O próximo día 30 será xornada para as nostalxias e tamén para os sorrisos dos que terán o seu primeiro contacto con divertimentos que loitarán por facerse cun lugar no seu tempo de lecer.
Acto de presentación da mostra
O vindeiro día 30 de Agosto celebraránse en Santalla (A Pontenova) a II Mostra de Xogos e Deportes Tradicionais. Ata a localidade lucense chegarán máis de 300 deportistas procedentes de Galiza, Portugal, Euskadi, Asturias e Castela-León, que participarán nun programa onde se recollen perto de 100 xogos diferentes. A mostra presentouse o pasado mércores día 13, nun acto ao que, ademais dos organizadores, acudiron a directora xeral para o deporte, Marta Souto; directivos da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, e representantes do concello da Pontenova.
A mostra celebrarase nun espazo composto por varias parcelas que xuntan máis de 5000 metros cadrados con alpendres, hórreos, cabozos e moitos ferrados do monte característico do país. Un entorno que nos permite evocar aquel no que estes xogos se comezaron a practicar, contribuíndo así coa finalidade principal deste evento: concienciar á cidadanía para que non esqueza os xogos e deportes que se practicaban antigamente e que os maiores transmitan este patrimonio lúdico aos máis novos para que volva a formar parte do seu tempo de lecer.
A mostra de xogos populares máis importante de Galiza
O éxito da primeira edición fai que existan grande esperanzas depositadas nesta II Mostra de Xogos e Deportes Tradicionas, que se está consolidando como a convocatoria relacionada cos xogos e deportes tradicionais de referencia, tanto en Galiza como máis aló das nosas fronteiras. Así o recoñece Paco Veiga, directivo da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, botándolle as culpas ao feito de que "un mesmo evento une diferentes tipoloxías de xogos e deportes, algo que é moi difícil de conseguir".
Nesta II edición da Mostra incluiránse novidades, entre as que destacan as 18 modalidades deportivas de Euskadi que amosará a Federación Bizkaína de Xogos e Deporte Vascos. O Torneo Galego Individual de Bolo Celta, o Torneo de Chave ou o de Billarda, son só algun dos case 100 xogos que se practicarán en Santalla, entre as 11 da mañá e as 19:30 do vindeiro sábado día 30.
Aos organizadores, à senhora Marta Souto, aos directivos da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, e ao Concelho da Pontenova: MUITOS PARABÉNS.
À TVG: a ver se difunde, em alguma das duas canles, os Jogos.
Nom esperes tal cousa, aovelhaquemira. Estám mais preocupados polas medalhas da Espanha em Pequim do que por estes «Jogos Olímpicos Tradicionais».