Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONTINÚA O INTERCÉLTICO

O gaiteiro Pablo Devigo faise co Trofeo Mac Crimmon do Festival de Lorient

Foron finalistas o tamén galego Alberto Coya e os asturianos Pablo Carrera e Marco Antonio Guardado.

Redacción - 11:15 05/08/2008

O Trofeo Mac Crimmon é, se cadra, a máis importante competición de gaita do mundo. Chamado hai anos Trofeo MacAllan, ten na súa lista de gañadores a virtuosos da categoría de Carlos Núñez, Fred Morrison ou Patrick Molard. Conta cunha categoría específica dedicada á gaita galega e asturiana, na que os gaieiros do noso país adoitan obter resultados brillantes.

Na edición deste ano, que se celebrou estes días en Lorient (An Oriant), de novo a vitoria veu para Galiza, da man do gaiteiro Pablo Devigo, que se impuxo na final ao tamén galego Alberto Coya e aos asturianos Pablo Carrera e Marco Antonio Guardado. Tamén no 2007 o triunfo fora para un intérprete galego, Edelmiro Fernández, profesor no Conservatorio folque de Lalín.

O concurso deste ano vai quedar fixado na historia como un dos máis competidos, e con maior calidade técnica nas interpretacións e de meirande dificultade nas pezas escollidas.

O Constantino Bellón xa ten finalistas
O xurado do certame de gaita galega Constantino Bellón seleccionou os seus finalistas, entre os que se atopa o propio Pablo de Vigo. O gañador coñecerase o 31 de agosto, nunha competición que terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol. Os finalistas son Ricardo Manuel Mouriño Freire (Narón), Pablo Devigo Vázquez (Castro Caldelas), Bruno Villamar Gay (Lugo), Gonzalo Abelairas Lemos, José Manuel Mojón Pérez e Isidro Vidal Gallardo (os tres de Ourense), Daniel Lumbreras Rodríguez (Guipúscoa), Vicente Carlos González Siri (Uruguai) e Jordi Torres e Santiago Agustín Molina (ambos os dous de Arxentina).

O xurado estivo conformado por Víctor Fernández Gabeiras, Xesús Vaamonde Manteiga, Xavier Rodríguez Fariñas, Pablo López Torneiro, e Xoán Rodríguez Silvar.


4.82/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pablo Devigo, na actuación que lle deu a vitoria

Pablo Devigo, á dereita, recollendo o galardón
Pablo Devigo, á dereita, recollendo o galardón