Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
entrevista con Lis Latas

"Os puristas son músicos mediocres que, en troques de tocar, pasan o tempo cavilando teorías sobre a pureza"

O artesán lucense ideou un enxeño musical que revoluciona a música tradicional galega ao permitir o tempero da gaita sen lle tocar á palleta.

Clara Figueroa - 09:00 14/09/2008
Foto: Xesús Ponte

Foto: Xesús Ponte

O punteiro afinábel de Lis Latas vén de gañar a primeira edición dos premios Artesanía de Galicia. O enxeño patentado en 2002 tamén obtivo o premio en outubro de 2004 ao mellor invento do mes outorgado polo Club de Inventores Españois.

Vieiros: Como deu en imaxinar un enxeño como este?
Lis Latas: A idea comezou case por casualidade, como todas estas cousas. Aló polo ano 2000 comezamos a pensar que o ideal para tocar a gaita en condicións óptimas sería que existise un punteiro afinábel, un enxeño que permitise axustar o ton do instrumento sen ter que manipular a palleta. Esta peza é unha parte do punteiro tradicional que dá unha pequena marxe de tempero pero, á parte, tamén é fonte de son. Calquera pequena manipulación que permite a palleta para afinar a gaita fai que o instrumento perda sonoridade. O que fixemos foi separar a fonte de tempero da fonte de son.

Por que é tan complexo temperar unha gaita?
Todos os instrumentos teñen un estándar de afinación. Unha gaita achégase a este estándar só nunhas condicións de humidade e temperatura concretas, pero o gaiteiro non toca sempre a cuberto e ten moitos problemas nos directos.

Como é que até os 28 anos non comezou a fabricar gaitas, e tres anos despois patenta o afinábel?
Cando me deu por construílas eu traballaba en Musical Arco Iris e no grupo Reviravolta. Cun ano por diante, avisei: "dentro dun ano marcho e deixo todo, vou facer un obradoiro de gaitas". Cando marchei, aló polo 1999, invertira millóns de pesetas en maquinaria para facer gaitas sen sequera as coñecer por dentro e sen saber construílas, por suposto. O gran problema deste país é que ninguén che ensina a facer instrumentos. Cando chegas a un obradoiro, os artesáns sinxelamente bótante, como se foses roubarlles un segredo.

A chave foi o traballo en equipo con Pepe Vaamonde. Grazas á súa exixencia e ao seu control de calidade fomos avanzando rapidamente até 2002, cando patentamos o primeiro prototipo. Era un punteiro en tres pezas que xa tiña vantaxes, pero non as suficientes. Pasou tempo e despois dun estudo polo miúdo, fixemos unha adición á patente anterior e desenvolvemos o punteiro definitivo. Tamén patentamos moito máis do que chegaremos a desenvolver, porque a idea ten moitas aplicacións, pero non son viábeis aínda. Camiñamos en función das necesidades e, de momento, só temos dez dedos nas mans.

Que supón a efectos prácticos?
Mediante este sistema, a responsabilidade da afinación deixa de depender exclusivamente da palleta, da temperatura e da construción, pasando así a se poder modificar dependendo das necesidades.

Pode alguén preferir o punteiro antigo?
O afinábel e o punteiro tradicional non son incompatíbeis para nada. Quedan puristas do instrumento que, coma nós ao principio cos teléfonos móbiles, aínda pensan que non é útil, pero tamén hai quen xa só toca co moderno porque o considera unha mellora, coma Suso Vaamonde, que me dixo: "eu teño que subir ao escenario coa mellor ferramenta ao meu alcance e, para min, os teus punteiros son os mellores do mercado". É coma Fernando Alonso; se pode correr cun Ferrari non o vai facer nun Renault.

Que vantaxes ten sobre o punteiro convencional? Presenta algún inconveniente?
O afinábel é mellor porque soa igual que un fixo. Todo son vantaxes: se nas mesmas condicións producen a mesma calidade de son e, á parte, ten a posibilidade de se axustar, significa que é mellor. Hai máis diferenza entre dous gaiteiros palleteiros, ou entre construtores –gaitas Seivane, Mouriño, Sil…- que entre unha gaita soando con punteiro afinábel e outra cun fixo, non se distinguen.

Os defectos que pode ter o punteiro axustábel son os mesmos que podería ter un tradicional, pero menos: falta de notas graves para interpretar repertorios máis amplos, etc… por iso en 2008 ampliamos a patente de 2004 e creamos o 'punteiro de concerto', que grazas á incorporación das chaves, engade dúas notas por baixo que permiten interpretar pezas clásicas completas, algo que antes era impensábel, porque o rexistro do instrumento non o permitía. Simplemente, non tiña esas notas.

Xa hai quen toca seguido cos teus enxeños?
Os irmáns Vaamonde, Brais Monxardín, Xosé Manuel Budiño, Iván Costa, Anxo Pintos… Pepe Vaamonde vai quitar novo disco á rúa no que inclúe tres ou catro temas tocados con punteiro de concerto. Isto ten unhas connotacións moi especiais, posto que aproveitou esas dúas notas de máis que ofrece esta variante para crear un repertorio axeitado ás posibilidades do instrumento.

Que lle parece a fusión da música tradicional?
A fusión na música paréceme non só boa, senón necesaria. A música é algo vivo, de non se complementar estaría nos museos. É necesario continuar tocando repertorio tradicional á vez que agroman grupos innovadores ou mesmo transgresores. Táñolle moito medo aos puristas. Algúns deles son personaxiños perigosos, xeralmente malos ou mediocres músicos que non pasan tempo tocando, senón elaborando teorías sobre a pureza. Poñerlle fronteiras á música é moi complicado.

Que opina da polémica das “guerras de gaitas”?
Téñoo moi claro: O Miño non pasa por Escocia. É un tema do grupo Reviravolta que compuxemos cando empezou en Ourense o asunto da gaita marcial escocesa. As bandas en Galiza naceron da sinxela necesidade de agrupar a todos os gaiteiros. En troques, as bandas escocesas son herdeiras dunha tradición militar que non existe neste país. Marchar desfilando cunha gaita marcial cos roncos colocados cara arriba é un calco dunha tradición estranxeira e unha falta de amor propio. E subvencionar con cartos de todos unha "real banda" baixo o falso pretexto da defensa dunha tradición que non é nosa, non me parece xusto.


4,11/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Gaiteiros tradicionais. O do fol azul é Pepe Temprano / A imaxe tirámola do flickr de Xan do Batan
Gaiteiros tradicionais. O do fol azul é Pepe Temprano / A imaxe tirámola do flickr de Xan do Batan
Pepe Vaamonde (na imaxe) emprega os enxeños de Lis Latas
Pepe Vaamonde (na imaxe) emprega os enxeños de Lis Latas