Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Posíbel anuncio da data

O PSOE agarda que Touriño cumpra a consigna de Blanco e adiante as eleccións

Redacción / EP - 09:30 28/08/2008

O domingo 26 de outubro é a nova data riscada nos calendarios electorais dos cuarteis políticos en Galiza. Para convocar os cidadáns ás urnas ese día, a legalidade aínda lle concede ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, unha marxe de varios días. Así e todo, no contorno da dirección do PSOE en Galiza e en Madrid agardan que a confirmación pública do adianto se produza este mesmo xoves e na conferencia de prensa que terá lugar despois da reunión do Consello da Xunta.

Segundo as mesmas fontes, a presión é máxima sobre Pérez Touriño, que inicialmente expresara en repetidas ocasións e en declaracións aos medios de comunicación a súa intención de esgotar a lexislatura concedendo unicamente un adianto técnico á primavera de 2009 para non facer coincidir os comicios coas eleccións europeas.

De todas formas, e malia a forza que desde a dirección do PSOE, co vicesecretario xeral Xosé Blanco á fronte, se estaría imprimindo para que o adianto se anuncie de xeito inmediato, Pérez Touriño podería elixir non escenificar a decisión este mesmo xoves. Nese caso, a expectación trasladaríase ao próximo martes 9 de setembro, momento no que o presidente escollería o pleno do Parlamento para confirmar a data das eleccións, aproveitando a comparecencia solicitada por el mesmo para falar do actual escenario económico en Galiza. A escenificación parlamentaria desta decisión iría ademais relacionada coa reiterada afirmación que no inicio da lexislatura Emilio Pérez Touriño repetiu sobre a necesidade de facer do Parlamento o centro da vida política do país. De adiar o anuncio deica ese día, os socialistas non descartan que a data final para acudir ás urnas poida fixarse para o 9 ou mesmo o domingo 16 de novembro.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: