia a levar tres anos traballando en Karaikal os avances son pequenos. A interferencia das organizacións que traballan dende a caridade, seguindo unha formulación da cooperación dos anos 40 (o chamado enfoque do benestar) non deixou tras de si máis ca unha morea de problemas aos que tivemos que facer fronte e que comeron moitas enerxías nosas e da comunidade.

Ambal afirma que o noso traballo comeza realmente agora. A razón: as organizacións xa gastaron os cartos en facer casas, dar barcos e crear fondos perdidos e marcharon. Á fin a porta está aberta para ver a fin, e facer algo sustentable de todo este traballo complicado que levamos adiante durante os tres últimos anos. A base, iso si, está posta. As mulleres están organizadas na federación e o último paso é a creación dun banco polas propias mulleres. No noso concepto non foron nunca vítimas a quen lles demos unha axuda senón persoas capaces que agora serán quen de xestionar máis fondos aínda. Máis sobre este tema nos próximos días, teño reunión coa directiva do devandito banco durante a semana. Xa me tarda.
Crónicas anteriores:


2/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: