Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CURIOSA PROTESTA

Un lucense percorrerá tres mil quilómetros en patín para pedir carrís bici

Arrancou este mércores 20, para facer un percorrido que o levará por cidades como Barcelona, París ou Friburgo.

Redacción - 13:00 21/08/2008
García Juanes preparado para a aventura / Foto: Ceciliobenito

García Juanes preparado para a aventura / Foto: Ceciliobenito

O lucense Xesús García Juanes comeza unha travesía de 3000 quilómetros nun patín adaptado especialmente para poder levar comida, roupa e outros elementos necesarios para esta viaxe. García Juanes saíu este mércores 20 de Lugo, e pretende chegar a Barcelona o día 21 de Setembro para participar no Día Mundial sen Coches.

Este criador de coellos, veciño de Castroverde (Lugo), mestura nos seus retos a realización persoal e a paixón polo contacto coa natureza, aproveitando para protestar por realidades que considera inxustas.

Amplo historial de protestas
Son varias as fazañas realizadas por este lucense nos últimos anos, como as 200 voltas á muralla de Lugo cando esta aínda non era Patrimonio da Humanidade, para reivindicar a concesión de este status. Máis tarde camiñou entre as catro capitais galegas, como protesta contra as minas antipersoas, e fixo tamén o Camiño de Santiago en sentido inverso, até Roncesvalles, coa ilusión de obter tantas novas doazóns de sangue como quilómetros percorridos.

Porén, os medios de comunicación comezaron a cubrir as ocorrencias de García Juanes cando este decidiu acompañalos dun elemento novo e morboso: o nudismo. O ano pasado subiu só con un taparrabos ao Pico Cuíña para reclamar a construción de un novo pavillón en Castroverde. Animado polo éxito decidiu repetir e incluso ampliar horizontes, polo que subiu escaso de roupa picos como o Aconcagua ou Kilimanxaro.

Veremos como corre a nova aventura de Xesús García Juanes, de novo vestido, disposto a chegar até o centro de Europa co seu patín de fabricación Finlandesa.


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: