Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EN OUTONO PUBLICARASE UN VOLUME TRIPLE

Por Tutatis! Asterix de novo en galego

A Mocidade pola Normalización Lingüística realizou as xestións necesarias con Salvat Bruño, editora para o Estado Español.

Redacción - 11:39 03/08/2008

O vindeiro ano festéxase o 50 aniversario do nacemento das aventuras de Astérix e Obélix. Adiantándose uns meses, a editora Salvat Bruño ten previsto lanzar ao mercado un novo tomo triplo, que estará dispoñíbel en castelán, catalán e, por vez primeira desde hai varios anos, tamén en galego.

A campaña das mocidades da Mesa en demanda da publicación das aventuras de Astérix en galego naceu en 2005 e neste tempo foi conseguindo millares de adhesións individuais e colectivas, moi especialmente entre a poboación escolar. O "cambio de actitude" de Salvat Bruño demostra, segundo Fran Rei, responsábel da Mocidade da Mesa, que "moverse ten todo o sentido do mundo, cando os obxectivos son xustos e razoábeis". A Mesa, que constatou a actual "magnífica vontade" da editora de colaborar para a publicación regular de títulos en galego, lamenta que "a Secretaría Xeral de Política Lingüística nin tan sequera levantase o teléfono para falar coa editora".

Outras iniciativas
Pero non só a Mesa estivo pulando para que Asterix e Obélix volvesen falar galego. Iniciativas de mestres e alumnos de escolas, as Ciberirmandades da Fala ou o BNG a través de varias preguntas parlamentarias, pelexaron nos últimos tempos para conseguilo. A publicación en 2005 de O ceo vénsenos enriba en 25 linguas mais non oen galego, motivou que os alumnos do instituto brionés de Viceso se decidisen a traducilo pola súa conta; ademais, iniciaron unha recollida de sinaturas para preguntar pola razón deste esquecemento. Chegaron a reunir 929 e a iniciativa estendeuse a vinte centros máis de toda Galicia e conseguiu o apoio da Mesa; en total de 4.000 rapaces de toda Galicia. Con todo isto, dirixíronse á editorial Salvat-Bruño, da que non obtiveron resposta no seu momento.

Así mesmo, en 2007 o grupo parlamentar do BNG, a través do seu voceiro en asuntos lingüísticos, Bieito Lobeira, propúxolle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través de una inciativa parlamentaria, que iniciase accións para que os 33 álbumes de Astérix se traducisen ao galego.

As primeiras traducións, de Blanco Amor
Nos anos setenta, sen lei de normalización e sen a existencia dunha política lingüística dende as institucións os líbros de Goscinny e Uderzo si se traducían, publicaban e vendían en galego, traducidos dous destes álbumes polo propio Eduardo Blanco Amor. As aventuras de Asterix e Obélix comezaron a publicarse en 1959, casualmente o mesmo ano que viu a luz A Esmorga. Xa en 1963, na Feira do Libro de Frankfort, Fernando Arenas (propietario da libraría Arenas da Coruña) fíxose cos dereitos de publicación dos heroes galos na nosa lingua.

Eduardo Blanco Amor aparece como tradutor de A liorta dos xefes e Astérix O Galo, mentres que os outros seis volumes publicados nos anos setenta por Mas-Ivars e a libraría Arenas son asinados por Juan Blanco Amor. A lingua destas traducións, debedora do galego oral, con marcados dialectalismos ourensáns e moi influída polo galego que Blanco Amor descubriu en América, foi revisado cando estes libros foron reeditados por Grijalbo, propietaria posteriormente dos dereitos de edición para o Estado Español.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: