Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VÍCTOR FREIXANES, DIRECTOR XERAL DE GALAXIA

"Pode haber polémica no 'ano Piñeiro', e non sería malo que a houbese"

A editorial, con 58 anos de historia, recibiu a medalla d'ouro de Galicia. O 2009, dedicado á Ramón Piñeiro, será un ano importante para Galaxia.

Marcos S. Pérez - 09:30 11/08/2008

Xullo foi un mes axitado para a Editorial Galaxia. En cousa dunha semana anunciouse a concesión da medalla d'ouro de Galicia e que o Día das Letras 2009 estaría dedicado a Ramón Piñeiro, un dos fundadores da editorial e o seu gran ideólogo durante décadas. Galaxia naceu en 1950 e nas últimas seis décadas foi axudando a construír a cultura galega, durante a ditadura, a Transición, a autonomía, o fraguismo, e até hoxe.

A medalla de ouro da Xunta premia unha traxectoria de case seis décadas, pero como é o futuro de Galaxia, nun novo escenario, con novos soportes e hábitos. Unha editorial non fabrica papel, non si?
Exacto, primeiro unha editorial non fabrica papel; é unha factoría de xestión e difusión do coñecemento, tanto ten que estea nun soporte de papel, nun soporte audiovisual, na rede, etc. Pero nós somos moi conscientes do patrimonio que temos detrás: eses 58 anos non son ningunha parvada. O espírito de Galaxia significa que é unha editorial que nace ao servizo da lingua e da cultura galegas, que nace para construír un país moderno, e coa vocación de empatar a tradición e as raíces que veñen dende a idade media, coas novas xeracións. En cada momento ten que adaptarse ás circunstancias do momento. E hoxe os retos son a globalización, as novas tecnoloxías, os novos valores culturais... Para nós este premio foi un recoñecemento dun patrimonio e dun pasado, pero sobre todo a confirmación da necesidade de comprometernos co futuro.

Ese patrimonio simbólico, esa historia que Galaxia posúe, supón un lastre en certos aspectos, á hora de enfrontar ese futuro?

Non, todo o contrario, é unha lexitimación e un reforzamento. Eses autores que forman parte xa do patrimonio cultural galego, como Castelao, Otero Pedrayo, Piñeiro, Ánxel Fole, Cunqueiro, Carlos Casares..., son dos autores máis solicitados e máis vivos da editorial. Castelao é o autor que máis factura de Galaxia; hai pouco que fixemos unha edición de lembranza do Sempre en Galiza e xa está esgotada. E ese libro non está na escola, é dicir, que hai unha demanda obxectiva. É certo que nos anos sesenta e setenta esa Galicia amplíase, enriquécese, aparecen novas voces e novos actores. Pola tanto hoxe Galaxia non ten a exclusiva da cultura galega, nunca a tivo. Agora ben, é igualmente certo, volvendo á túa pregunta, que Galaxia ten a responsabilidade de manter vivo ese patrimonio; por exemplo, de Otero Pedrayo demándanse dúas ou tres obras, pero ten unha produción moi extensa, que Galaxia ten a obriga de poñer nas mans dos lectores, aínda que venda un exemplar ao ano dalgunha obra. E despois Galaxia ten que manter en funcionamento a Fundación Penzol ou a Fundación Otero Pedrayo, e manter vivo o seu patrimonio material e inmaterial.

Galaxia é unha empresa privada, pero ao igual que outras editoriais galegas, así como outros actores culturais do país, sente unha responsabilidade de conservar e fomentar a lingua e cultura galegas, unha certa militancia cultural produto da situación non normalizada de Galiza. Isto moitas veces choca co funcionamento normal dunha empresa privada. Pesa moito iso á hora de tomar decisións empresariais?
Hai que ter en conta o espírito co que nace Galaxia, como un proxecto político-cultural...

...pero o mercado hoxendía é moi duro, hai moita competitividade, as condicións mudaron...
Pero tamén hoxe a sensibilidade cara á lingua e a cultura é maior; entre todos fomos construíndo un edificio. As condicións mudaron, pero Galaxia segue sendo aquela empresa que dende a sociedade civil montou un proxecto ao servizo do país. Por exemplo, Galaxia nunca repartiu beneficios. Nos Consellos de Administración sempre hai dous capítulos: como imos economicamente, porque iso é fundamental para que a editorial teña autonomía, e despois onde temos que seguir avanzando, e con quen, con que alianzas.

Eu vou ao feito da situación necesariamente non normalizada da cultura galega, que se pode comparar en número de consumidores potenciais con Dinamarca, Hungría ou Finlandia, pero que na práctica é unha realidade moi distinta, pois esas culturas teñen un Estado detrás que asegura moitos aspectos polos que aquí hai que pelexar, moitas veces dende a sociedade civil...
A relación entre a sociedade civil e a sociedade política é moi interesante, eu creo que as sociedades democráticas desenvolvidas son aquelas que teñen unha sociedade civil forte. Nelas o corpo social é capaz de crear, de consumir, de demandar, e de expoñer os seus intereses, para que a clase política ou aqueles grupos de carácter estamental ou corporativo non a fagociten. Por iso paréceme tan importante o labor dese galeguismo civil, que foi creando unha base moi valiosa.

Falando da estratexia de Galaxia neses termos. Nos últimos tempos a editorial fixo un esforzo moi grande no campo das traducións, un esforzo moi consciente, penso...
...Si, foi unha decisión moi cavilada...

...Cara a onde se van encamiñar as accións da editorial nos próximos anos? Que espazo está por cubrir?

A edición galega foi abríndose nos últimos anos a moitos xéneros e espazos. Nos vindeiros anos Galaxia vai seguir poñendo en valor ese patrimonio do que falabamos antes. E á vez vai seguir abríndose ás novas voces, buscando conectar coas novas xeracións; por iso é fantástico cando aparecen María do Cebreiro, ou Anxos Sumai, ou Inma López Silva ou Oriana Méndez. E o outro gran campo é o dos novos soportes, e aí imos con coidado, porque somos unha empresa e non xogamos coa pólvora do Rei. O primeiro é entrar no mundo da rede, o mundo dixital. Entre outras cousas aí está o acordo ao que chegamos con Google para dixitalizar en California todo o fondo histórico de Galaxia. Esperamos antes de finais de ano poder facer unha demo do que sería esa biblioteca dixital. E así Google será un grande escaparate da cultura galega.

E plantexáronse vostedes saír fóra? É dicir, aproveitar o saber facer para crear produtos para o resto do Estado, hispanoamérica, a lusofonía...?
Hai varios aspectos; un, a posibilidade de vender dereitos de obras, para a súa tradución ou adaptación a outras linguas. Iso aumentou moito, pero ten que ver coas dificultade dunha cultura como a galega para facerse oír nunha feira como a de Frankfurt, ou Boloña ou no Salón do Libro de París. Iso foi cambiando, e de feito hai toda unha reflexión sobre o mellor xeito de saír fóra: sós, dentro da cultura española, con outras alianzas...

E outras fórmulas, como as que levan a cabo editoriais como Kalandraka ou Oqo, de realizar produtos aquí, para a súa distribución internacional?
Aí vou. Podemos crear produtos específicos para outros mercados. Nós agora estamos traballando nunha 'biblioteca de intervención social'; son libros como A lectura como terapia, O problema dos maiores... Son libros universais. Iso pode interesar en México ou en Brasil. E temos unha serie de libros sobre a construción europea, pensados para rapaces, que queremos levar a Boloña. A industria editorial galega centrouse moito nos anos oitenta no discurso da lingua e da identidade. E agora que ese discurso está suficientemente cuberto, debemos estudar como dar os seguintes pasos, pero sen perder o compás do que é Galaxia. Galaxia ten que axudar a construír a cultura moderna do país, e iso faise exportando esa cultura. Non facer negocio por facer negocio.

Vivimos nos últimos meses unha loita simbólica moi forte ao redor da lingua, co manifesto en defensa do español, e a resposta dende Galicia, Euskadi e Cataluña. Por que cre que emerxeu agora esa loita tan a corpo aberto?
Emerxe porque nós temos presenza. Se o galego, o catalán e o euskera non tivesen cada vez máis presenza simbólica e social, non lles preocuparía. E porque son incapaces de entender, dende unha mentalidade centralista e endogámica, que hai sitio para todos, e que a pluralidade significa o recoñecemento de todos os dereitos. Ninguén está contra o castelán, pero os señores de Madrid terán que recoñecer que Galicia ten unha lingua, e que existe en pé de igualdade, non como un adorno de xogos florais, de museo. E aí certos sectores, por desinformación, por inxenuidade ou por mediocridade entran nesa historia. Iso está condenado ao fracaso. O manifesto pola lingua española xa fracasou. É unha cuestión moi anecdótica, o que non quita que exista un problema de fondo: como os cidadáns deste país asumen o uso, a práctica social e a autoestima do seu idioma, iso está aínda por conseguir.

Convén máis unha posición catastrofista ou unha visión optimista en exceso? Cómpre ter coidado con iso...
Ninguén se apunta a un enterro, iso é certo. Di o meu amigo Manolo Bragado que 'aquí somos especialistas en diagnóstico forense, hai que empezar a especializarse en xinecoloxía'. Pero conclúo o que dicía antes: nesta nova realidade das novas teconoloxías, as novas xeracións, que en materia de autoestima da lingua avanzaron moito, teñen que instalarse en galego no mundo, porque o mundo non é monolingüe. O castelán e o portugués son dúas riquezas que nos permiten xogar o partido...

Hai moito que avanzar na relación coa lusofonía...
Si, co portugués temos que traballar moito. Galicia sempre entrou co pé cambiado nesa relación, tamén porque os portugueses nunca entenderon nada disto; os brasileiros enténdeno moito mellor, por certo. Botella medio chea ou medio baleira? Pois se botas a vista cara a atrás, que é como hai que facer, os saltos que se deron foron xigantescos. En 1975 publicáronse 68 libros en galego, hoxe saen cinco diarios. Fronte a iso é certo que hai unha perda de falantes, unha ruptura na cadea de transmisión da lingua. Hai que traballar aí.

Como vai ser o ano Piñeiro? Van ser unha Letras con polémica?
Pode habela, e non sería malo que a houbese. Piñeiro é un personaxe rico, Piñeiro non é un mediocre. Piñeiro é unha persoa que representa a todo un posicionamento do galeguismo despois da guerra diante da historia. Aí a tese de doutoramento de Miguel Barros vai ser moi interesante. Piñeiro o que fai, e cito a Barros, é unha teoría revisionista, fai a teoría revisionista do nacionalismo. Máis o menos, simplificando, é 'señores, até aquí chegamos cun discurso'. E constrúe un outro discurso, ligado a unha proposta política, que é a construción dunha identidade galega non arredista, con vocación galeguista e europeísta. E xogando á política, que é ver en cada momento que posibilidades temos en cada momento para actuar sobre o corpo social. Iso é a política, o outro é relixión. É un personaxe rico, mesmo para discrepar con el, que tamén discrepamos. As propostas que Piñeiro fai teñen unha enorme influencia sobre a realidade galega contemporánea. Pero neste ano tamén aqueles que romperon con Piñeiro tamén terán que explicar en que fracasou. Esa xeración dos Ferrín, dos García Bodaño, dos Alonso Montero, dos Franco Grande, dos Beiras, algún especialmente cultivados por Piñeiro, e que despois rompen con el, tamén terán que contar por que fracasan. Isto no que respecta ao aspecto político de Piñeiro, pero está tamén o seu labor como formador de xeracións. A correspondencia que mantén con Manuel María, Uxío Novoneira, Basilio Losada, co exilio..., é magnífica.

Que están vostedes preparando na editorial para as Letras?
Queremos facer é actualizar a Biblioteca Ramón Piñeiro, e publicar os inéditos que atopamos: un conxunto de apuntes de pensamento, ás veces de medio folio e ás veces máis extensos. Despois publicaremos parte da correspondencia que fomos atopando, primeiro a que mantivo con Basilio Losada, que é moi importante porque durou moito tempo e ademais están cruzadas, vas oíndo aos dous. E despois están os traballos sobre Piñeiro: a tese de Miguel Barros, que esperamos publicar na primavera, e outro ensaio de Alonso Montero.

Está convencido de que a influencia de Piñeiro foi tan determinante? Sen o seu labor teríamos chegado até este mesmo punto?
Eu non me formei no piñeirismo. Pero analizándoo agora, dende a actualidade, como analista político, Piñeiro e o seu entorno exerceron unha influencia e un liderazgo indiscutible. E cando a xente contactaba con el recoñecíalle unha lexitimidade histórica, porque aquí non houbo un goberno galego no exilio. Piñeiro e o que se chamou 'galeguismo histórico' eran a única referencia lexitimadora do pasado do país; iso, e o recordo do plebiscito de 28 de xuño de 1936. E non había máis, o resto eran castelos no aire. A crítica que moitos de nós lle fixemos naquel momento, os que militabamos na esquerda nacionalista, estaba baseada en que non entendiamos que despois dese discurso Piñeiro fixese un movemento cara ao PSOE. Dicíamos: 'Se Piñeiro quere xogar ese papel de influír nos partidos, pois que se quede fóra'. Pero fóra onde? Na torre de marfín?, aló arriba?, presidindo que? A Piñeiro importáronlle moito sempre as institucións, remachaba moito sempre o tema de crear institucións, máis que partidos: parlamento, goberno..., dicía que iso non tiña volta atrás e que tiña que ir co máximo consenso posible.

Dicía aquilo de que 'a autonomía crea autonomistas'...
Si, dicía que a autonomía ía crear autonomistas, porque ía crear toda unha rede de intereses, de emocións, de institucións, que logo xa non habería marcha atrás. E mentres tanto, as forzas nacionalistas estabamos discutindo as Bases Constitucionais. Mira un exemplo, no 75, Palmeiro e eu faciamos un programa na SER. Cumpríanse 25 anos da morte de Castelao. Ás 12 da mañá preguntámoslle a 62 persoas 'sabe vostede quen foi Castelao?' Das 62, dúas contestaron 'Creo que un debuxante galego'. Un confundíao con Castelar, e outros confundíano con Castelao, que era un tipo que tiña un almacén de froita, e dicían, 'non, aínda non veu por aquí'. Era patético.


4.2/5 (30 votos)