ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ARTISTAS NOVOS PINTARÁN AS SÚAS OBRAS NAS PAREDES

Os barrios de Ferrol serán un inmenso mural

A iniciativa naceu para denunciar a situación de Canido, e agora o Concello apoiará a súa realización noutros lugares da cidade.

Redacción - 12:20 21/08/2008

En xullo, Eduardo Hermida e Gustavo Sequeiro, dous pintores novos do Barrio de Canido, puxeron en marcha unha experiencia de arte na rúa para darlle vida ao barrio e denunciar o seu abandono. O tema escollido para os murais, que comezaron a cubrir as paredes, foron As Meninas de Velázquez. Artistas novos da comarca e doutros lugares do país uníronse á iniciativa, entre eles o coruñés Jorge Cabezas, un dos creadores de gran proxección que xa viu a súa obra exposta en Nova York, Madrid ou Barcelona.

A obra de Cabezas, lonxe dos canons da arte figurativa, non gustou a algún veciño do barrio, que decidiu acabar con ela, pintando de branco a parede. Pero tamén esta nova obra de arte foi efémera, pois pouco despois a mesma parede foi cuberta por unha pintada de protesta contra a presenza dunha antena ilegal de telefonía móbil no barrio. Artistas de todo o país xa amosaron a súa solidariedade con Cabezas, que ten a intención de regresar a Canido para volver facer o mural.

Pero o que naceu como unha iniciativa illada de dous artistas foi crecendo, e o Concello de Ferrol interesouse polo proxecto. O martes a concelleira de Cultura, Yolanda Díaz, reuniuse cos creadores que están a participar na proposta para coñecela de primeira man e amosar o seu compromiso co proxecto. Así mesmo, Díaz anunciou que o Concello apoiará a experiencia e ampliaraa a outros barrios da cidade, nomeadamente a Ferrol Vello. Na iniciativa convidarase a paraticipar a artistas novos de toda a comarca.


4/5 (4 votos)


Comentarios (1)

xoanp #1 21/Agosto/2008 xoanp
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A doble moral!... agardo entón que en correspondencia, non impoñan as fortes sancións económicas do reglamento as demostracións igualmente artísticas doutras persoas con talento, pero sen tanto "nome", e sobre todo, sen padriños.

O de Yolanda Díaz hai que inscribilo na liña que se marca o goberno municipal de Ferrol, independentemente dos partidos (PSOE-IU) no que cada concelleiro fai o que pode por pisar o traballo... ou mellor dito, o protagonismo do concelleiro de ao lado... neste caso Díaz entra a saco a promover as pintadas (iso sí, con pedigrí) que autorizou(?) Ángel Mato.

...a todo isto, cando unha acción de denuncia se institucionaliza... onde quedou a denuncia que se procuraba? ...o colmo sería que as inauguraran oficialmente, e ollo, que todo se andará! :-(

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O vídeo recolle o momento no que dous descoñecidos realizan a pintada

O mural pintado por Jorge Cabezas
O mural pintado por Jorge Cabezas
A 'obra de arte' que o substituíu
A 'obra de arte' que o substituíu